Agustín Fernández Paz: o alento emocional da Xeración do Medo. Crítica de Vanesa Oliveira sobre «Non hai noite tan longa»

3 Febreiro 2012

Blogs,Críticas,Narrativa

Vanesa Oliveira publica no seu blog Rosomil unha recensión crítica sobre a novela Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz.

 

As  noites non son tan longas con Agustín

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) ten unha ollada tranquila e inquisitiva. Afable e confiada. Un pode ler nos seus ollos os ollos dun neno. Os ollos de quen non esquece o pasado, de quen sempre quere aprender, de que sempre quere ensinar. O autor de O único que queda é o amor ou Corredores de sombra tece en Non hai noite tan longa (Xerais, 2011) coa precisión dun orfebre, o alento emocional da Xeración do Medo. Poucos libros resultan tan recomendables para todo tipo de lectores coma a última novela de Agustín Fernández Paz, que tan ben retrata a xente que padeceu as embestidas da Ditadura. E como as reaccións dos protagonistas: a covardía ou a loita marcaron os seus destinos e as súas conciencias. Gabriel fuxiu, Elsa ficou. Ambos sufriron pero non se deixaron vencer por ese estraño mal que aínda se deixa sentir en Monteverde. Gabriel necesita pór en orde a súa conciencia, vingar a memoria do seu pai para redimir a súa vida de ‘teatro’. Unha vida, a da familia do Mourelo, fendida en anacos que configuran un crebacabezas que Gabriel vai recompoñendo, á vez que lle desvela á súa sobriña, Milena. A inxustiza dunha condea falsa xustificada no pasado anarquista e republicano da familia. Unha ferida que o protagonista ten aberta, consciente de que a súa culpa, coma a pantasma do seu pai, nunca pechará até que non restaure a dignidade familiar.

A portada do libro, editado por Xerais, remítenos ao pasado do apartheid no sur de Estados Unidos. Nela, Rosa Parks, a costureira de Montgomery que se rebelou contra a segregación nos autobuses de Alabama negándolle a ceder o seu asento a un home branco, olla o que conseguiu: a eliminación da discriminación racial no sistema de transporte. “A de Rosa Parks foi unha lección de vida imposible de esquecer”, escribe este mestre irreductible.

A lección: loitar pola súa dignidade. Unha débeda que tamén quere saldar Gabriel Lamas, que abandona os seus trinta anos de emigración en París para achegarse a unha Comala chea de pantasmas. Séntese coma o detective Charlie Parker do Tout ce qui meurt de John Connolly ao que se lle aparecen os familiares mortos, como expresión da súa culpa. Estado de excepción, batallón Galicia, campo de refuxiados, resistencia, anarquismo, Radio Pirenaica. Forman parte do vocabulario dunha época de sufrimento que Gabriel lle descubre á sua sobriña, ávida de coñecer a historia da familia. Unha época na que as vítimas tamén foron culpables do seu propio esquecemento.

Sementa Agustín, coma sempre fai nos seus libros, o amor pola lectura. Dende literatura universal -Juan Rulfo, Shakespeare, John Connolly, Kafka, Pessoa- até a recente narrativa e lírica galega de autores como Cid Cabido, Marilar Aleixandre ou Méndez Ferrín. “A lectura é a mellor herdanza“. É un dos principios que guía a escrita de Fernández Paz.A súa estensa traxectoria literaria fíxoo merecedor en setembro deste ano do VII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil de SM, Resulta maravilloso ler a un escritor tan preocupado en todas as súas obras por divulgar o importante, aquilo que calquera debe ter en conta na súa vida, o respecto pola natureza, a diversidade e o amor.

Vanesa Oliveira

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.