Crítica de Rocío Moar Quintela sobre «Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán»

1 Xullo 2011

Autores,Críticas,Feminismo,Homenaxes

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou onte unha recensión de Rocío Moar Quintela sobre Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, libro coordinado por por Manuel Forcadela e Camiño Noia.

Dicir Queizán

Precursora e pioneira

Cara a unha poética feminista é unha homenaxe á traxectoria vital e literaria de María Xosé Queizán. O volume, coordinado por Manuel Forcadela e Camiño Noia,reúne un conxunto extenso e heteroxéneo de textos: dezaséis artigos teóricos, unha ampla biografía e bibliografía,dúas entrevistas e varias homenaxes e agradecementos.A través da súa lectura (re)coñecemos a personalidade e a proposta ideolóxica dunha muller inconformista, subversiva e comprometida co seu tempo.
Fronte á orde patriarcal, que reduce as mulleres á natureza e á esencia, Queizán propón un feminismo“racionalista”, coa ciencia e a cultura como aliadas da igualdade e a liberdade;“nacionalista”, reformulando o concepto de nación dende o feminismo e non á inversa e“activista”, co fin de concienciar emobilizar ás mulleres contra a manipulación do Patriarcado e do Capitalismo.
Deste xeito, María Xosé acha que a opresión feminista vai paralela á da nación e explica os seus estereotipos e prexuízos por razóns históricas e sociais. Propón rachar co colonialismo e o patriarcado a través da normalización lingüística e a equiparación da muller,conservando a identidade. Para Queizán, sen a liberación da muller galega non pode darse a liberación de Galicia, e esta ha de facerse dende dentro,máis alá das dicotomías positivistas.
A autora revélase contra a visión patriarcal da sexualidade, que somete ás mulleres no ámbito privado e tolera a existencia da prostitución, cuxa legalización considera inadmisible. Mentres,defende unha sexualidade máis completa e complexa, desvinculada da reprodución,do matrimonio e do amor. Revisa osmitos femininos clásicos e propón novos universos simbólicos,reconquistando o espazo do corpo feminino como suxeito de desexo e de pracer.
A súa poesía, conceptual, madura e comprometida, vai evoluíndo coa revisión e reformulación da historia lírica occidental e coa identificación, a través da metáfora, da ideoloxía patriarcal enraizada na linguaxe.A“Festa da Palabra Silenciada” converteuse dende 1983 nun espazo de visibililización,debate e estímulo á literatura das mulleres e un exemplo de resitencia política e cultural. Disidente ata consigo mesma, someteu a súa obra a unha constante eséxese, evoluíndo cara a un feminismo radical, ilustrado e tamén pacífico.
Ante o simulacro da superación dos discursos feministas, anima a seguir loitando pola liberdade da muller, cuestionando a realidade e propoñendo solucións concretas para construír un mundo mellor e unha sociedade máis xusta.
As numerosas fotografías ao longo do tempo axúdannos a reconstruír a vida e a obra dunhamuller precursora e pioneira na defensa dos dereitos da muller en Galicia.

Rocío Moar Quintela

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.