Crítica de Ramón Nicolás sobre «Sonetos de Shakespeare»

21 Setembro 2011

Blogs,Críticas,Poesía,Traducións

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog unha recensión sobre a tradución dos Sonetos de Shakesperare, feita por Ramón Gutiérrez Izquierdo.

Confeso que non puiden ler todo o quixera, o que debera ou o que me autoimpuxera este pasado verán por estar involucrado noutras lideiras que espero dean froito nun prazo que desexo non afastado. Un dos libros que si me ocuparon, e me gorentaron como non podía ser doutra maneira, foi este que nos chega como resultado dun paciente e exemplar esforzo de edición, e inclúo aquí o medido, rigoroso e clarividente limiar; as imprescindibles “notas e comentarios” aos poemas e mais o exemplar traballo de tradución que se contén nesta edición bilingüe dos Sonetos de Shakespeare.

Achegarse, amodo, a estes poemas; ir petiscando neles devagar e gozalos sen présas constituíu para min un exercicio case catártico e acougante que o converteu durante moitos días en algo máis que os clásicos chamaban de “cabeceira”: un devecido momento á fin do día. Arestora, concluída a súa lectura, agardará unha relectura nun futuro porque a súa estirpe é dos títulos que merecen retornar, unha e outra vez, ás súas páxinas. É de regra darlle os parabéns ao profesor Ramón Gutiérrez, responsable da edición e, xaora, facelos extensivos á editorial que posibilitou que este volume vise a luz. Permitiráseme hoxe dedicarlle estas reflexións, xustamente, a Xerais, na confianza que o optimismo e a enerxía que sempre caracterizou ao seu equipo farán superar capítulos que tan pouco servizo prestan á nosa creación literaria, á nosa realidade cultural e editorial na que a editora viguesa vén constituíndo parte substancial da nosa propia identidade, día a día, desde hai tantos anos.

Ramón Nicolás