Os libros de Víctor de las Heras e Emilio Alonso centran o artigo de Manuel Bragado «Vigo a explosión dos 80»

5 Decembro 2011

Artigos literarios,Crónica,Fotografía

Manuel Bragado, director de Xerais, publica en Faro de Vigo un artigo de opinión centrado en Vigo a partir de dous libros publicados recentemente por Xerais: Vigo. A explosión dos ´80, de Víctor de las Heras e Vigo a 80 revolucións por minuto.

O 27 de decembro de 1981 o cine Salesianos, que rexía Salvador Penín, acolleu un dos concertos do Nadal Rock, organizados pola Concellaría de Cultura do Concello de Vigo, que rexía Francisco Santomé. Ao escenario subiron catro grupos: os portugueses Arte e Oficio, os madrileños Nacha Pop e dous vigueses, Trenvigo e Siniestro Total. O primeiro formado polo cantautor Bibiano Morón, que decidiu mudar de estilar e fichar aos membros do grupo Druída, Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez. O segundo, unha formación que se estreaba aquela noite formada polos membros de Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, Alberto Torrado, Miguel Costas e Julián Hernández, ao que se engadía como cantante Germán Coppini. Para Emilio Alonso, responsable do programa de información cultural A Trincheira, de Radio Cadena Española en Vigo, aquel festival constituíu a epifanía do movemento cultural e social que se desenvolveu en Vigo ao longo da década dos 80, bautizado, quizais non do xeito máis afortunado, como “a movida”.
Dous libros recentes de Xerais, Vigo a 80 revolucións por minuto, do citado Emilio Alonso e Vigo a explosión dos ´80, do fotógrafo Víctor de las Heras, retratan dende perspectivas complementarias un fenómeno cultural e social, unha euforia creativa moderna, de interpretación complexa que tendo o seu eixo vertebrador na música (un centenar de grupos de pop-rock) desenvolveuse tamén noutras disciplinas das artes (poesía, teatro ou plástica), da moda, do comercio, da hostelería ou da comunicación. Unha axitación artística que se produciu probablemente máis de noite ca de día. Unha sorpresa que convertíu a unha cidade de tradición industrial e portuaria nun referente de modernidade capaz de atuar a aquel Madrid de “la movida” e de “la nueva ola” de Alaska do que fachendeaban o alcalde Enrique Tierno Galván e o presidente da comunidade Joaquín Leguina, políticos que chegaron a visitar ambos os dous a nosa cidade.
Aquel Vigo foi tamén o da reconversión naval, anos dunha durísima pelexa sindical para salvar o futuro de Ascón e logo de Vulcano, no que a cidade tirou todo o seu carácter revolcado e os metalúrxicos toda a súa afouteza para defender na rúa con impresionantes manifestacións (como se ve nas fotos de Víctor de las Heras) o carácter de cidade industrial e identidade obreira. Anos nos que as feministas saíron a rúa para pelexar polos dereitos da muller e polo aborto libre na Seguridade Social e as mobilizacións contra os verquidos nucleares na fosa atlántica e as manifestacións anti OTAN, diante do xiro atlantista de Felipe González, forxaron os alicerces do movemento pacifista, ecoloxista e de educación para a paz. Anos nos que os estudantes de BUP e COU dos institutos vigueses se mobilizaron de forma contundente, como se facía case todo naquel tempo, esixindo pases para o Vitrasa. Década na que a heroína e a aparición da sida comezou a facer estragos sobre unha xeración de mozos desencantada tras anos de mobilización antifranquista dos seus maiores e de expectativas non satisfeitas no proceso de Transición e Reforma Política.
Os oitenta foron, tamén, os do “compañeiro” Manoel Soto como alcalde, gobernando en fráxil minoría, nalgún caso co apoio daquela elegante Esquerda Galega de Camilo Nogueira, sempre cun compromiso firme coa lingua galega e co protagonismo de Vigo no proceso de modernización iniciado pola Autonomía. Foi o tempo de maior protagonismo de Antonio Nieto Figueroa “Leri” na corporación, mais tamén dos seus campionatos de praias e dos seus “felices en Vigo”. Foron os da inauguración da ponte de Rande e da loita polo derrube do escalestri (a icona dos 80), os da colmatación urbana da aba do Castro cara ao Val do Fragoso e do polígono de Coia, convertido na sexta cidade de Galicia, sen contar apenas con servizos sociocomunitarios. Foi a década de dous ascensos a primeira do Celta e daquel mundial de Balaídos no que xogaron Italia, Polonia, Perú e Camerún. Tamén a da inauguración do Teatro e do Auditorio García Barbón da Caixa de Aforros (1984), a do primeiro Festival Internacional do Mundo Celta en Castrelos, a da apertura da Universidade Popular de Vigo na Escola de Artes e Oficios, a do Museo Laxeiro. Como tamén da publicación de Tintimán (a revista obxecto), do suplemento Pharo the Bego de “Faro”, da primeira concesión do Premio Xerais de Novela no Hotel Bahía ou do comezo da publicación de “Atlántico diario”.
Probablemente, aquela explosión dos 80, como ten sinalado o xornalista Fernando Franco, “aquel cóctel de política, deporte, cultura e sociedade”, contribuísen a conformar o Vigo que agora somos, esa cidade que, a pesar de crises brutais de emprego (como a que agora vivimos) e da febleza das súas élites económicas e políticas, non desiste no seu dinamismo e na súa vontade disruptiva.

Manuel Bragado

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.