«Febre« de Héctor Carré, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2011

12 Xuño 2011

2011,Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Premios,Premios_Xerais,Xuvenil

O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e tres obras formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Ánxela», «Gabirro» e «Pelouro». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Pelouro», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré e corresponde ao título Febre.

A obra gañadora da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial.

Os mineiros furtivos, homes e mulleres da comarca do Barbanza, xuntábanse na montaña para ir sacando gramo a gramo este preciado metal que despois, a través de intermediarios, sería vendido aos alemáns e tamén aos ingleses, que incluso o pagaban máis caro para que os seus contrincantes na contenda bélica non o puidesen conseguir. E aí, na mina de extracción a ceo aberto denominada zona libre, aparece unha mañá no seu cabalo Carmucha, unha moza de 17 anos, de familia acomodada, cun carácter forte e rebelde que a leva a non amedrentarse ante nada nin ante ninguén.

Despois de ver as inxustizas que naquel lugar comete a Garda Civil, sobre todo as atrocidades do corrupto e desapiadado cabo Marelo, e sendo consciente da actitude submisa das mulleres coas que convive acotío e daquelas ás que lles dá clase na Sección Feminina, Carmucha non fai caso da petición do seu pai, futuro Presidente do Casino de Noia, e decide abandonar o seu traballo como profesora na Sección Feminina para converterse en estraperlista de volframio. A súa intención será conseguir cartos e construír unha escola para as prostitutas dunha barriada de Noia onde traballaba a súa amiga Rebeca. E para levar a cabo esta empresa axiña coñecerá a Colin, o inglés que lle mercará o material, porque ela cos alemáns non quere tratos.

Félix, coñecido de Carmucha dende que era unha cativa por ser fillo dos caseiros da súa familia, converterase no gardacostas da nova empresaria do volframio. E será tamén o seu conselleiro, o seu acompañante, a súa sombra…

Construída a partir dun narrador que encadra a historia para contarlle á súa neta adolescente uns acontecementos que viviu en primeira persoa, en Febre a acción sucédese de forma trepidante e provoca nos lectores e lectoras a necesidade de avanzar nos diálogos e nas descricións a través das cales se logra configurar, en non moitas páxinas, uns personaxes rotundos e unha ambientación cinematográfica que sorprenden en cada escena. A represión, a inxustiza e a violencia propias da época en que se sitúa a acción entrelázanse coa esperanza, o amor e a reconciliación para dar lugar a unha obra de ficción artellada solidamente con elementos reais da apaixonante historia do volframio en Galicia.

Héctor Carré declarou que Febre naceu dos seus recordos. «Cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo “nos tempos do volframio…” Eran como o “érase unha vez nun país  de moi lonxe” dos contos de fadas, a diferenza estaba en que esas historias pasaran aquí mesmo. Eu non sabía moi ben o que pasara naqueles tempos do volframio, pero escoitaba fascinado por un mundo que me parecía completamente diferente ao que eu coñecía, un mundo de aventureiros que andaba na procura dun ouro negro, de xente que andaba armada pola rúa, que arriscaba a vida por unha beta de mineral. A min parecíame unha película do oeste. Decidín escribir esta historia deixándome levar por ese estilo das películas do oeste, un estilo épico que encaixaba perfectamente na loita do personaxe central, Carmucha, unha rapaza que ten que enfrontarse a un inimigo infinitamente máis forte na procura da súa liberdade. »

«Elixín unha heroína feminina para retratar o cambio que se produciu na muller e no seu lugar na sociedade nos últimos setenta anos. Carmucha, como personaxe épico que é, loita por un imposible. Loita para demostrar que non é un ser inferior condenado á tutela masculina. Loita pola súa liberdade para elixir o seu propio camiño. Como se trata dun western moderno, o heroe non é perfecto, non está exento de culpa, e aínda que a súa loita é xusta, pode verse contaminada pola inexperiencia, os erros e ata a soberbia, pero pese aos seus erros e miserias, abre un camiño que os seus sucesores recordarán durante anos.»

«O conflito principal da novela está focalizado entre filla e pai, en grande parte como consecuencia dos cambios que se producen ao chegar á adolescencia  nas relacións entre pais e fillos, e tamén como metáfora da liberación feminina do control masculino. Pero nese conflito trata de darse unha visón ecuánime facendo que o narrador sexa un terceiro, un avó,  que é tolerante tanto cos pais como cos fillos. »

2 Comentarios

  1. [...] que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré (1960) e corresponde ao título Febre, obra que relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro [...]

    Pingback by Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011 | ::Axenda cultural AELG:: — 30 Novembro 2011 @ 12:01 p.m.

  2. [...] a entrega dos galardóns a Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo, pechou a quenda de intervencións director da editorial que, en primeiro lugar, [...]

    Pingback by Unha festa grande nos Premios Xerais 2011 | Xerais — 1 Decembro 2011 @ 10:22 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo.

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.