Dous textos en pdf sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma: un adianto do primeiro capítulo e un texto no que a autora relata a súa propia vida

31 Maio 2011

Narrativa,Novidades

Hoxe ofrecemos a todos os lectores e lectoras de Xerais dous textos en pdf sobre a novela  Despois da medianoite, da escritora india Salma: un adianto do primeiro capítulo e outro texto de Salma no que relata a súa propia vida.

1) O adianto do primeiro capítulo (28 páxinas), que inclúe tamén a introdución da tradutora, María Reimóndez. Descargar.

2) «A miña vida»: Un texto de Salma no que relata a súa propia vida, traducido tamén por María Reimóndez e que non se inclúe no libro. Descargar.
O texto comeza así:

A miña familia púxome de nome Rajathi. Nacín nunha aldeíña onde prevalece unha atmosfera opresiva que impide que as nenas musulmás vaian á escola. Para todas as nenas que nacen na nosa aldea, a escola remata aos trece anos. Os meus días pasaban co medo de que ese día chegase tamén para min.

A novela Despois da medianoite, da escritora india Salma, é unha das novidades de Narrativa do mes de xuño. Está traducida por María Reimóndez e a autora visita Galicia, por invitación de IND, para presentar a súa obra.

Mañá preséntase en Santiago, ás 20:00 h. na Praza de Cervantes, coa colaboración da Libraría Couceiro; e o xoves preséntase en Vigo, tamén ás 20:00 h. na Libraría Librouro.

O calendario de presentacións, encontros e actividades de Salma en Galicia pode consultarse aquí.

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «O bebedor de rakia», de Xesús Manuel Marcos

Críticas,Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos. Reproducímola integramente:

O bebedor de rakia, novela que fai pensar

Na crónica libresca da semana pasada reclamabamos máis atención á hora de observar/ter a literatura como unha fonte de saber. Entre todas as que hai, unha das máis importantes, como mínimo.

E queremos agora lembralo porque a natureza da lectura que hoxe imos tratar convida tanto a iso como a todo o contrario. Convén lembralo hoxe e sempre. É preciso que o lector común nunca esqueza reclamar a literatura, decididamente, como unha indispensábel fonte de coñecemento.

Dicimos que O bebedor de rakia se presta porque a novela de Xesús Manuel Marcos narra un caso en que unha personaxe, a protagonista, toca fonda logo de se ir afundindo, pouco a pouco, nun desamparo e soidade moi grandes, e sendo que xa non gozara de excesivo aprecio entre os máis achegados ou polo menos non visibelmente. De que lle serve isto á sociedade? Élle útil para algo o relato doutro perdedor? Nós non podemos responder esa pregunta, aínda que sexamos parte desa sociedade; o que si podemos dicir é que Marcos non a escribiu por pasar o tempo. Velaí, logo, que insistamos.

A meirande parte da acción de O bebedor de rakia acontece lonxe de Galiza, se é que iso puidese importar algo, pois a universalidade de toda escrita está fóra de dúbida.

Esta é a historia de Alberte e as súas circunstancias. Alberte, fillo dunha familia “desestruturada” (pai alcólico, nai escravizada e submisa, irmá maior protectora até certo punto), que no seu ambiente social non atopa poisibilidade de realización persoal nin ve futuro nin se sente apreciado (aínda que nalgún caso, por exemplo no da súa moza, Susana, o sexa) e, en vistas diso, alistarase como voluntario e marchará a unha misión humanitaria nos Balcáns. E desde aí todo é camiño descendente, na súa propia autoestima e na propia estima do mundo e de quen o compón, e ascendente no proceso de destrución dunha perosnalidade deficientemente construída porque a sociedade contribuíu decisivamente en tal impedimento. Ir aos Balcáns “para axudar” significará meterse de cheo nunha guerra, coma todas fondamente inhumana, nunha guerra allea e alleizante que o fai sentirse paxaro á intemperie e sen niño, familiarizándoo cun estilo de vida no cal o único importante é a forza bruta, cun estilo de vida no cal os sentimentos interpersoais case non saben expresarse sen recorrer a ela. E, pouco e pouco, os débiles fíos que o unían “ao mundo real” iranse desfacendo, entre equívocos e indiferenzas Alberte ficará máis só ca nunca, maís indefenso ca nunca ante a vida e a traxedia.

Esta é a historia de Alberte e está contada en dúas direccións que conflúen no mesmo punto, a mesma traxedia tanto para letra “normal” como para a “extraordinaria”. E coa mesma endiañada velocidade da vida, ese caos rutineiro que pouco tempo deixa á reflexión e á análise. Isto provoca que a traxedia final fique salientada mais os momentos trascendentes anteriores, eses que van marcando un antes e despois progresivo, fiquen difuminados, engulidos na vertixinosidade duns feitos que se precipitan malia a invariabilidade do escenario conflitivo externo: a guerra. O cal nos leva a aconsellar vivamente a lectura concentrada en poucas sesións, a lectura intensa; ou, no seu defecto, ir tomando notas nas que se reflictan os cambios operados. E hai que dicir tamén que a confluencia da dúas dirección está ben logarda, sendo un dos aspectos fortes da novela.

Esta é a historia e esta é a novela, e queremos retomar agora o que viñamos dicindo das formas de lectura. Porque non é novela para consumo ocioso. Ese espírito do ocio precisamente mata o espírito da novela, que, polo menos na nosa opinión, está lonxe de querer ser un pasatempo máis. Para animar o lector a que faga lectura activa. Lectura activa na que, a bon seguro, non ha faltar unha análise en contraste entre a historia de Alberte e a do seu pai, de onde esguellan unha serie de implicacións filosóficas ou sociolóxicas que non son precisamente para deixar pasar. E é tamén unha maneira de conectar este discurso con outros moi distintos, por exemplo con aqueles que tematizan a influencia do medio na persoa, tanto do medio vital como do medio orixinario. Ou con aqueles que relatan como se crea/destrúe a personalidade. Por poñer un par de exemplos.

Esta é a historia do bebedor de rakia, a historia de quen só na rakia (bebida alcólica de elevada graduación) atopa forzas para seguir vivindo. E tanto ten a guerra, dos Balcáns ou do día a día. E se tanto ten a guerra, tanto ten o tipo de bebida refuxio. O único que importa é que a vida está repleta de bebedores, de fracasados vitais. O único que importa é que se o sabemos e os vemos, nós somos os peores bebedores de rakia.

Xosé Manuel Eyré

Dionisio Pereira, entrevistado por Jorge Lamas a raíz da presentación de «Loita de clases e represión franquista no mar»: «A represión en Vigo, Moaña e Cangas foi moi cruel»

Crónica,Entrevistas

A edición viguesa de La Voz de Galicia, publica unha entrevisa de Jorge Lamas con Dionisio Pereira sobre Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Reproducímola integramente:

A represión en Vigo, Moaña e Cangas foi moi cruel, con fondeos de persoas

O economista e historiador Dionísio Pereira presenta esta tarde, ás 20.00 horas en Librouro, o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1936), editado por Edicións Xerais de Galicia. Este traballo de investigación ofrécelle ao lector os datos necesarios para entender a organización societaria dos mariñeiros galegos ata a chegada da guerra civil, e a posterior represión sufrida polo sector.

-¿Por que toma o ano 1864 como punto de inicio?
-É pola publicación dun real decreto que fai desaparecer os gremios do mar, a organización mariñeira tradicional. A partir de aí as propostas xa son moi diferentes a aquelas formas medievais.

-¿Atopou paralelismos co proletariado industrial?
-Si, no que se refire á pesca inserida no modelo capitalista. No tempo da República, atinxe máis ou menos a metade do sector mariñeiro. Este segmento da clase mariñeira, que neste tempo está composto por unhas 60.000 persoas directamente, é a que está máis representada nos sindicatos de clase e forma parte dun segmento moi importante, no caso da CNT, da súa afiliación.

-¿É o sindicato anarquista o máis representado no sector?
-Ao principio, os pioneiros das organizacións proletarias, sobre todo nos vapores que ían á pesca do pincho no Berbés e tamén en Bouzas, foron socialistas, e tamén ocorre ao mesmo tempo coas traballadoras da conserva. Os socialistas de aquí foron moi libertarios, entre comiñas, no sentido de que pensaron por se mesmos. Posteriormente, xa a partir dos anos vinte, e moito máis durante a República, a hexemonía pasa á Federación Rexional de Industria Pesqueira da CNT, que ten unha afiliación masiva e que se pode contar en torno ás tres cuartas partes dos mariñeiros organizados.

-¿Que papel tivo a muller neste ámbito?
-As traballadoras da conserva tiveron un nivel de organización moitas veces parello ao dos mariñeiros. Hai unha interrelación continua entre ambos, agora ben, a integración da muller nos sindicatos de clase ven máis de vagar, e non se produce dun xeito moi significativo e masivo ata o triunfo da Fronte Popular. De todos xeitos, os primeiros xermolos veñen do mesmo tempo, os derradeiros anos do século XIX. Por outra banda, no caso das mulleres está máis repartida a súa afiliación na UXT e na CNT, e mesmo nos sindicatos independentes pero moi influídos polo Partido Comunista, como pasou na ría de Vigo.

-¿O sector mariñeiro foi prioritario para a represión tras o golpe de Estado?
-
Polas cifras que podemos manexar a través do proxecto Nomes e Voces, no que participan as tres universidades galegas, pódese dicir que despois dos cadros sindicalistas de Vigo, A Coruña e Ferrol, é o segundo sector laboral máis castigado despois do golpe militar de xullo de 1936. A razón está no grao de organización que acadaron durante a República, cunha taxa de afiliación de entorno ao 40%, e tamén no da conflitividade. A patronal aproveitou o golpe militar para promover unha represión moi dura que se levou a cabo, ben por parte dos militares a través dos consellos de guerra, ou ben á brava polas milicias fascistas. Incluso tamén podería haber unha motivación de base económica porque o franquismo precisou que Galicia fora unha retagarda que subministrara persoas e alimentos ao exército. No caso do mar, foi moi importante a aportación da conserva de peixe, e de algunha maneira, os fascistas necesitaban que os que subministraran o peixe non foran refractarios para aseguralos.

-¿Vigo e A Coruña foron os centros máis castigados?
-Si, aínda que houbo vilas como Moaña, Cangas, Marín e Cariño que non lles van moi lonxe porque alí había unha organización sindical moi forte que provocaron loitas moi duras que logo aumentaría a intensidade da represión. De feito, a represión en Cangas, Moaña e Vigo foi terrible, e ademais cunha metodoloxía moi cruel cos tristemente fondeos persoas.

-¿Tivo algo que ver a intensidade acadada polos conflictos laborais durante a República?
-A patronal, que foi quen escribiu a historia a través de corenta anos, tratou de reducilo todo a cuestións persoais. Moitas veces temos escoitado que a tal persoa a mataron por envexas persoais o cuestións deste tipo. Hoxe en día estes estereotipos está totalmente desacreditados e a gran maioría de situacións se sitúan nun contexto laboral. Foi unha represión que afectou a aquelas persoas que de algunha maneira podían ter devezo de un statu quo diferente e, durante a república, loitaron de xeito organizado para que fora así.

-¿Foi planificada esta represión?
-No caso do mar, nas directivas sindicais está moi claro que houbo unha planificación.

-¿Hai un número de vítimas?
-Uns 1.500 mariñeiros foron represaliados de algunha maneira pero, por exemplo, no caso da Federación Rexional de Industrias Pesqueiras, da CNT, eu cifro en torno aos 150 cadros sindicais os que foron asasinados. Cito un par de exemplos, nos que a comisión que negociaba as bases de traballo nos arrastreiros de Bouzas en xullo do 36, de cinco persoas, catro son asasinadas e mesmo a algún van buscalo á illa de San Simón, e o quinto se salva porque se disfrazou de crego. No caso dos vinteún integrantes da comisión que negociou coa patronal e o ministerio os prezos da sardiña na primavera do 36, sabemos que o 60 por cento foron asasinados ou tiveron durísimas penas de cadea ou desapareceron.

Jorge Lamas

«As palabras que move o mar», de Xaime Toxo, na sección Un libro para cada día

Narrativa

As palabras que move o mar, de Xaime Toxo, na sección Un libro para cada día, de A Nosa Terra.

O debú serodio de Xaime Toxo

Xaime Toxo presenta o seu primeiro libro, ‘As palabras que move o mar’, un conxunto de catro relatos longos que publica Xerais.

As palabras que move o mar supón o debú narrativo de Xaime Toxo (Bueu, 1955) tras varios premios de narrativa breve. “O alento das pedras”, “Cartografías”, “A casa dos alicerces mariños” e “Escuro é o rostro da memoria” son textos de longo alento, nos que a acción se vai enredando por entre as falas dos personaxes e a descrición dos ambientes.

Prosa para ler con tento, repousando as palabras e as situacións para que o lector teña tempo de entrar, sentar e acomodarse.

As referencias literarias e culturais doutro tipo van compoñendo un mosaico sobre a debilidade/fortaleza humana.

Toxo debuta con este libro aínda que lle vén de vello o seu labor de narrador en curto. Foi gañador de diversos certames deste xénero e ten publicado relatos en volumes colectivos.

«Dicionario Xerais de Primaria», unha ferramenta fundamental para o ensino

Dicionarios,Novidades

O Dicionario Xerais de Primaria, elaborado por Xosé Feixó e Manuel Rodríguez Alonso é unha das últimas novidades da editorial e constitúe unha ferramenta fundamental, pensada especialmente para o ensino primario.

• Linguaxe sinxela, viva e actual • Deseño gráfico concibido para facilitar a lectura e a visión global de cada entrada • Entradas a cor e maior tamaño, para facilitar a busca e centrar a atención • Tamén a cor as categorías gramaticais, as abreviaturas e as expresións • 14.000 voces directas • Máis de 28.000 voces indirectas a través das familias de palabras • Máis de 26.000 definicións, axeitadas á idade e contidos requiridos aos alumnos de primaria • Máis de 26.000 exemplos para facer máis didáctica a comprensión do significado de cada definición • Contén os 600 erros léxicos máis frecuentes, remitindo á forma correcta • Máis de 10.000 sinónimos • Máis de 5.000 antónimos • Inclúe as familias de palabras • Inclúe as expresións máis frecuentes • 42 modelos de verbos conxugados • Contén observacións nas entradas que así o requiren • Inclúe as indicacións gramaticais máis importantes: o xénero, o número, o acento, as contraccións… • 23 láminas a cor, 9 delas dobres, relacionadas co mundo máis próximo ao alumno: a casa, a cociña, a sala de estar, o cuarto de baño, a cidade, o xardín, a rúa… • Un instrumento educativo, en definitiva, creado para a comunidade escolar seguindo as directrices e obxectivos didácticos da Reforma Educativa.