Crítica de Pilar Bendoiro sobre «Os reloxos preguiceiros de Néboa», de Xavier Lama

Pilar Bendoiro Mariño publica en El Correo Gallego unha recensión sobre sobre Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama.

‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, un texto imaxinativo e cargado de intriga, recibiu o quinto premio á creación literaria

Francisco Xavier Lama López (Guntín, Lugo, 1962) é un autor cuxa produción literaria abarca tanto a literatura institucionalizada ou de adultos, pola que ten recibido galardóns como o Camiño de Santiago-Premio Xacobeo de teatro 1993, entre outros, como a Literatura Infantil e Xuvenil, na que non é menos destacado.

Así, Lama vén de recibir o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010 por Os reloxos preguiceiros de Néboa (Xerais/Xunta de Galicia/Agadic, 2011), un galardón anual co que a Axencia Galega das Industrias Culturais promove a creación literaria de textos teatrais para o público máis novo orientados cara á representación, audiencia pola que ademais convoca o Premio Barriga Verde na súa modalidade de Infantil.

Cidade de néboa. Os reloxos preguiceiros de Néboa achega a historia caótica da cidade de Néboa por non poder calcular o tempo xa que os seus reloxos deixaron de contar as horas, un estraño suceso que lles quita o sono aos habitantes ao perderen por completo a orientación nun emprazamento onde unha brétema constante case non deixa ver o sol. A máis desacougada dos personaxes é a alcaldesa, Sabela Depresa, a quen as queixas dos veciños a fan acudir ao enxeño da detective Lupita Grande para tentar resolver o misterio, mais na súa procura da verdade atópanse co estraño comportamento do encargado do sistema dos reloxos, Cuco Campá, Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo.

Mediante unha sucesión de personaxes, tan intrigantes e peculiares como os mencionados, aos que se lles suman o eminente Doutor de homes e máquinas Hipócrates Verruga, o dono dun pazo Don Baldomero Ninsesabe de máis de trescentos anos de idade e o cociñeiro-adiviño Chung Pataching, desenfíase unha historia na que dimensións paralelas, seres estraños e enganos se mesturan para crear unha atmosfera chea de intriga.

As dez escenas que compoñen a peza veñen introducidas por un “Achegamento argumental” desde o que queda patente o seu carácter de texto dramático para ser representado dado que mediante el se contextualiza a historia, elemento principalmente útil de cara a crear a ambientación escénica precisa.

Peculiaridades. A este respecto contribúen tamén a relación de personaxes que se mencionan a seguir, na que se explican as peculiaridades das súas personalidades, as suxestións escénicas para o reparto de actores, a disposición dos elementos no escenario e a ambientación musical que acompaña o texto, cuxa melodía se ve ás veces potenciada polos moitos diálogos rimados.

Para rematar son de salientar as ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, A Coruña, 1971), de tons pasteis escuros e liñas redondeadas, que retratan os personaxes e escenarios de xeito esaxerado pero con certo dinamismo, e axudan a que o lector cree a imaxe mental duns elementos facilmente representables.

Pilar Bendoiro Mariño

Chuzame! A Facebook A Twitter

13th Set 11. Posted in Biblioteca Dramática Galega, Críticas.

View or Post Comments.