Crítica de Ramón Nicolás sobre «Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez

11 Maio 2011

Críticas,Crónica

O crítico Ramón Nicolás publica no seu blog Caderno da crítica unha recensión sobre Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez. Reproducímola integramente:

Chego case no límite, cando menos antes desa barreira tanxible que é o 17 de maio, a esta última biografía que publica Iago Martínez no que constitúe o seu primeiro libro. Con todo, tanto tería lelo agora ou dentro dun ano, ou dunha década, porque este é un deses libros que chegan para quedar. E non é, talvez, mala cousa chegar a este porto final,  logo de abondas singraduras particulares por estes mares de papel pereirianos, felizmente exhausto e enriquecido sempre pola enxurrada de publicacións que viron a luz de e sobre Lois Pereiro estes últimos meses, pois un valora máis xustamente esta lectura aleccionadora, intensa, apaixonada e desacougante por veces, respectuosa, documentadísima e nacida desde a contida complicidade co biografado. Todo isto explica que se ofreza un traballo que non é haxiografía senón, ao meu ver, un exemplar traballo de reconstrución e reinterpretación, que mesmo se inmisce, con especial sensibilidade e afouteza, en capítulos biográficos máis delicados, alicerzando o esforzo na base documental conservada mais tamén no necesario testemuño oral.

Ao abeiro dun esquema cronolóxico,  con licenzas dispositivas que resultan un acerto, quen se achegue a esta biografía verá desfilar, como non, a todo Lois Pereiro, mais tamén á práctica integridade do universo que tamén se moveu canda el, e non só as persoas de carne e óso -a familia, os amigos, Piedad…-, senón os espazos que coñeceu,  as afinidades afectivas, as situacións que viviu e como as encarou mais tamén o seu mundo de  lecturas, as doenzas, o sufrimento e as adiccións, as viaxes como rutas para resucitar voces e presenzas literarias, os proxectos levados adiante e aqueloutros frustrados ou a relevancia que a música, a poesía e o cinema supuxeron para a creación da súa propia obra, resultando certamente salientable o intenso e significativo labor de rastrexo e seguimento das innúmeras conexións interartísticas que se plasman na súa obra e que aquí se espellan con recorrencia.

Este libro de Iago Martínez é un traballo que escintila con luz propia, actualiza e sitúa no presente o ser humano e mais o literato que foi Lois Pereiro. Por riba conxura, de vez, o posible esquecemento.

Ramón Nicolás

Agustín Fernández Paz, Premio Roberto Vidal Bolaño

Autores,Premios

O escritor Agustín Fernández Paz, xunto coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, foi galardoados a pasada fin de semana co Premio Roberto Vidal Bolaño como recoñecemento ás persoas ou entidades que se caracterizaron pola defensa da identidade de Galicia ou da clase traballadora. O Premio Roberto Vidal Bolaño está convocado polas Redes Escarlata. Co seu fallo, as Redes Escarlatas queren salientar dous posicionamentos (o de Fernández Paz e o da Coordinadora dos END) que ao longo deste último ano puxeron en tea de xuízo a política lingüística desenvolvida polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta.

O xurado  estaba formado por Sara Cide Cabido, Mariam Ferreira Golpe, Pilar Beiro, Dionísio Pereira, Xabier P. Docampo, Antón Lopo, o presidente das Redes Xosé Antón Laxe Martiñán e con Xosé Luís Méndez Ferrín como secretario con voz e sen voto.

As actas do xurado poñen de manifesto que se valorou o feito de que Agustín Fernández Paz «representase a dignidade de Galicia coa súa renuncia ao Premio da Cultura Galega da Xunta, acto que supón ­unha censura a unha política inimiga da nosa lingua».

Espectáculo poético-musical «O meu gato é un poeta» en Vigo este venres, con Fran Alonso e Xurxo Souto

Animación á lectura,Infantil,Presentacións,Sopa de Libros

Este venres 13 de maio, ás 18,30 h da tarde, a librería Libros para Soñar (Rúa Triunfo 1, Casco Vello) de Vigo acollerá o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta dirixido a nenos e nenas de 4 anos en diante e tamén a adultos, no que participarán o escritor Fran Alonso e o músico Xurxo Souto. Durante a sesión, a poesía convertirase en máxia, convertirase en música, convertirase en xogo e soará o acordeón.
Grazas aos versos malbaristas do gato poeta, que inspirou o libro escrito por Fran Alonso e o disco composto por Xurxo Souto, poderemos visitar o mar, coñecer o amor, adentrarnos na noite, xogar coa lingua e ver como a poesía se converte nun globo.