Acción política e Galicia en «Luís Soto. A xeira pola unidade galega». Artigo de opinión de Eduardo Gutiérrez

1 Decembro 2011

Artigos literarios,Críticas,Crónica

El Progreso publica un artigo de opinión de Eduardo Gutiérrez  sobre Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González

Un libro sobre Luís Soto

XURXO Martínez González é un mozo, investigador histórico de vocación, rigoroso e perspicaz, que paseniñamente se vai especializando na biografía de figuras galegas que desenvolveron unha parte da sua vida no exilio. No ano 2007 ocupouse de Fuco Gómez e agora ven de publicar, en Edicións Xerais, ‘Luis Soto. A xeira pola unidade galega’. Tal e como se sinala na obra, Soto é unha figura un tanto descoñecida, pero con implicacións importantes mesmo na historia recente de Galiza, particularmente de aquela propia do que o autor chama “o primeiro partido arredista e de clase contemporáneo”, da que fora elexido presidente.

Pero a traxectoria vital de Soto pasa por moi variados e accidentados pasaxes: emigrante moi novo na Arxentina, mestre con grande actividade sindical antes da guerra e despois, e sempre militante moi activo do Partido Comunista de España. En calidade de tal, acompaña a Castelao na sonada viaxe a Estados Unidos e Cuba nunha xeira de propaganda a prol da República. De aí procede tamén, aquela especie de título, que se lle apuña nalgunha clandestinidade, de ‘secretario’ do lider nacionalista. O propio autor deste libro destaca tamén as retesias que había no eido galeguista de posguerra pola excesiva proximidade de Castelao aos comunistas.

Mais aparte desa colaboracióne amizade cordial co rianxeiro, unha das tarefas máis importantes de Luis Soto foi a actuación no seo do Padroado da Cultura Galega de México, entidade editora da prestixiosa revista ‘Vieiros’, un verdadeiro fito na historia hemerográfica de Galiza, tanto en contidos como en deseño e impresión lembramos que foi unha das nosas primeiras adquisicións na benemérita ‘Librouro’, daqueles envios que recibía Patiño procedentes de alénmar. A estudar este período e en xeral importantes aspectos da vida política no exilñio, dedica Xurxo Martínez unha parte importante da sua obra, empregando material praticamente inédito, procedente do fondo Luis Soto que se conserva no Arquivo Provincial de Ourense. Capítulo igualmente decisivo é o consagrado á fundación da UPG, á crise do ano coa expulsión de militantes históricos e á fundación da UPGLiña Proletaria.

O autor sinala no prólogo da obra, que non se deixou engaiolar polas teimosas indicación recibidas de xente afín ao biografiado, e que procurou manter “unha certa distancia”. Temos as nosas dúbidas sobre o particular, porque é tarefa sempre extraordinariamente complicada, e máis ainda logo de meses de intenso traballo de pescuda e análise, co risco de converter a convivencia en connivencia.

Con todo, ao noso xuízo Xurxo Martínez realizou unha completa e interesante biografía máis centrada na actuación política de Luis Soto que na sua peripecia vital, valor que nós aprezamos, ainda que quizais porque se trata, ao noso xuízo, dunha perxonaxe non especialmente atractiva.

Eduardo Guitiérrez

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.