Actos de Xerais na Feira do Libro da Coruña

22 Xullo 2011

Feiras_do_libro,Presentacións


  • Día 3 mércores
    • ás 19:00 horas: Acto literario-musical Todo é silencio de Manuel Rivas.  Participan: Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
    • ás 21:00 horas: Presentación Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón.  Participan: Xabier P. DoCampo, Fran Rei, Manuel Bragado e o autor.

«Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España», de Federico Cocho, novidade do mes de xullo na colección crónica

Crónica,Novidades

Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España, de Federico Cocho, é unha das novidades do mes de xullo, e publícase na colección Crónica.

Guerra Civil. Que pasou en Galicia e en España narra, desde unha perspectiva global, o que ocorreu na Guerra Civil seguindo un fío galego, ao tempo que explica os sucesos en territorio galego encadrados na evolución dos acontecementos no resto do Estado. En Galicia non houbo trincheiras, pero a represión franquista deixou preto de 5.000 fusilados e paseados e milleiros de mozos galegos mortos en crueis batallas lonxe da casa. Estiveron na fronte, sufriron a guerra e pagárona co seu sangue, sen que a día de hoxe se saiba o número exacto de mortos e de mutilados que custou. Federico Cocho actualiza, reúne e sintetiza nesta obra a información dispoñible 75 anos despois daquel maldito verán de 1936. Cunha estrutura de 30 capítulos temáticos, rematados con breves perfís biográficos, o autor ofrece un texto para ser lido con facilidade por un público xeral que queira coñecer ou actualizar o que sabe e dispoñer dunha visión de conxunto do que ocorreu en Galicia e en España durante e inmediatamente despois de rematar a Guerra Civil. Como afirma Carlos G. Reigosa no prólogo, «Federico Cocho pertence á estirpe dos bos e xenerosos que queren contribuír a alumear un dos períodos máis escuros, violentos e decisivos da nosa historia recente […]. E faino desde o equilibrio, a lucidez e o rigor imprescindibles para non saír da canle marcada polo río dos feitos e non deixar de contextualizar o que sucedeu. Todo isto ollado desde un miradoiro propio que ben poderiamos chamar a perspectiva galega dos feitos».

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Que lle podo ofrecer a quen me intente?», o libro sobre Lois Pereiro de Xerais e a Universidade de Vigo

Blogs,Críticas,Monografías

Ramón Nicolás publica no seu blog unha recensión crítica sobre Que lle podo ofrecer a quen me intente?, coordinado por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez.

Nesa bóla de neve que supuxo, e supón, a dedicatoria do Día das Letras a Lois Pereiro cómpre non esquecer a recente publicación dun número monográfico, coordinado polos profesores Anxo Angueira e Teresa Bermúdez, que asedia criticamente diferentes aspectos da produción literaria do autor monfortino e que, ao tempo, se converte no primeiro resultado palpable dun proxecto que nace dentro do grupo chamado GAELT (Grupo de Análise e Estudo da Literatura e a Tradutoloxía), vinculado á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Desde xeito achéganse un grupo de visións particulares que falan de Pereiro como home e artista do seu tempo, subscritas por Xosé Manuel Pereiro, Paco Macías e Fermín Bouza. Por outro lado, outro monllo de colaboracións abéiranse a aspectos que analizan cuestións relacionadas coa súa dimensión máis propiamente literaria, debidas a Manuel Forcadela, Teresa Seara, Xavier Seoane e Alberto Valverde.

Por outro lado, o libro complétase coa transcrición do recital celebrado no pub Moka da Coruña no ano 1996, alén de incluír un feixe de traducións dos textos de Pereiro a diversos idiomas e, por último, catro suxestivos diálogos poéticos realizados ad hoc e que proceden de Xabier Cordal, Estíbaliz Espinosa, Chus Pato e Dores Tembrás.

Unha oportuna achega que, sen dúbida, afonda unha vez máis con lucidez e rigor na figura de Lois Pereiro.

Ramón Nicolás