«A chave da Atlántida» de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

12 Xuño 2011

2011,Autores,Ciencia_ficción,Merlín,Noticias,Premios,Premios_Xerais

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema «Prometeo», recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.

A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.

Anxo Fariña declarou cando coñeceu a noticia da concesión do Premio Merlín que cando era un neno duns cinco anos tiña bastante claro que quería ser de maior: pirata. No seu sexto aniversario, o seu soño mudou, quería viaxar ás estrelas. «Ser astronauta semellaba unha incrible ocupación para cando fose grande. Aos poucos meses, acadei a solución definitiva: pirata espacial. Co paso do tempo, pódese pensar que non cumprín os meus soños infantís, mais todo o contrario. Podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora me conceden o premio Merlín, e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras.»

3 Comentarios

  1. […] que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña (1977) e corresponde ao título A chave da Atlántida, novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización […]

    Pingback by Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña son os gañadores dos Premios Xerais 2011 | ::Axenda cultural AELG:: — 30 Novembro 2011 @ 11:58 a.m.

  2. […] a entrega dos galardóns a Anxo Fariña, Héctor Carré e Xavier Queipo, pechou a quenda de intervencións director da editorial que, en […]

    Pingback by Unha festa grande nos Premios Xerais 2011 | Xerais — 1 Decembro 2011 @ 10:22 a.m.

  3. Deixamos recomendado o libro pra 1º ESO porque nos parece moi axeitado

    Comment by ogalego.eu — 1 Xaneiro 2012 @ 7:22 p.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.