Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «A veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda

23 Maio 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Francisco Martínez Bouzas publica no seu blog Novenoites unha recensión sobre A veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda. Reproducímola integramente:

Atoparse no formigueiro londinense

Gelo da Veiga e Elisa dos Barreses atopáronse en Portobello Road. E co encontro aviveceu o lume dos sentimentos, a antiga relación, o desleixo, a sorpresa. Mais tamén alí naceu o medo. Así dá comezo esta achega de Eva Moreda á narrativa galega sobre a nosa emigración en Londres. Unha entrega narrativa de ben poucas páxinas, pero de indubidable calidade e fondura, merecedora do Premio de Creación Literaria Terra de Melide do ano 2010. Os dous protagonistas desta historia aventuraranse na emigración londiniense na década dos sesenta. Moitos dos que naqueles intres ou en anos posteriores intentamos a mesma aventura, sen outras garantías  que as que posúen os que arestora pretenden chegar ás costas de Europa en “pateras”, sentímonos retratados nesta novela verbo da emigración nese microcosmos complexo e orixinal que é a cidade de Londres. Os galegos que emigraron á capital das Illas nas décadas dos sesenta e setenta, deixan a súa pegada ficcional nas páxinas deste libro. Sentiranse debuxados nos percorridos vitais diferentes dos dous protagonistas principais e tamén nas existencias doutros emigrantes económicos, personaxes secundarios porén, que asentaron a súas existencia na capital británica, e alí traballaron, gañaron o pan e reaccionaron de forma complexa fronte ao novo entorno.

Lonxe, case que a unha distancia infinita, fica o lugar natal, esa A Veiga, metáfora de todas as aldeas galegas que nutriron naqueles anos a emigración, porque, cando un marchaba “tan lonxe”, era marchar de verdade e A Veiga quedaba conxelada, como ese tempo distinto que, con tanta elocuencia, rotula o título.

Os dous seres humanos deseñados pola escritora, actantes da acción narrativa que articula a historia contada, son, como xa dixen, Gelo e Elisa. Dúas persoas da Veiga que compartiran sentimentos tempos atrás. Perdida a relación, atópanse anos despois na emigracións londiniense. E alí, co seu inglés rengo e exercendo os traballos prototípicos da emigración galega en Londres (limpadoras de oficinas, sempre de noite, camareiros/as, cociñeiros/as), renace entre eles aquel espazo íntimo que os unira, mais cada un segue un camiño vital diferente e a súa relación vese sometida a altibaixos.

Mais nin Gelo nin Elisa son personaxes planos. A narradora sabe moldealos axeitadamente, tirando dos mesmos toda a complexidade dun ser real, polo que a veces semellan contraditorios e sorprendentes, nomeadamente a protagonista feminina. E nese animal londiniense, que cambia constantemente, un formigueiro de transformacións, insólito naqueles tempos na Galicia da que proviñan, interactúan perfectamente. Descobren o sindicalismo, a organización dos traballadores, o movemento de liberación da muller, os anticonceptivos, as actions diante do Parlamento. Tamén se decatan que, despois de anos en Londres, son estranxeiros no lugar natal, pero seguramente tamén o seguen a ser na capital británica. Endalí que Elisa, a verdadeira heroína desta novela afirme con rotundidade, antes de entrar na cadea de Holloway, que ela é de todas as partes do mundo onde hai mulleres, onde hai limpadoras, onde hai estranxeiros, onde hai xente que sofre e chora.

Eva Moreda presenta unha novela orixinal. Emprega a escritora unha técnica narrativa coidada e eficaz. O seu relato alicérzase nunha voz – a de Gelo – que fala en primeira persoa. A través dos seus ollos e do seu monólogo descubrimos a Elisa dos Barreses  e o resto dos personaxes secundarios que forman o grupo dos galegos emigrantes en Londres. Con todo, a voz do protagonista masculino desvela eficazmente os trazos da emigración galega en Londres e a súa interacción social, contada desde unha perspectiva feminina, porque é Elisa a que renace constantemente, a que é sensible ao cambio social, a que interactúa respondendo ás incitacións novidosas do formigueiro londiniense.

Unha prosa elegante, áxil, ben articulada, mais sen arroubos líricos, un galego coidado, sen desleixos lingüísticos fan desta novela de Eva Moreda un produto narrativo maduro. Na miña opinión, a peza ficcional máis orixinal e narrativamente máis consistente da escritora.

Francisco Martínez Bouzas

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.