Cara á disolución da narrativa tradicional: Crítica de Armando Requeixo sobre «Ninguén», de Fran Alonso

28 Novembro 2011

Críticas,Narrativa

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica sobre Ninguén, de Fran Alonso, nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

Os ruídos solitarios de Fran Alonso

Fran Alonso leva anos avanzando por un vieiro creativo que o proxecta cara á disolución da narrativa tradicional e que acabará por polarizalo, cada vez máis, arredor doutros espazos mestizos da escrita, hibridación interxenérica que xa se anuncia —e moi visiblemente— nos seus últimos volumes publicados.

Este é o caso de Ninguén, libro de relatos no que o mundo virtual da Internet e, moi especialmente, das redes sociais alimenta unha arañeira textual inzada de hoax ou bulos masivos na que habitan os internautas e, por extensión, os que non o son pero con eles tratan e interactúan.

Por súa vez, Alonso concentra a cada volta a súa direccionalidade temática nun único e omnívoro asunto que imanta calquera outra circunstancia ou motivo: a incomunicación. Unha incomunicación que nace da soidade na que vagan os seus protagonistas urbanitas, condenados ao suplicio de Tántalo: estar rodeados de ducias, de centos de persoas e, porén, continuar nunha transcendente e íntima soidade radical, case que ontolóxica, que os afasta dos outros definitivamente.

O causante deste mal endémico da soidade incomunicada non é outro que o ruído, a perturbación sonora de fondo, mais tamén toda a barafunda que nos envolve, que nos condiciona bloqueando a nosa expresividade potencial, obstaculizando a comunicación efectiva, anulando a conexión interindividual e colectiva.

Diso tratan, en esencia, as dez historias de Ninguén, aínda que, xaora, cada unha delas mudule argumentalmente escenarios diversos, nos que ten cabida tanto o retrato comunitario e psicosocial (como no moi carveriano “Veciños” ou en “O edificio Benestar Social”) coma o territorio simbólico (así no reencarnador “Home Vello e Muller Vella”), a relectura metacrítica (no inxel “Comunidade literaria”), o fantástico puro (caso de “Ninguén”, con recendos dos grandes do xénero), os relatos do obsesivo (igual na vagabundaxe de “Estilo de vida” ca no angustioso “Vacacións” ou o compulsivo “Pola boca morre o peixe”) e, por suposto, os ichós destrutores da identidade que ameazan no ciberespazo (o tópico “Esperando” e o iterativo “Lista de correo”).

Ganduxando todo este mosaico de retallos os e-mails hoax que serven para dar cohesión ao conxunto e ancoralo nesa real virtualidade na que, deliberadamente, se sitúa o libro, rematado por un epílogo do autor (“Os meus veciños”) innecesario, pois explica o evidente para os que son quen de ler un libro coma este e nada conseguirá aclarar aos que non están na clave de lectura axeitada.

Non quero rematar sen chamar a atención sobre a moi elaborada transposición alegórica que amosa a imaxe de cuberta realizada por Manuel G. Vicente, descritiva parábola visual na que o recoñecido fotógrafo soubo esencializar a mensaxe que transmiten os relatos de Alonso.

Ninguén é un berro mudo ante a perplexidade dunha sociedade que esfarela, que se distancia entrópica e agonia na súa imposible intercompresión global. Nunca antes foi tan doado aproximarnos, retroalimentar as nosas vidas co intercambio experiencial. Mais tamén endexamais foi tan notoria a distancia sideral que nos arreda, o solipsismo autoimposto no que nos encerramos, alleos a todos e a todo, insolidarios, ruidosos e bárbaros, nun mundo que camiña cara á incerteza do real e o espellismo do virtual.

Armando Requeixo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario

Olark Livehelp