Vídeo da presentación de «Extramunde», de Xavier Queipo, Premio Xerais 2011

24 Outubro 2011

Narrativa,Premios_Xerais,Presentacións

Reproducimos un vídeo da presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, gravado por Xabier Viana, a quen lle agradecemos a súa xentileza.

Entrevista a Manuel Rivas: «O ser humano non ocupa o centro de interese das institucións»

Autores,Entrevistas,Narrativa

El Ideal Gallego publicou unha entrevista de Carmen Alonso con Manuel Rivas a raíz da próxima publicación de O máis estraño, o volume que recompila os seus contos.

Se cadra, o segredo da súa obra atópase na súa mirada de rapaz. Ese alzar os ollos para verlles á cara nos seus personaxes. Porque semella que o Rivas narrador, a meirande parte das veces, mira dende abano cunha curiosidade natural propia das crianzas, que deriva en admiración unhas veces, en complicidade outras e Don poucas, en receo, mesmo en medo. Unha mirada directa a alma, galega e universal como universais son os libros que Manuel Rivas escribe en galego con personaxes e espazos

“O ser humano non ocupa o centro de interese das institucións”

O mércores presentará en Santiago unha recompilación dos seus contos baixo o título O máis estraño (Xerais, 2011), que xi tefien unha versión castelá publicada por Alfaguara, que o escritor coruñés presentou en Madrid o pasado xoves.

—Por que se sente tan cómodo na narrativa breve e no conto?

—Eu penso que é un xeito de escribir e non sei se de vivir, Escribir un conto é como manter un misto prendido na man ata que queima os dedos. É un andar intenso no que se entrelazan casualidade e causalidade, como se estivésemos nun ring, nun ring circular. Os surrealistas dicían que no círculo é onde se dan cita os antónimos: a luz e a escuridade, a vida e a morte… Un contoé como un círculo.

—Poderíase dicir que o Rivas narrador absorbe no Rivas poeta?

—O poeta alimenta no narrador, entendendo que a poesía é manter o sentido das palabras e facer que escintilen. Para min a poesía está máis asociada a un xeito de ver que a unha métrica ou a un formato. Hai poemas sen poesía e hai novelas con moitísima poesía.

—Un dos últimos xéneros que ven de cultivar é o guión cinematográfico. Como viviu a experiencia de escribir nnha película?

—Eu estaba a traballar nunha novela e no medio dese traballo chegoume a proposta de escribir un guión, entón comecei a facer un traballo híbrido ata que me decatei de que non podería confeccionar o guión mantres non rematase a novela. Son da mesma opinión que Graham Greene, que dicía que primeiro ten que haber un libro e despois xorde a película. Para mín supuxo un esforzo de precisión moi interesante; hai cousas que a cámara vai narrar por si mesma e iso por moito que escribas non o vas sustituir. En “Esperando a Godot”, de Samuel Beckett, toda a escenografía, todo o espazo está descrito tan só con cinco palabras.

—Foi a súa primeira experiencia como guionista?

—Non, xa fixera dous guións para á televisión e algunha curta, pero si que foi o primeiro para un filme. Sempre fuxín disto por respecto, pero agota fíxeno polo desafio que supuña. É interesante e eu non o vexo esgazado da literatura, para min é unha pola da literatura. Literatura e cine manteñen

unha relación de fertilidade, moi fecunda.

—Vostede é académico da Real Academia Galega dende hai un par de anos, acaban de nomealo doctor honoris causa pola Universidade

da Coruña… Cando a un autor comezan a pasarlle estas cousas, muda algo?

—No meu caso fai que estea máis atento á realidade. Vou ás xuntanzas da Academia, pero non son académico todo o día, como tampouco vou ser doutor todo o día; eu son escritor. A min o que me gustaría é volver a ser estudante e selo na Universidade da Coruña, anque xa vou un pouco vello para iso.

—Como académico, qu pensa do manifesto O xogo das cadeiras” contra a discriminación da muller por parte da RAG?

—Penso que a composición da Academia non é xusta e apoio o sentido dese texto. Non o digo aquí porque estea nunha entrevista; alí expresei o mesmo. Na RAG fai falta unha actitude activa, un plan de futuro para romper ese desequilibrio inxusto. Pero eu non a considero unha institución machista, xa que iso implicaría unha actitude activa, ideolóxica a prol da supremacía do macho, unha circunstancia que alí non se dá.

—Vostede é un escritor que escribe coa alma. É alma o que está a faltar no mundo de hoxe?

—Totalmente. “Alma” é unha palabra que expresa moi ben o que se quere dicir con ela. Cando se di que unha cousa ten alma ou tamén cando se di que algo é desalmado está moi claro o que se transmite… 0 gran problema no mundo actual é que o ser humano non ocupa o centro de interese das institucións. A referencia no ser humano mesmo desaparece da linguaxe. Eu non escoito a ninguén do FMI nin dos bancos centrais, ni de ningún Goberno falar da barra de pan nin do litro de leíte.

Todo son magnitudes, cifras irreais que acaban por volver irreal a propia realidade.

—Foi á manifestación do 15 O?

—Si. Estiven na da Coruña.

—Cre que remataremos asistindo a unha revolución global?

—Algo así ten que pasar. Pareceume moi importante que houbera unha resposta da mocidade cando se falaba dunha xeración perdida, indiferente. O poder mantén unha postura hipócrita; no fondo prefiren que os rapaces estean no botellón que tanto critican a que saían á rúa a esixir dereitos. Dicir que “non” é moi importante e moi difícil. Esixe certa coraxe para o enfrontamento. Había tempo que non se producía unha resposta planetaria e hoxe as respostas teñen que ser así, globais e planetarias.

Carmen Alonso

«Poñente», de Pere Tobaruela, e o temor ante o Penalti que suxire Jaureguizar

Artigos literarios,Narrativa

Jaureguizar centrou  o seu artigo de opinión desta fin de semana en El Progreso nun determinado momento e actitude da historia de Galicia e na novela Poñente, escrito polo escritor catalán afincado en Galicia Pere Tobaruela.

O temor ante o penalti

GALICIA tivo un momento idóneo na súa historia. Como esa tarde no que os adolescentes acertan a coordenar piercing e montura de gafas. Perfecto Saavedra, o catedrático de Historia Moderna, situoume naquel tempo próspero: o textil no interior, as ferrerías nas montañas do Leste, as curtidurías na bisbarra de Santiago, a pesca en todo o litoral. A nosa achega demográfica era do 13% estatal. Iamos sobrados a respecto de Cataluña. As condicións eran inmellorables para sermos un país dos que galopan nos séculos. Pero algo fallou. Representamos‘El miedo del portero ante el penalti’ (Alianza), coma no libro de Peter Handke. Saavedra sabe excesivas cousas sobre o século XVIII como para explicarmas. «Hai moitos factores», foi o seu xeito educado e humilde de facermo ver. A conclusión é que Galicia no se atreveu a chutar con furia, a artellar unha influencia en Madrid consonte ao seu potencial. Talvez por non molestar, que sempre fomos ben mandados. E viñeron outros a axitar o país por nós, como sempre acontece na realidade e nunca nas novelas. Os homes chegados do nacente foron os fomentadores cataláns que puxeron a andar a industria. Eles salvá- ronos a pesca, pero o demáis marchou canda a desidia dos que apañaran capitais e deron en erixir igrexas e pazos. Pere Tobaruela tamén procede do mesmo punto cardinal, pero hai so uns anos. Aprendeu o noso idioma, tanto como para escribir novelas, que lle saen como ‘Poñente’ (Xerais). O industrial catalán Josep Sarduní ocupa unha das tramas, a histórica, co seu empeño por quitar adiante unha salgadura. O sal servía para conservar; ata para emprender, teimamos en conservar.

Jaureguizar

Os límites entre ficción e realidade con protagonismo das redes sociais: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Ninguén» de Fran Alonso

Críticas,Narrativa

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre  Ninguén, de Fran Alonso.

ANONIMIA E CONVIVENCIA

FRAN ALONSO RADIOGRAFÍA CON EXACTITUDE OS LÍMITES ENTRE FICCIÓN E REALIDADE CON PROTAGONISMO DAS REDES SOCIAIS NO NOSO TEMPO

Accedín hai ben pouco ao significado do termo inglés “hoax”, aplicado ás redes sociais e a internet, malia que viña sufrindo, como tantas outras persoas, a súa presenza sen saber cal era exactamente o seu nome. Ao cabo vin decatarme de que isto vén ser algo semellante a aquelas cadeas epistolares, que os nacidos nos anos sesenta viviamos nos tempos da nosa adolescencia e que cumpría non quebrar baixo a previsible chegada dunha sorte de ameaza de castigo divino en forma de torrenteira de desgrazas, individuais e familiares, o que advertía da obriga de facer circular aquelas cartas enigmáticas, cunha moeda de peseta no seu interior. Desde aquela ata hoxe, a esencia ou o espírito  destes bulos asaltou e magmatizou, como non podía ser doutro xeito, a rede, e as redes sociais e os correos electrónicos en particular, inzando estes espazos de historias, regularmente dramáticas, que agora demandan axuda económica inmediata organizada a través de campañas dirixidas desde diversos intereses, regularmente escuros, e que son pasos previos que nos preparan para a recepción do correo lixo ou para que as lendas urbanas multipliquen exponencialmente a súa recepción.

Valla esta introdución para afirmar que Ninguén, o último libro de Fran Alonso, vertébrase, ou estrutúrase, a través dun mangado de historias de asunto cibernético que, neste caso, se converte tamén en contido substancial e serven para vehiculizar o universo temático que o escritor vigués condensa e que se pode cifrar nunha pregunta semellante a esta: u-los límites, u-las fronteiras, en aparencia visibles e tanxibles, entre o que é ficción e o que é  realidade? E isto derívase xa non só deses capítulos “hoax” que martelean e orientan a atención do lector, senón e tamén nesoutro feixe de historias cotiás, imaxinativas e escritas por veces desde unha ollada comprensiva –véxase o para min revelador “Comunidade literaria”- que en ocasións vira cara á dimensión crítica e, case, corrosiva das realidades tanxibles do noso tempo.

Olladas que se abeiran, así pois, con naturalidade a ese ámbito no que Fran Alonso dirixiu a súa atención desde hai xa tempo, como testemuña tanto a novela curta Silencio coma os poemarios Persianas, pedramol e outros nervios e Balada solitaria. Unha e outros recalaban na reflexión sobre a vida e mais as relacións que mantiña o ser humano contemporáneo en comunidade, achegándose deste xeito ás barreiras que encarnaban tanto o individualismo como a soidade, revelando na ficción as palpables modificacións que aquí se viñan operando. O ciclo, seica, péchase con este volume que, por outro lado e convén non http://cadernodacritica.blogaliza.org/files/2011/10/Fran3.jpgesquecelo, redimensiona en parte e confirma noutra os camiños da mestizaxe e contaminación xenérica, de desacralización do papel do propio escritor polos que o autor optou, alén de asumir as posibilidades que ofrece o fragmentarismo para reparar así, como facelo doutro xeito, nunha realidade igualmente fragmentada.

Fran Alonso cumpriu hai pouco vinte anos de presenza continuada e ricaz no ámbito da creación literaria galega. Este libro testemuña, sen dúbida, que a súa voz non perdeu nin un chisco a frescura e orixinalidade que a caracterizaban hai dúas décadas. Ben ao contrario, gañou talvez en profundidade, reflexión e precisión. E estas son moi boas noticias.

Ramón Nicolás

Usar, escoller e solicitar o galego, con «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

Crónica,Presentacións

O Faro de Vigo publicou a noticia da presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón, en Lalín.

Despois de publicar o ano pasado En castellano no hay problema, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística edita, da man de xerais, o volume Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, en prol dunha maior equidade entre as linguas cooficiais de Galicia.

SALOMÉ SOUTELO – LALÍN O museo Ramón Aller, de Lalín, acolleu onte a presentación do volume ´Como defenderes os teus dereitos lingüísticos´, no que Carlos Callón invita “a conxugar tres verbos: usar, escoller e solicitar galego”. O primeiro deles está ben claro, “aínda que tamén debemos ter en conta que son moitos os castelánfalantes que defenden o galego como nexo de unión cultural”, indica este filólogo. En canto ao verbo escoller, é posible poñelo en práctica “nas redes sociais, nos caixeiros automáticos dos bancos ou incluso na administración”, onde o cidadán tén xa a posibilidade de demandar todos estes servicios en galego.
Pero hai que solicitar estas prestacións noutros ámbitos nos que o desequilibrio entre galego e español é moi evidente. Un deles é na educación. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística apunta que, coa actual Xunta, “temos un modelo regresivo en canto ao uso do idioma. No pasado curso escolar, só se impartiron en galego o 20% das clases, o que non garante que, ao final da súa formación non universitaria, o alumno teña todas as competencias lingüísticas para empregar ben o idioma”. É máis, “durante este goberno autonómico, non só non houbo ningún adianto en canto a un equilibrio entre español e galego, senón que só se produciron ataques contra este”. De feito, os galegos en torno aos 20 anos xa non teñen a conexión afectiva coa lingua, posto que se educaron en español ou se lle transmitiron prexuizos contra o galego.
Sentenzas
Outra actividades na que cómpre insistir é na xustiza. De novo a Xunta “pón paus nas rodas”, posto que eliminou a mediados do ano pasado un programa informático que permitía redactar as sentenzas en galego. Aínda así, “nós temos os nosos dereitos e podemos pedir todos os formularios correspondentes para que se nos atenda en galego”, recalca Callón.
Para este investigador, a batalla non está perdida. “Queremos unha mellor vida para o galego, fronte a outros que queren que pase a mellor vida”, ironiza. Aínda que a situación é peor que no tardofranquismo, as protestas que organiza A Mesa acode “moita xente que non é galegofalante, conscente da situación de desequilibrio. O futuro do galego está, precisamente, non que non son galegofalantes. Lembremos que Castelao, aos 17 anos, non falaba galego. Pois ben. agora temos moitos Castelaos e Rosalías que loitarán polo idioma”, vaticina.
O libro, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, xa se usa como manual en varios centros educativos.

O estado da edición e políticas do libro. Reportaxe no suplemento Luces de El País

Noticias,Reportaxes

O suplemento Luces, de El País, publicou o pasado sábado unha longa reportaxe sobre o estado da edición en Galicia, da que tamén formaba parte unha entrevista ao director de Xerais, Manuel Bragado, así como a Víctor Freixanes, director de Galaxia.

Á pregunta de se existe política do libro en Galicia, o director de Xerais responde: «Non existe tal cousa. Hai unha lei consensuada de 2006 que nos vencella a todos: editores, libreiros e Administración. A política do libro non pode depender exclusivamente de Cultura. As medidas máis difíciles que tomou o Goberno viñeron desde Educación e Política Lingüística, como a retirada das axudas para libros de texto. Tamén ten que haber un Observatorio do Libro, e convocarse un congreso. A lei leva cinco anos aprobada e aínda non se fixo un diagnóstico». Na entrevista tamén proporciona datos: «O mercado do libro en Galicia factura 156 millóns. O prezo medio do libro en España son 20 euros; extrapolando, en Galicia venderíanse 7,7 millóns de libros ao ano, sáennos 2,81 libros por habitante e ano, 1,68 se non computamos os libros de texto, que en Galicia supoñen o 40% do mercado. Os nosos índices de lectura son maiores cós de Brasil e inferiores a Euskadi ou Cataluña», declarou o director de Xerais na conversa.

A outra parte da reportaxe titúlase «Edición de guerrilla e novoas resistencias na escuridade» e pode lerse aquí.

Propostas para traballar co dicionario, a partir do «Dicionario Xerais de Primaria»

Dicionarios,Didáctica

Manuel Rodríguez Alonso inicia a publicación, no seu blog, Bouvard e Pécuchet, dunha nova sección, con carácter semanal, onde propón exercicios para mellorar o uso da lingua entre os escolares de Primaria primeiro ciclo da ESO empregando o dicionario. O dicionario que se toma como referencia para estes exercicios será o Dicionario Xerais de Primaria, do que son autores o propio Manuel Rodríguez Alonso e Xosé Feixo Cid.

Traballo co dicionario 1

Iniciamos hoxe unha nova sección de periocidade semanal neste noso blog onde proporemos exercicios para mellorar o uso da lingua no alumnado de Primaria e do primeiro ciclo da ESO partindo do emprego do dicionario.

Tomaremos como base para a formulación dos exercicios e mais para a súa resolución a utilización do Dicionario Xerais de Primaria, do que somos coautor. Por iso aludiremos sempre a este instrumento de consulta coas siglas DXP.

Non todos os dicionarios son iguais

O dicionario é o libro dos libros, posto que está pensado para axudar a comprender todos os demais libros. Mais non todos os dicionarios son iguais.

Non imos entrar agora a examinar os diferentes tipos de dicionarios que podemos atopar. Non obstante, hai un dicionario que nos interesa aquí: o dicionario escolar.

Moitos coidan que un dicionario escolar é simplemente unha redución ou resumo dos dicionarios xerais.  Un dicionario escolar (por outros denominado didáctico) non é un dicionario reducido ou resumido, senón un dicionario pensado para os estudantes.

A partir de terceiro de Primaria comeza a aconsellarse aos alumnos que empreguen o dicionario. Nós, tendo isto en conta, elaboramos un dicionario de 14 000 entradas e máis de 26 000 definicións. Para elaborarmos as entradas e as definicións, tivemos en conta o que consideramos que debe saber un alumno ao rematar Primaria. Como o dicionario non é só para usar na materia de Lingua, tivemos moi en conta tratar o léxico que aparece habitualmente nos libros de texto que emprega o noso alumnado. Así mesmo tivemos especial coidado en que no dicionario se reflectise a realidade galega.

O dicionario, como todos sabemos, é o gran libro creador de identidades, pois nel atópase a lingua toda a lingua, e a lingua é a mellor expresión dunha comunidade posto que  nas súas palabras se atesoura todo o saber e todas as arelas e características da devandita comunidade.

Por iso, queremos facer unha serie de reflexións para que se poida usar mellor o dicionario, especialmente o dicionario escolar.

O coñecemento do dicionario

Antes de nada, os alumnos e alumnas han de coñecer o que é un dicionario. O dicionario é un libro de consulta que vale non só para lingua, senón para todas as materias e mesmo para a vida en xeral.

No dicionario as palabras aparecen ordenadas alfabeticamente. Isto supón que os alumnos han de manexar ben e con rapidez o dicionario. Por iso, cómpre realizar exercicios de motricidade co dicionario (pasar as páxinas, cálculo aproximado de por onde cae cada letra etc.). Debemos dicirlle ao alumnado que as palabras van ordenadas por columnas e que aprendan a beneficiarse das palabras guía.

Mais o dicionario, non só serve para buscar o significado das palabras, senón que nos permite clasificalas morfoloxicamente, coñecer as formas máis correctas ou aconsellables etc. Imos presentar aquí, unha vez á semana, exercicios para o alumnado e mesmo comentarios para o profesorado que permitan tirar máis proveito do dicionario.

Así mesmo, explicaremos as razóns que nos levaron a optar por unhas formas e non por outras, que mesmo poden estrañar aos profesores que lean este dicionario (penso, por exemplo, no xénero de lentes ou nada, na inclusión de brote como forma correcta etc.)

Xa que logo imos comezar, posto que o movemento hai que demostralo andando.

Coñece o teu DXP ou dicionario escolar.

Para que te vaias familiarizando, propoñémosche que abras o teu DXP ou o teu dicionario escolar polo comezo da letra A.

Mira a páxina 1, mais devagar. Observa que non son iguais todas as letras.

Responde o seguinte, tras observar con atención esta devandita páxina 1.

1.Por que aparece no medio e medio da páxina a letra A tan grande e cunha cor diferente?

2.Que letras son de igual cor á deste A?

3.Por que cres que teñen a mesma cor?

4.Nalgunhas palabras, como nos casos de á1 e á2 aparecen uns números na mesma cor dos casos anteriores? Para que cres que serven estes números?

5.Non obstante, a maior parte do texto da páxina do dicionario aparece escrito en dous tipos de letra que os que se dedican á tipografía denominan letra normal e cursiva? Explica para que se emprega, ao teu parecer, no dicionario a letra normal e máis a cursiva.

6.Que significa a abreviatura OBS, que aparece en catro ocasións nesta páxina.

Para ver toda a proposta completa, continuar aquí.

«Quen lle ten medo a Morgana?», outra novidade do Club da Ciencia

Infantil,Novidades,O Club da ciencia,Xuvenil

Quen lle ten medo a Morgana? é o outro título do Club da Ciencia que é unha novidade neste mes de outubro.

Chámome Morgana e, segundo a miña avoa, teño simpatía a moreas. Paula, unha amiga, di que se puidese peitearme habíame converter nunha criatura adorable, pero Paula é unha pre-sumida, e a min non sei se me gustaría ser unha criatura adorable. Do resto de amigas: Lola, ben; Paula, un chisco presumida pero ben; Pili, moi ben; Uxía, ok, e Silvia, coitada, os seus pais acaban de divorciarse. Todas, menos Uxía, xogamos ao baloncesto. No primeiro trimestre gustábame Vítor, pero entón apareceu Xiana, chiscou os ollos e o moi parvo colgouse dela coma un papagaio. Durante un tempo estiven enferma de carraxe amorosa, pero agora gústa-me Berenguel, que fai poesías cun pouco de rima consoante.