El Correo Gallego publicou unha recensión Esther León Viloria sobre Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, de Marcos Calveiro.
Lois Pereiro por Calveiro: de escritor a protagonista
Biogafía do poeta monfortino, homenaxeado no Día das Letras Galegas, dirixida á mocidade a modo de guión cinematográfico
Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968), un dos escritores da literatura infantil e xuvenil actual máis
galardoado, adoita dicir que cando dá vida a unha historia non pensa no lectorado potencial, senón que son os editores os que o determinan. Nesta ocasión escribiu Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía a petición expresa de Edicións Xerais de Galicia. Fixou previamente, dado que se publicaba na colección Fóra de xógo, como receptor a mocidade, un destinatario que para este vigués de adopción non se diferencia moito dun público adulto con respecto ás súas preferencias lectoras.
Á marxe desta cuestión, non se trata dunha biografía ao uso, xa que se parte dun ficticio guión cinematográfico en homenaxe á paixón de Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996) pola sétima arte. En realidade, as vinte e dúas fugaces escenas nas que se desenvolve este breve texto de cento cincuenta páxinas poderían resumirse en tres, seguindo un esquema clásico de presentación, nó e desenlace. En canto á ficcionalización, cómpre salientar que a singularidade do poeta, unida aos seus trazos representativos do conxunto da xeración dos 80, permiten deseñar un protagonista sumamente atractivo e repleto de matices.
Na primeira parte, a mo do de introdución, repásase a infancia e adolescencia en Monforte de Lemos. A través da evocación desta etapa ofrécense as mostras iniciais dun carácter soñador, unha afección temperá pola lectura e unha especial sensibilidade, motivo de preocupación de súa nai.
Na segunda, xa fóra da contorna familiar, aínda que preto de seu irmán Xosé Manuel, dáse noticia das múltiples experiencias vividas a cabalo entre Madrid e diversas cidades europeas (Berlín, Praga, París).
A terceira e última etapa da vida do monfortino está marcada pola enfermidade e remata coa súa morte, agardada pero non por iso menos dramática.
Na cronoloxía recóllese que Pereiro foi unha das vítimas da sida, un drama que incidiu especialmente en toda a xeración dos 80 en España.
Chama a atención que o feito de ser vítima da sida só apareza na cronoloxía, mentres que o envelenamento pola colza centra unha escena; así como a elección do enfoque á hora de abranguer a figura de Pereiro, que semella moi marcada pola empatía entre autor e autobiografado e tamén polo lectorado ao que se dirixe
en primeira instancia. Máis alá de posíbeis reparos, débese felicitar a Marcos Calveiro polo esforzo levado a cabo para achegar a vida e obra do poeta á mocidade a través dunha emotiva ficción con varias claves da súa poética, un álbum fotográfico e unha breve antoloxía na que se recolle un guión para a TVG xunto a fragmentos de Poemas 1981/1991 (1992), Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995) (1995) e Poemas para unha loia (1997).
XERAIS