«A chamada da selva», de Jack London: a loita por sobrevivir. Recensión de Mar Fernández Vázquez

28 Xuño 2011

Críticas,Xabaril,Xuvenil

El Correo Gallego publica unha recensión de Mar Fernández Vázquez sobre A chamada da selva, de Jack London, da colección Xabaril.

Buck, a loita por sobrevivir

A violencia, crueldade e irracionalidade que Jack London retratou en ‘A chamada da selva’ aínda perviven no século XXI

A tradución de obras canónicas da literatura universal acostuma ser unha estratexia das distintas literaturas á hora de se configuraren e asentaren como sistema literario, e a Literatura Infantil e Xuvenil galega non ía ser menos. Como fomos apuntando nesta páxina semanal, o transvasamento ao galego de autores clásicos non se fixo de forma planificada, senón máis ben de forma improvisada como se pode seguir pola análise das traducións das décadas dos 60 e dos 70 que describimos no apartado “Para coñecela +”.

No ano 1982 Edicións Xerais de Galicia publicou A chamada da selva na súa colección “Xabarín” e desde ese momento fóronse sucedendo, case anualmente, ata o ano 2000, as reedicións desta obra canónica. O seu tradutor e responsable así mesmo das notas e introdución que esclarecen o texto foi Gonzalo Navaza.

As reedicións desta obra no século XXI respectaron a normativa vixente do galego no momento da publicación e as mudanzas desta colección, de aí que a reedición de 2002 vise a luz na nova colección que a substitúe, “Xabarín de ouro”, e esta de 2011 é a primeira da renovada colección denominada “Xabaril”.

Esta obra encádrase na tipoloxía das novelas de aventuras, a aventura individual de evolución do personaxe principal, como As aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain. O narrador omnisciente equipara a Buck, o can protagonista, co home cando xustifica as súas actitudes violentas ou cando lle atribúe cualidades e reflexións propias do ser humano.

Buck capta a atención do lectorado desde a cuberta de Javi Montes quen o deseña sorrinte sobre a neve e reflectido na auga como o novo can ouveando á luz da lúa no que Buck se acaba convertendo.

É mágoa que esta reedición non conte coa introdución de Gonzalo Navaza que precedeu as anteriores, xa que grazas a ela o lectorado xuvenil coñecía o contexto socio-político-económico de Norteamérica nos inicios do século XX cando Jack London (John Griffith Chaney, San Francisco, 1876-California, 1916) a publicou en 1903, e entendía a vida deste autor, o porqué dos temas da súa produción, a significación desta obra e a gran popularidade que lle reportou.

A aventura e evolución de Buck comezan ao ser vendido sen sabelo o xuíz Miller, e vai pasando, como Lázaro de Tormes, por outros donos que, a golpe de vergallo, lle provocan que esperte o seu primitivo instinto de animal salvaxe. Buck convértese no eixo da zorra de cans que levan á Alaska buscadores de ouro cando aprende a actuar ante a violencia, crueldade e irracionalidade doutros cans e dos amos, agás John Thornton, a quen o une unha fidelidade mutua.

Edicións Xerais tamén publicou en 1997 Cairo branco, complemento desta novela ao presentar a aventura inversa e transmitir asimesmo o amor á natureza e á vida salvaxe, a loita ben/mal e a amizade.

Mar Fernández Vázquez

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.