Crítica de Ramón Nicolás sobre a novela «Vía secundaria», de An Alfaya

23 Agosto 2011

Críticas,Narrativa,Premios

Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Vía secundaria, a obra de An Alfaya gañadora do Premio  de Novela por Entregas La Voz de Galicia 2011.

Vítimas da soidade

“Hai xente que gusta da invernía, xente de seu escura, que vive agochada en cavorcos de soidade, que se protexe do mundo baixo terra, ou detrás dunha xanela por onde esvaran os regueiros da chuvia e apenas penetra unha físgoa da luz do día”. Este é un dos fragmentos que se atopa na primeira páxina de Vía secundaria, de An Alfaya e que, ao meu ver, substancia boa parte do eixe vertebrador desta entrega, isto é, o duns personaxes que alentan nunha atmosfera ofegante e opresiva, loitando contra si mesmos, debaténdose nos mares da soidade máis fera e cotiá; algo que, por outro lado, constitúe unha liña narrativa moi transitada e característica da autora viguesa.

An Alfaya soubo chegar aquí a un punto medio desexable derivado das esixencias dun xénero como é o da novela por entregas, isto é, adáptase con solvencia a un constrinximento espacial e mais a unha distribución capitular predeterminadas e é quen de imprimirlle un acaído ritmo argumental, que nalgúns treitos beirea o territorio da novela de investigación sen chegar a selo. Teño para min que este exercicio resulta aínda máis meritorio cando, tras a aparencia argumental da resolución dun delito, An Alfaya persegue ofrecer unha reflexión sobre outras realidades que agroman dos ámbitos particulares e privativos e se proxectan aos máis públicos, alicerzándose nun feixe de personaxes constituídos, coa crueza precisa e todas e cada unha das súas propias contradicións, por iso mesmo  ben verosímiles.

Estes últimos, curiosamente enlazados por parellas e cuxos destinos están destinados a se cruzaren (Nora e Román, Anselmo e Obdulia, Hilario e Rosa…), singularízanse con solvencia e sométense a unha dinámica chea de preguntas. Todo isto nun momento clave das súas vidas cando xa non se ven as saídas, cando a covardía e o autoengano xa non se soportan, cando as eivas, mais tamén as  expectativas depositadas no futuro, van quedando ao descuberto e os impulsan a unha perentoria fuxida cara adiante que persegue a reacción: que facer logo de cometer un delito?, cales son os límites das obrigas e os deberes do ser humano?, como enfrontar unha existencia cuberta de sombras?, de que xeito sobrevivir a diversos modelos de opresión?, como romper a cotidianeidade?… É esta, así pois, unha novela chea de preguntas que se tentan responder, nalgún caso obtendo moitas respostas que convidan, sen dúbida, á reflexión.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario