«O máis estraño», de Manuel Rivas, reune todos os seus contos nun volume

21 Outubro 2011

Narrativa,Noticias

La Voz de Galicia publica unha información de Camilo Franco sobre O máis entraño, o libro que reune os relatos completos de Manuel Rivas que Xerais enviará ás librerías a finais de vindeira semana.

Manuel Rivas reúne no libro «O máis estraño» relatos coñecidos e outros inéditos

Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están «reescritos», pero si que se presentan aos lectores «cunha revisión estilística»

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego.

Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están «reescritos», pero si que se presentan aos lectores «cunha revisión estilística» para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. «Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín», afirmou o escritor.

Recoñecementos

O relato breve é un dos xéneros que Rivas ten practicado de xeito cotidiano e polo que ten obtido recoñecementos dos lectores con libros como Un millón de vacas ou Que me queres amor. A este novo volume incorpóranse algúns deses textos que foron marcando a traxectoria como narrador de Rivas.
O escritor, nomeado recentemente doctor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos «son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título».

É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz.

Tras a presentación Madrid, o vindeiro mércores en Compostela Rivas presentará na librería Couceiro a edición en galego de O máis estraño, un acto no que estará acompañado polo director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

Rivas sinalou onte en Madrid que a política actual da «unhas cifras tan grandes que parecen irreais», recomendando a quen participa da política activa que se tomen un tempo para ler. O escritor asegura que na lectura literaria «aprenderán máis que seguindo as axencias de calificación».

Camilo Franco

«Os reloxos preguiceiros da néboa», de Xavier Lama, selo de calidade de Gálix

Biblioteca Dramática Galega,Infantil,Noticias

Os reloxos preguiceiros da néboa, de Xavier Lama, foi recoñecido co selo de calidade de Gálix.

V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010
Os reloxos preguiceiros da cidade de Néboa deixaron de calcular o tempo. Este suceso desorienta aos habitantes da cidade onde unha brétema constante case non deixa ver o sol. A alcadesa Sabela Depresa, xunto coa súa colega detective Lupita Grande, tentará resolver este misterio e chegar á orixe deste extraño caso.

Mediante unha sucesión de peculiares personaxes coma Hipócrates Verruga, Baldomero Ninsesabe e o cociñeiro Chung Pataching créase unha atmosfera chea de intriga que se desenvolve en dez escenas, introducidas por un “Achegamento Argumental” dende o que queda patente o carácter dramático da obra e a súa idoneidade para ser representada.

«O caderno laranxa de Morgana» novos títulos do Club da Ciencia

Infantil,Novidades,O Club da ciencia,Xuvenil

O caderno laranxa de Morgan de Pasqual Alapont, novo título do Club da Ciencia.

Teño 11 anos e 7 meses e puxéronme Morgana porque estaba de moda. Teño os ollos verdes, estudo sexto de Primaria e xogo ao baloncesto. O meu irmán Ricardo quere poñer un piercing no nariz, e por pouco non llo fai o meu pai sen anestesia nin nada. Na escola, din que vai vir unha mestra nativa de inglés e Silvia cre que unha nativa é alguén que vén de cando Colón descubriu América. Ademais, a Vítor cáenlle as cousas das mans cada vez que o miro, e toda a clase canta a copla: «A Vítor lle gusta Morgana, a Vítor lle gusta Morgana…» Lle gusta? Como que lle gusta? Aínda non sei como aprobaron lingua de quinto. Vaia, paréceme que este vai ser un curso difícil.