25 aniversario de “Polaroid” de Suso de Toro: Acto literario en Compostela

4 Novembro 2011

Eventos,Narrativa,Presentacións

Edicións Xerais de Galicia e o IES Rosalía de Castro de Santiago organizan o vindeiro xoves, 10 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Rosalía de Castro , rúa San Clemente, s/nº de Santiago, o acto literario “25 aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro” que contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, Pepe Barro, José Manuel Estévez Saá, Rexina Vega, Rosa López Gato, Suso de Toro e Iago Martínez que actuará como moderador.

Con motivo desta celebración, Suso de Toro escribiu:

Tras “POLAROID”

Por Suso de Toro

No ano seguinte á súa edición Polaroid entrou nas aulas dalgúns institutos de ensino medio, e non deixou de sorprenderme. Cando estaba a escribir, fabricar, aquel artefacto sentía o gozo da creación un tanto desesperada: quén me había editar aquel libro tan extravagante e bizarro?

Lembro que foi o meu amigo Pepe Barro quen lle falou do libriño anterior, Caixón desastre, a Luis Mariño, naquela altura o editor de Xerais, e o Luis interesouse polo que estaba a escribir.  Luis Mariño era todo un personaxe dun Santiago e dunha época que merece ser contada algún día, sobre calquera outra cousa era un home moi culto e sempre a uliscar calquera nova na cultura e nas artes. O que estaba no aire apañábao el e logo transmitíao, era un axente comunicador. Non sei ben a lectura que fixo daqueles folios escritos na máquina “Underwood” que aparece fotografada no libro nin tampouco da idea de que a fotografía fose parte do discurso do libro. Sei que a min amosoume o entusiasmo dun rapaz que estivese a argallar unha trasnada, como que estabamos a armar un foguete literario. Anos despois díxenlle a outro editor que se non fose o Luis ninguén me editaría semellante libro naquel tempo, contestoume que el si o tería editado. Non o crin daquela nin o creo hoxe, editar Polaroid foi un dos atrevementos do Luis Mariño, un editor que estaba alén da intrepidez. Obrigado, Luis.

Foron tamén intrépidas aqueles ensinantes que se atreveron a introducir entón nas aulas un libro así e que lles creou problemas en varias ocasións. Desde aquela ten mudado a cultura social e a través da televisión e da internet os rapaces medran co coñecemento dun nivel de violencia e de brutalidade na linguaxe que daquela era impensábel fóra dun libro adulto e minoritario, naqueles anos aqueles anos un libro así nunha aula era unha brasa nas mans. E, con todo, déronllo a ler aos seus alumnos adolescentes, había ser interesante lembrar os motivos daquela elección literaria. Pode que fose porque achasen nel méritos expresivos e pode que fose tamén porque encontrasen alí cousas que lles resultasen novas e que considerasen útiles para o seu alumnado.

Pasaron os anos e así e todo, a pesar da miña mala memoria, lembro con moita claridade o día no que á fin fun a Vigo coñecer o meu editor. O anterior libriño editáramo a universidade de Santiago e aquela era a primeira vez que trataba cun editor profesional e que ademais mostraba ilusión por editar o libro, supoño que é algo que un autor non esquece. Son ben lindos case sempre os comezos e mais é linda a xuventude. E coido que Polaroid ten algo do espírito da xuventude, téñolle envexa, pego no libro agora e aínda me bate con forza. Os primeiros libros créanlle logo incomodidade ao autor que foi escribindo outros e evolucionando, tamén Polaroid lla crea ao autor e con todo non podería renunciar a ese libro. Adoro esa intrepidez, esa insolencia. É evidente que non todo o mundo comparte esa querencia miña, é natural.

Desde sempre entendín que para un escritor non é cousa boa o frecuentar o trato doutros escritores, probábelmente nunca me acabei de sentir un escritor de vez e sempre me sentín un intruso, iso confirmóuseme xa por entón. Debeu ser nese ano de 1986 que coincidín cunha figura das letras, cando logo lle preguntaron “e que tal fulano é ese tal Suso de Toro?”, contestou sen dubidar: “Un completo insensato. Un tipo perigosísimo.” Iso é mesmo música nos ouvidos para ese lado salvaxe e infantil que necesariamente ten todo artista, mais non estou certo eu de que lle deba dar completamente a razón. Hai máis racionalidade da que parece nesa literatura e mesmo nesa figura de autor e non se entende cabalmente Polaroid nin ao seu autor naqueles anos se ignoramos o contexto histórico. Naqueles anos a Galiza estaba envolta nunha brétema de mixtificacións, tanto creadas desde unha autonomía que se estaba a instituír sen convencemento ningún por elementos moi reaccionarios como desde o nacionalismo galego, que vivía nun mundo de ensoñacións, incapaz de ser autocrítico e de aceptar a realidade social existente, tan complexa. E pois é un libro conscientemente inconsciente e por responsabilidade é irresponsábel e custiona ideolóxicamente aquelas mixtificacións consensuadas. E todo por causa de abrir camiños que me pareceron cerrados.

Tamén había de dicir aquí que sigo a pensar que a insistencia dos escritores en ofrecer unha imaxe de respectabilidade, de formalidade, é unha confesión de que desconfiamos de nós propios, tememos á nosa mesma natureza, que se alimenta da irracionalidade na que beben todos os artistas. Todo o que o artista ofrece aos demais nace primeiramente dese lago escuro do irracional. Se a sociedade pídenos finxir o que non somos daquela é que non nos acepta como somos.

O autor nunca foi tan libre como cando o escribiu e, sendo a creación literaria sempre un tipo de gozo, tampouco nunca se divertiu tanto. Pode que toda a graza que teña o libro estea aí, a alegría da liberdade creativa. Eu posteriormente referinme a asuntos estéticos para xustificar o seu valor; mixiricadas, todo se resume nun escritor novo que escribe o que quere e quéreo todo. Pura autoexpresión dun autor.

Desde o momento da edición tiven conciencia de que aquel libro aínda era un paso previo dentro dun propósito, ese propósito aínda me había pedir un libro máis extenso e elaborado e que acabou sendo Tic Tac anos máis tarde. Sen embargo non preciso xustificar “Polaroid” por propósitos máis amplos, pasan os anos e sigo a velo novo e incómodo, non muda a súa natureza ríspida, sempre a rir, sempre coa súa dor. As súas páxinas percorridas por inesperados arames eléctricos, nunca un “clásico” e sempre deliberada e ferozmente imperfecto. Teño envexa daquel autor que o escribiu, nunca xa alcanzarei a graza que el tiña.

Eis este libro que só existe en galego, nunca acabei de decidirme a editalo noutras linguas. Non sendo un libro autobiográfico e totalmente íntimo, está aquí a miña dialéctica co meu país, o meus países, a Galicia e a Galiza. Sempre pensei que as cousas que se falan a voces entre o autor e os seus países eran cousas moi particulares e que non se comprenderían ben fóra da familia. Quen sabe se non estou equivocado, pois todo cambia. Até desaparece o sistema de revelado da marca “Polaroid”, forma parte xa das cousas idas, da melancolía. Sen dúbida que ler este libro hoxe tamén é viaxar a algunhas cousas idas. Supoño eu. Con todo, trasncorridos vintecinco anos e atravesados limiares na vida do autor que non teñen volta, sigo a gustar del. Será porque Polaroid xa é pasado mais é un pasado presente.

Santiago, 10 de novembro de 2011

1 comentario

  1. […] artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que supón para a literatura galega a celebración do vinte e cinco aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro. Hai algúns libros e autores marcantes, capaces de […]

    Pingback by Brétemas » «Polaroid 25», artigo en «Faro de Vigo» — 1 Decembro 2011 @ 7:12 p.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.