«Extramunde», de Xavier Queipo. Crítica en Trafegando ronseis

16 Novembro 2011

Blogs,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Trafegando Ronseis publica unha recensión crítica sobre Extramunde, de Xavier Queipo.

Veño de ler o Premio Xerais de novela 2011: Extramunde de Xavier Queipo. Estamos a falar dunha boa novela moi ben escrita, con gran capacidade descritiva, que se desenvolve en pleno século XVI cando as vidas valen o que o Santo Oficio permite. Un libro que desenvolverá a súa historia a bordo dun barco que debe navegar na procura do máis alto dos nosos anceios: a liberdade, construíndo así unha novela de aventuras precisa e equilibrada que, para min, chegará á súa máxima plenitude na última parte da novela, cando o último protagonista terá que chegar a ser un indíxena máis nunha selva perigosa e afastada. Esta última parte creo que é cumio de toda a historia, a que semella máis interesante e a que resulta máis próxima para un lector ávido por chegar a adentrarse nesa maraña de posibilidades que a novela enleou nas súas páxinas. Novela de aventuras e de personaxes, posto que moitos deles resultan de en por si altamente interesantes. Gústanos o cego de Zas como narrador oral ou “contacontos”, o naturalista que escribe o seu diario, ou a importante virtude que amosa Paulos co seu don de linguas; todos eles son protagonistas posto que non podemos asegurar que a novela presente un só, senón que cada parte dálle máis importancia a un personaxe diferente.
Pero, e voulle poñer un “pero”, o libro resulta frío, e por frío entendo que non logra conmoverme, que non chego a preocuparme polo que lles poida ocorrer aos personaxes, que non os percibo coma meus. É unha gran novela, que entra pola porta grande na nosa historia literaria, pero o obxectivismo e o distanciamento que o autor provoca na súa escrita constitúe para min unha lacra á hora de “sentilo” posto que non logra transmitirme a lóxica indignación ante as inxustizas ou a preocupación nerviosa en calquera de tantos avatares contra os que esa curiosa tripulación ten que loitar. Faltoume a emoción que como lectora me gustaría sentir nunha novela cargada de aventuras, desventuras, loitas, medos, desexos e afliccións. Esa emoción que procura un libro cando non podes deixalo de lado nin cando non podes facer outra cousa máis que pensar nel constantemente, desexando volver a abrilo e viaxar con el a ese século que nos describen.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.