O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorreron corenta obras formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «Extramunde», «O caso Ocaso» e «Todo home é coma a lúa». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Extramunde» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo (Francisco Xavier Vázquez Álvarez) e corresponde ao título Extramunde.
Os membros do xurado do Premio Xerais de novela 2011, no ditame que elaboraron sobre Extramunde, «valoran profundamente a calidade da súa escrita, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade.»
«Unha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do Capitán Mourelle. Alí, outra man, a de ferro do Capitán Lourenzo de Sousa, tomará o relevo para conducilos, a través dunha viaxe transoceánica, nunha goleta que ten como misión abandonar os condenados á súa sorte na selva de Guiana. Esa viaxe, a propia viaxe é, indubidablemente, a protagonista da novela.»
«Escrita cun pulso narrativo vibrante, de gran intensidade, a novela presentada baixo o lema de «Extramunde» sitúa o seu corazón no periplo desa embarcación ateigada de condenados nun momento en que as supersticións, as crenzas, a procura de liberdade e o medo ao descoñecido gravitan coma unha lousa sobre as xentes.»
«Botando man dun certo rexistro expresivo de ton profético, o autor constrúe unha magnífica novela de aventuras que dialoga con clásicos como Stevenson ou Jack London para crear, desde a carcasa da posmodernidade, un canto de denuncia contra as inxustizas e contra o peso esmagador da doutrina relixiosa e, sobre todo, a favor da vida, da supervivencia, da inequívoca procura da liberdade.»
«Xa que logo, a violencia, terrible; o exorcismo; a brutal e implacable forza da natureza; o sexo; a importancia das linguas e da comunicación, pero tamén o exilio forzoso, a emigración, as doenzas, o medo, as persecucións… constitúen algúns dos eixos temáticos desta excelente novela que encandila e atrapa ao lector coa súa poética expedicionaria nos inicios do naturalismo e no espírito reinante na época das descubertas de novas terras e dos periplos das grandes navegacións.»
«Así mesmo, a fusión de linguas e identidades fortalecen unha proposta de autor que nos achega a súa visión do mundo e nos facilita a lectura co carácter secuencial e cronolóxico da obra, engrandecéndoa coa inmensa riqueza das descricións e dos incesantes acontecementos que rexen as súas páxinas.»
«Xa que logo, como membros do xurado, convidámosvos a acompañarnos nesta longa e intensa aventura que nos conduce desde o santuario dos embruxados á Illa de Borneo, pasando por Senegal, dobrando o Cabo de Boa Esperanza, e recalando en Mozambique, Madagascara, Seilán, Malaca ou Malaisa.»
Por último, o xurado do Premio Xerais 2011 recomendou encarecidamente na súa nota recomendar «a publicación das outra dúas novelas finalistas, ambas as dúas moi distintas, de longo percorrido e amplo alento. Recoñecemos, xa que logo, que a decisión non foi doada.»
Xavier Queipo declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este galardón supoñía unha feliz confluencia coa da edición de Ártico 2.0, que revisa o seu primeiro libro. Entremedias 20 anos pasados de dedicación constante, de persistencia na escrita e, dalgún xeito de resistencia contra a ignominia.
«Extramunde é unha novela de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucinados embarcan nunha viaxe a bordo dunha “nave de tolos”, que no fin, constitúe a personaxe central da novela. Mais non é só iso, senón unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade. Extramunde, admite, pois, variadas lecturas, con distintos planos de profundidade, coma se un fose debullando unha a unha as capas dunha cebola, ate atopar o seu núcleo central e, no camiño, rir e soñar, anoxarse e sufrir, evadirse e finalmente, se cadra, chorar. »
«Extramunde, ambientada no século XVI, ou se cadra precisamente por iso, permite unha lectura metafórica verbo da relixión, do espiritualismo, do colonialismo, da defensa e vindicación dos dereitos fundamentais e da procura constante da liberdade e, indo máis alá, da utopía. »
«Extramunde é unha novela moderna na construción e na estrutura, que contén varias novelas nunha, o unha novela con distintos alentos narrativos, que van da desmesura violenta de Galiza entendida como territorio mítico e esotérico, a navegación oceánica e o confronto coas forzas da natureza (correntes, bombas mariñas, treboadas perfectas, tifóns), até a descuberta dunha tribo de caníbales nas selvas de Borneo, a aceptación da condición de guerreiro cortador de cabezas. »
«Extramunde xurde dunha forza interior, da ansia por escribir, por contar historias que ninguén contara, por retorcer a linguaxe ata abrir novos camiños formais. Na escola aprendéranme o importante que é o contrato que o escritor establece co lector nas primeiras páxinas e así foi que arranquei a escrita desta novela cun inicio alucinado que nos ha levar, tras múltiples navegacións e peripecias a un final reflexivo, pois aprendéranme tamén na escola que ese é o obxectivo de toda lectura, abrir unha pregunta e invitar á reflexión. »
XERAIS
Os meus parabéns para Xavier Queipo por unha obra que de seguro vai abraiarnos.
Comment by Xesús Constela — 12 Xuño 2011 @ 11:57 a.m.
[...] Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo e corresponde ao título Extramunde. O autor declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Xerais declarou que este [...]
Pingback by Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011 | ::Axenda cultural AELG:: — 30 Novembro 2011 @ 12:03 p.m.
[...] a Xavier Queipo en Xornal: “- Xornal (X): Que se conta en Extramunde? – Xavier Queipo (XQ): É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte [...]
Pingback by Xavier Queipo: “A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas” | ::Axenda cultural AELG:: — 30 Novembro 2011 @ 12:05 p.m.
[...] Onde podemos situar hoxe ese poder omnímodo que tivo a Igrexa no XVI? – Xavier Queipo (XQ): Extramunde ten varios niveis posibeis de lectura, dende o máis lineal -unha novela de aventuras-, até outros [...]
Pingback by Xavier Queipo: “O poder esmagador” | ::Axenda cultural AELG:: — 30 Novembro 2011 @ 12:10 p.m.
[...] a entrega dos galardóns a Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo, pechou a quenda de intervencións director da editorial que, en primeiro lugar, lembrou a figura [...]
Pingback by Unha festa grande nos Premios Xerais 2011 | Xerais — 1 Decembro 2011 @ 10:21 a.m.