Censo de personaxes de «Non hai noite tan longa», de Agustín Fernández Paz

12 Maio 2011

Narrativa

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog Ferradura en tránsito unha «paisaxe humana» da novela Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz. Reproducímola integramente:

Velaí o dramatis personae da agardada novela para adultos de Agsutín Fernández Paz Non hai noite tan longa.

Gabriel- É o protagonista central. Despois de máis de 30 anos volve a Monteverde coa intención de esclarecer os puntos escuros da súa marcha, sobre todo a inxusta condena ao seu pai. Está casado con Christine ten dous fillos e vive en París.

Elsa- Irmá de Gabriel, ela si padeceu en carne propia a condena ao seu pai, non fuxiu como Gabriel. Divorciada de Rosendo, precisamente como era de boa familia e de Vigo…cando casa con el rematan as faladurías. Ten dous fillos: Xavier e Milena, Milena será quen mellor acolla a Gabriel.

Celia Salgado- Nai de Gabriel, quen volve pola primeira vez a Monteverde cando morre ela. Gardaba un papeis misteriosos.

Mamá Clara- Mestra represaliada polo franquismo, avoa de Gabriel, un dos seus legados é a paixón pola lectura.

Servando- Avó de Gabriel. Morre de tuberculose, xa había cura mais a un republicano non lla ían administrar…

Félix Barral- Avogado do pai. Con Alzheimer. A filla, Diana, axudará a Gabriel

Marie-Hélène- Secretaria de Gabriel.

Herminio- Tío de Gabriel, axúdao cando este foxe a París.

Libertad- Filla de Antón Ferreiro, camarada de Herminio.

Sulema- Empregada doméstica de Gabriel.

Edu(ardo)- Amigo de Gabriel, dos tempos de instituto, tamén lle botará unha man.

Milucha- Mediomoza de Gabriel, dos tempos do instituto, funcionaria do Concello de Monteverde, sente que llee quedou unha asignatura pendente…

Gervasi e Teresa- Conducen a furgoneta que o leva a Francia.

Natalia Valcárcel- Acusaron o pai de Gabriel de violala. O seu pai, Ricardo Valcárcel, ten moi boas relaccións co Movimiento.

O Rinchón- A súa irmá Asunción declarou no xuízo contra o pai de Gabriel

Humberto Baena- Lembrano? Franco non moveu un dedo para evitar a súa morte, é unha referencia na novela.

Senén Louzao- Garda civil, o máis novo no cuartel cando deteñen o pai de Gabriel.

Fonsito de Castro- Fillo do notario, de familia moi estirada. Ten un irmán, Carlos Luís, alto cargo dun banco.

Sebastián Antúnez- Xustifica nun libelo a condena ao pai de Gabriel.

O CEIP Emilia Pardo Bazán bautiza co nome de Antonio García Teijeiro a súa nova biblioteca

Autores,Bibliotecas

O CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo bautizou a súa nova biblioteca co nome de Antonio García Teijeiro nun emotivo acto celebrado recentemente nese centro. No acto interviñeron representantes do claustro de profesores do CEIP, os nenos e nenas do centro, que recitaron e cantaron poemas de Antonio García Teijeiro acompañdos con música de frauta, así como o director do centro e o propio escritor, que asumiron a descuberta da placa.

Antonio García Teijeiro mantivo encontros co alumnos de infantil e cos tres ciclos de primaria. Logo de asinar no Libro de Honra, en todos os cursos se recitaron poemas da súa autoría. O acto rematou cun xantar nun restaurante vigués no que García Teijeiro pronunciou un discurso commemorativo, agradecento a distinción ás responsables das dúas bibliotecas do centro.

A noticia foi recollida a pasada semana nunha entrevista que lle fixeron en Faro de Vigo.

Elena Gallego e Marcos Calveiro asinarán libros o sábado 14 e o domingo 15 na I Mostra das Letras e das Artes de Marín

Autores

Esta fin de semana, os escritores Elena Gallego e Marcos Calveiro asinarán exemplares dos seu libros: será o sábado 14 e o domingo 15 na I Mostra das Letras e das Artes de Marín.

I Mostra das Letras e das Artes de Marín

Sábado 14 ás 19:30 horas: Elena Gallego Abad asinará exemplares da súas obras.
Domingo 15 as 18.00 horas: Marcos Calveiro asinará exemplares das súas obras.

VII Mostra de Ate na Illa de Moaña

Así mesmo, o domingo día 15 Elena Gallego actuará como pregoeira na VII edición de Arte na Illa de Moaña. Nesta ocasión, a autora tamén asinará exemplares da súa obra.

Presentacións de «En castellano no hay problema», de Carlos Callón, en Vilalba (venres 13) e Seixalbo (sábado 14)

Crónica,Presentacións

O libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, será presentado mañá venres 13 de maio ás 20,30 horas na Casa da Cultura de Vilalba. O acto contará coa presenza de Xosé María Felpeto Enríquez e Carlos Callón.

Así mesmo, a asociación Irmandiños de Seixalbo tamén organiza unha presentación de En castellano no hay problema para este sábado 14 de maio. O evento desenvolverase nas Canellas, ao aire libre se o tempo acompañar e, se non, baixo unha carpa.