Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Exogamia 3.0», de Ramón Caride

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducimos os principais parágrafos:

Baixo o título de Exogamia 0.3 reúnense seis textos breves que oscilan entre a narración e a reportaxe xornalística de ciencia ficción. O autor tivo o acerto de situar estes relatos non nun futuro afastado de nós, senón case á volta da esquina, na segunda metade do século XXI, entre unhas datas que, a partir das informacións que nos fornece o texto, podemos situar entre a actualidade e 2080, é dicir, que é o futuro que está aí xa e que tanto depende da enxeñaría xenética, da globalización ou do cambio climático.

O primeiro texto, “Reciclado”, pon en contrapunto a vida de cinco rapaces na actualidade, catro deles no mundo subdesenvolvido e un deles no desenvolvido, concretamente en Galicia. Os catro teñen a teima de posuír unha videoconsola. Ao lado da narración, temos unha especie de reportaxe sobre como viven os adolescentes do mundo desenvolvido do Norte e en como o fan os rapaces do Terceiro Mundo. Mentres o rapaz de Lanzós (en Galicia, no mundo desenvolvido, no Norte opulento) vive como un lacazán ao que lle cumpren todos os caprichos, mesmo o regalo da videoconsola máis moderna, aínda que sexa aos dezaseis anos incapaz de aprobar todo 4º de ESO, os rapaces do Terceiro Mundo, do Sur, teñen que traballar en condicións insalubres, especialmente Tarim, o que busca cobre nun vertedoiro de Gana.

Acerto deste texto de apertura é o contraste entre o mundo rico do Norte e o pobre do Sur, centrado na vida da infancia e da adolescencia,  así como o descubrimento das mentiras que se agochan detrás da reciclaxe e tamén a globalización dos entretementos dos nosos rapaces. Pobres e ricos aspiran á videoconsola. Difícil o teñen as culturas tradicionais.

O segundo texto transcorre cara ao 2026 e amosa un financeiro millonario que practica a carta furtiva no contorno de Chernóbil, pois as radiacións produciron unha fauna superdesenvolvida moi do gusto dos cazadores ricos. O desenlace resulta moi soprendente e axeitado.

“Mnemotécnica”, o terceiro texto, transita polos eidos dos fármacos que nos fan esquecer e ser felices. Apréciase a pegada do célebre soma de Huxley.

O cuarto relato-reportaxe do libro entra no tema da enxeñaría xenética e da biotecnoloxía presentando a creación de mascotas de deseño, que reproducen a cara do dono. Arrepían eses cans que teñen a cara do amo.

No penúltimo texto a ciencia ficción únese claramente coa denuncia social a partir das historias dos inmigrantes que procedentes de África chegan cara ao 2058 a unha Costa do Sol que está asolagada en gran parte pola suba do nivel do mar causada polo cambio climático.

O derradeiro texto presenta os cambios que na especie humana produciron o cambio climático e mais a contaminación e como os vai solucionando, nos que teñen cartos para o pagar, a enxeñaría xenética. É un bo exemplo do que ao principio chamabamos mestura de relato de ciencia ficción e reportaxe de ciencia ficción.

Xa que logo, estamos ante un conxunto de textos que resultan atractivos non só para o público xuvenil, ao que se dirixe a colección en que se publica o libro, senón tamén para calquera persoa preocupada polo que será do noso mundo xa non dentro de varios séculos, senón no futuro próximo, na segunda metade do século XXI. A contaminación, o cambio climático, a globalización económica e cultural e a enxeñaría xenética están a crear un mundo novo, que pode ser moi duro, especialmente para as clases menos favorecidas ou para os países do chamado Sur subdesenvolvido.

Cómpre salientar neste texto o emprego que se fai da linguaxe técnico-científica, especialmente da terminoloxía. Aparecen termos como organoxénese, xene, clon, clonar, ovocito, chips… e non sei cantos máis ata hai pouco non aparecían nos dicionarios e repertorios léxicos galegos máis extensos. Hoxe xa teñen carta de natureza nos dicionarios dos nosos escolares, así como na lingua coloquial culta. E isto débese indubidablemente a que foron popularizados polo Ensino. Sabido é que a mellor fonte de difusión dos tecnicismos son os libros e as materias de ESO e Bacharelato. De aí a importancia que ten que o galego teña unha presenza efectiva no Ensino de todas as materias, especialmente das científicas. Cómpre non perder isto que se conseguir nestes últimos vinte anos e do que é bo exemplo o léxico e en xeral a lingua deste libro. Xa que logo, queremos máis galego.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Chuzame! A Facebook A Twitter

20th Xuñ 11. Posted in Críticas, Fóra de Xogo, Xuvenil.

View or Post Comments.