O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publicou unha recensión crítica de Dolores Martínez Torres sobre Ninguén, de Fran Alonso.
Con prosa amistosa
Relatos da alienación
“Moita historias entrelazadas a través dos hoax, os bulos que chegan a través do e–mail”. Así define o autor este conxunto de relatos curtos sobre o un e os outros, dez contos e outros tantos modelos de mensaxes que, o mesmo que anacos dun espello roto, presentan un reflexo –fragmentado e literario, si, pero á vez realista e revelador– da vida moderna, onde, a cotío, baixo unha aparencia de normalidade, latexan enfermizas incongruencias e envelenadas contradicións. No comportamento dos protagonistas –tipos comúns e correntes, coma eses que nos cruzamos na rúa, cos que coincidimos no ascensor ou, sen sabelo nalgún foro ou lista de correos; se cadra, tipos coma nós mesmos– detéctanse, en efecto, os síntomas canónicos da alienación: illamento, comunicación interpersoal dificultosa e en moitos casos mediante intermediarios, baleiro, frustración, redución da capacidade individual incerta peza dun mecanismo descoñecido…
Os conflitos entre o común e o privado, entre o rural e o urbano, entre realidade e ficción/mentira/desexo xorden dunha difícil, senón imposible, adaptación ao medio, multiplicados pola dependencia cara aos aparellos tecnolóxicos (“pura ortopedia”, que diría o amigo de Mafalda) e mais á realidade paralela –coas súas particulares verdades e mentiras, coas súas urxencias e tamén as súas trampas– dos mundos virtuais.
Non hai tanto tempo, cando non había ordenador, nin móbil, nin internet, nin GPS e case nin radio no coche, a maioría destes relatos parecerían ambientados nun futuro de ciencia–ficción: nunha era chamada, ironicamente, “da información”, na que a xente, disociada entre o anonimato das portas fechadas e o exhibicionismo das pantallas abertas, estivese intoxicada por unha sensación de compañía, de globalidade, de participación e de coñecemento, mentres habitaba nunha falsa seguridade que, ao fallar, deixaría patente a fonda soidade do individuo, o seu desvalimento ou a súa insania.
A prosa amistosa e fácil –que non inxenua– de Fran Alonso abre unha fiestra acesa no interior dos patios do edificio, nas mentes dos veciños e mais nas súas caixas de correo electrónico; substitúe o ritmo dos diálogos polo tempo de chat e ben con humor ou piedade, ben con arrepío ou con crítica, póusase nas perversións/subversións que rexen as relacións humanas na sociedade contemporánea, concretadas no retrato destes micromundos poboados de ruídos e presenzas non sempre escollidas, que ás veces son suxestivas e outras veces invasoras. Ou, peor aínda: ao outro lado, non hai ninguén.
XERAIS
