Poder político e violencia machista na trama de «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras. Crítica de Ramón Nicolás

19 Decembro 2011

Críticas,Narrativa,Premios

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

 

Fronteiras vitais na cidade cero

Hai relativamente poucos meses que os lectores de La Voz de Galicia tiveron a oportunidade de seguir, diariamente, unha narración artellada por Diego Ameixeiras e que dispuxo baixo o título de Historias de Oregón, coa que conseguiu a undécima edición do premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, sumándose ao meu ver con acerto e dignidade á xa  longa nómina de propostas galardoadas neste concurso literario.

         De botarmos unha ollada atrás ás novelas premiadas neste concurso non é difícil albiscar como Diego Ameixeiras, que vén de colleitar un éxito rotundo co seu Asasinato no Consello Nacional, sabe situarse nese ronsel que, desde as instancias dunha limitación espacial determinada, conduce a soster unha trama próxima ás fronteiras do xénero negro. Con todo e se cadra dun xeito máis evidente e consonte cos seus trazos coñecidos como narrador de inequívoca vontade realista, aproveita esta proposta para dirixir unha ollada crítica, por veces incisiva e sempre reflexiva, sobre unha parte da sociedade do noso tempo, exposta sempre cun trazo claro, rápido e limpo. Neste sentido non podo deixar de sinalar que se á Oria de O porco de pé risquiano, lle seguiu aquela feraz e translúcida Auria blanco-amoriana, para entender algunhas das claves motrices dos modos de relación contemporáneos e mesmo para desvelar os recursos aos que obriga a supervivencia en contextos adversos cómpre, sen dúbida, asomarse ás aristas desta Oregón, desta cidade cero, dese transparente trasunto de Ourense polo que Ameixeiras xa transitara noutras entregas e que, alén de espazo físico desde o que irradian sólidas historias, chega a cobrar a un tempo categoría protagónica.

     Historias de Oregón bota a andar co suceso da desaparición dunha moza brasileira. De aquí en diante gandúxanse os fíos desde os que, a través de tramas paralelas expostas con vontade fragmentaria e que logo se irán compoñendo por si soas, un conxunto de personaxes  construídos con solvencia irán entrelazándose e deseñando un devalar cotián heteroxéneo onde  a presenza do malfado, das dificultades e da precariedade vehiculízanse a través de argumentos que recrean ou se espellan na vaga de incendios, na violencia machista, na cobiza polo poder político ou na inestabilidade laboral, constituíndo así focos de atención dunha novela que vai alén do simple divertimento e agocha moitas máis cousas.

Ramón Nicolás

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.