Texto de Gracia Santorum sobre «Un dedo manchado de tinta», de Manuel Portas

30 Maio 2011

Críticas,Narrativa,Presentacións

Gracia Santorum publicou no blog Trafegando ronseis o texto que leu na presentación de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, a pasada semana en Compostela. Reproducímolo integramente:

Calquera profesor ou profesora que leve nisto do ensino da nosa lingua uns cantos anos recoñece como capital o nome de Manuel Portas. O seu libro foi, sen lugar a dúbidas, o máis consultado, usado, traballado e “portado” por todos e todas nós nos institutos de Galicia. Iso fixo que o “Portas” se convertese daquela na nosa ferramenta imprescindible á hora de abordar a Sociolingüística. Tanto, que –cando menos para min- Manuel Portas era unha entelequia, un Nome sen Home que non agochaba persoa ningunha detrás.

Cando hai aproximadamente un ano lin no blogue de Xerais que Manuel Portas publicaba un libro de narrativa, tan só Tres segundos de memoria para lembrar quen era. O que me provocou unha total desconfianza: “Vaia, outro que se ten que meter a escritor”, pensei. O Portas doutro tempo converteuse en Manuel Portas cando rematei coa lectura de Denso recendo a salgado. Sempre é bo Dubidar para aprender e recoñecer que nada se pode xulgar sen coñecelo.

A Makinaria da vida, que tantas sorpresas nos ofrece, fixo que este nome (xa home) quixese que estea eu hoxe aquí, case na Cripta do Apóstolo, co compromiso de non vos mentir sobre o libro.

Esquezamos agora a Manuel Portas para centrarnos na figura de Gonzalo. Gonzalo vén sendo o negro de Portas, segundo deducimos dende o comezo do libro:

Esta obra non é unha novela, non é iso o que un servidor pretendía a noite en que me sentei perante a pantalla do computador co firme propósito de cumprir co soño, tantas veces arelado, de me converter en escritor (…) tiña o tento suficiente como para estrear un documento de word baptizado xa como “Un dedo manchado de tinta”.

Un Gonzalo obstinado en tirar todo o bo das persoas convertidas en personaxes: a honradez é o trazo máis característico e común de todos eles… E este bo facer é, curiosamente, o que menos crible resulta nesta Canícula dos tempos.
Os personaxes principais do libro poderían estar aquí agora mesmo, ser os nosos veciños, cruzalos pola rúa… son así porque así os concibe Gonzalo:

El quere escribir sobre xente normal, esa xente coa que un se cruza pola rúa, coa que coincide na cola do súper, no bus, ou na área de espera dun aeroporto, inventarlle grandezas anónimas, miserias inconfesábeis, comedias, traxedias verosímiles en que ocupa a vida o común dos mortais, esas vidas que nunca merecen atención. Por que hai que centrarse sempre en personaxes extraordinarios? Mírese para el mesmo, que ten el de especial? Nada. Absolutamente nada. E, non obstante, a excepcionalidade da súa vida púxoo agora aí.

Coñezámolos entón: Un funcionario –Alberte- obsesionado en facer tan ben o seu labor que lle dedica todo o seu tempo libre; un inmigrante –Malulú- empeñado en adaptarse á nosa sociedade malia o racismo; un preso –Jonathan- inocente do delito polo que está no cárcere; unha caixeira sindicalista –Cristina- que loita polos demais sen pensar en si mesma…; nesta galería de personaxes comúns e próximos chocará a presenza de Chus, unha investigadora de alto nivel que a penas nada se parece ao resto dos personaxes que vimos de mencionar. Por iso, cando lemos a súa vida hai algo que renxe, que deforma o conxunto… e non comprenderemos a súa importancia ata o final da novela. Cando por fin, poidamos lavar as mans e tentar limpar estes dedos manchados de tinta. Porque o máis rechamante foi que, mentres avanzaba na lectura, observei fascinada como tamén os meus dedos se luxaban dunha tinta indeleble e case imperceptible que agora sei chegada ao seu fin.

O libro contén un compoñente máxico: un son fermoso que nos fala, el tamén, dos personaxes. A narración e a obra musical son arte a un mesmo tempo, unha lévanos da man á outra, e ambas se complementan, sen comparar en ningún momento a lectura coa escoita. Na música, río de sons que flúen, cada instante sonoro é distinto do anterior. Na novela, torrente de palabras, os momentos concatenados son esenciais para entender mellor o relato.

Ambos xuntos, ambos afastados, poderán conseguir que vós, lectores e/ou ouvintes, gocedes de pequenos momentos de pracer.

Gracia Santorum

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Deixa un comentario