Entrevista con Salma: «Só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade»

25 Agosto 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa,Traducións

Carmen Alonso publicou esta pasada fin de semana nos xornais xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego unha entrevista con Salma, autora da novela Despois da medianoite .

«Só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade»

«As mulleres da miña comunidade precisan un sistema de cotas de forma urxente»

O nome de “Salma” resulta aínda pouco coñecido en Galicia, mais a muller que se agocha –ou xa non se agocha tanto– tras deste pseudónimo está a vertebrar un fondo cambio, case revolucionario, na historia cultural, social e política do seu país, India, e sobre todo, do estado do que é orixinaria, Támil Nadu. Desde 1938 ela é a primeira muller musulmá que escribe ficción na súa lingua, unha das máis antigas e das de máis rica tradición literaria da India. A súa é unha voz feminina nun eido de homes, onde o seu éxito editorial e o seu activismo político contribúen a crebar firmes piares sociais.

Ademais da súa actividade literaria, Salma é a responsable da Dirección Xeral de Asuntos Sociais de Támil Nadu e activista comprometida coa loita polos dereitos da muller. Cando era nena os seus pais mandárona á escola –dato importante porque en Támil Nadu só unha minoría de rapazas ten acceso á educación–, mais unha trasnada de pubertade provocou que aos trece anos quedara recluída, como castigo, na vivenda familiar ata o seu casamento, sen voltar ás clases. Neste cárcere doméstico comezou a escribir poesía ás agachadas, na clandestinidade. A súa obra chegou ao galego a través da escritora e tradutora María Reimóndez, primeiro nunha escolma de poetas támiles e galegas, impulsada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. E máis tarde, coa súa primeira novela, “Despois da medianoite” (Xerais, 2011). Os seus libros están traducidos, ademais, a varias linguas indias, ao inglés e en breve poderanse ler tamén en alemán.

—A que se debe que en máis de 70 anos ningunha escritora musulmá teña publicado unha novela ou un relato na súa terra?
—A situación débese a que a maioría das mulleres musulmás pasan a vida oprimidas entre as catro paredes da súa casa. Teñen medo de participar nos asuntos comunitarios e teñen pouco contacto co mundo externo. A cuestióné que non reciben unha educación axeitada, e moito menos apoio e orientación doutras persoas para gañar confianza en si mesmas. Toda esta situación explica tamén a falta de participación no mundo da escrita.
—Por que firma con pseudónimo?
—Inicialmente escribía co meu nome real, Rajathi, pero debido á oposición do meu home e a súa familia, da comunidade en xeral, adoptei este pseudónimo, o de Salma.
—Vostede está a abrir un novo camiño na literatura e na política támil. Como reacciona a isto a sociedade e, dentro dela, as mulleres?
—É un camiño complicado e sen moitos apoios, máis ben a reacción social é de oposición pola mera razón de que falo da sociedade en xeral, non só dende o punto de vista da relixión. De feito isto acontece con todas as mulleres que falan abertamente do que pensan. En realidade, tampouco é que haxa entre elas moito interese na literatura e na escrita pero si existe un colectivo de mulleres que tentamos cambiar as cousas tamén neste campo.
—E a súa familia? Que pensan os seus pais, o seu home e os seus fillos do que vostede fai?
—Os meus pais e os meus dous fillos sempre me apoiaron, dende o principio. Pero o meu home e a súa familia amosaron moita oposición, aínda que agora, grazas á miña popularidade e visibilidade pública, cambiaron de actitude e senten orgullo do que fago.
—Séntese recoñecida como escritora?
—Sinto sobre todo que ser escritora é marabilloso; é para min máis importante que ser política, síntome moi orgullosa de poder escribir. Aló onde vou a xente tende a recoñecerme máis como escritora polo valor que ten poder ter voz. Creo que só como escritora podo provocar cambios profundos na sociedade.
—A súa novela fala do xeito de vida que teñen as mulleres na súa terra. Cre que as súas compatriotas se identifican con este retrato que vostede fai?
—A miña novela fala das mulleres da miña comunidade. Moitas delas, por desgraza, nin sequera están en posición de saber ler. Pero agora, ao ver o meu éxito e popularidade como autora, amosan por primeira vez interese en que as súas fillas rematen a escola. Creo que isto representa o seu apoio tácito porque na novela este é un tema principal, o de que as mulleres saian á comunidade e ao mundo. Sen educación é unha tarefa imposible.
—Identificaranse as mulleres novas da súa comunidade tamén con esa vida?
—Como acabo de contar, as mozas máis novas teñen agora posibilidade de recibir unha educación, se ben a comunidade segue co mesmo estilo de vida que describo no libro. A educación axudará a que estas mozas poidan ter máis opcións no futuro.
—Hai pouco estivo en Galicia presentando a novela. Que percibiu da vida das galegas e que lle pareceu?
—Tiven a sorte de coñecer galegas que amosan un pensamento gratamente progresista. Coñecín a moitas interesadas pola literatura e que traballan a reo pola liberdade das mulleres. Emocionoume e impresionoume escoitalas falar. Ademais, todas elas compartían o amor pola súa lingua e nela defendían con valor expresar os seus pensamentos.
—Como chegou á actividade política?
—No ano 2001 aprobouse na India unha lei de cotas na que o 33 por cento da representación na Administración local tiña que ser feminina. Nese momento na miña aldea debían presentarse mulleres ás eleccións. O meu home sempre estivo metido en política e quería presentarse, pero, debido á lei, non puido, así que tentou que participase eu para conseguir o posto de presidenta do Panchayat (o concello da vila). Gañei as eleccións e ese foi o inicio da miña carreira como política.
—Que deben facer os políticos e as políticas polas mulleres no seu país?
—As persoas que traballan en política están aí para apoiar ás comunidades. Unha medida importante que se debe tomar é a dos sistemas de cotas; as mulleres, e en especial as da miña comunidade, precisan este tipo de medidas de forma urxente. Tamén é fundamental concienciar ás persoas a través do diálogo para o cambio social, as instancias políticas teñen que dedicar fondos a este fin.
—Que se podería e debería facer dende fóra?
—O máis importante é apoiar ás moitas organizacións de mulleres que tentan cambiar a súa situación dende o propio Támil Nadu para que teñan máis capacidade de acción. Isto é algo que María Reimóndez e Implicadas no Desenvolvemento están a facer de forma sobranceira dende Galicia. Unha proposta concreta de facer algo é apoiar esta organización e unirse ás súas actividades.

Carmen Alonso

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.