Alfredo Iglesias Diéguez publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Xeografía de Galicia, unha obra fundamental, cun enfoque do século XXI, coordinada por Mª José Piñeira e Xosé Manuel Santos
Xeografía de nós
Con perspectiva de hoxe
Nos últimos anos, a sociedade galega mudou visiblemente, non é preciso agora deterse en dar datos obxectivos que verifiquen ese feito; non obstante, quizais sexa preciso reparar nun feito ás veces esquecido: a profunda mudanza da sociedade galega non se operou no baleiro ou na abstracción, desenvolveuse con grande intensidade sobre o territorio galego.
Efectivamente, cando dende campos tan dispares como a socioloxía, a economía ou a historiografía estudamos esa transformación, o territorio, o espazo, é o gran ausente; non obstante, a transformación do territorio, consecuencia inevitable do desenvolvemento económico e urbano galegos, foi parella da transformación da sociedade.
Neste sentido, era necesaria unha obra que nos devolvese a capacidade de xerar reflexións, dende a teoría xeográfica moderna, sobre o noso territorio; unha obra que nos permitise pensar os conceptos xeográficos fundamentais (paisaxe, ordenación do territorio, urbanismo…), dende unha perspectiva de noso.
Velaí o “espazo” que vén ocupar Xeografía de Galicia, unha obra na que baixo a coordinación de María José Piñeira Mantiñán e Xosé Manuel Santos Solla, se analizan as diferentes realidades que afectan ao territorio galego cunha perspectiva moderna e actualizada.
XERAIS



