Crítica de Ramón Nicolás sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo

9 Maio 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Ramón Nicolás publicou esta sábado no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión sobre As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. Reproducímola integramente:

Escasas son as óperas primas, que eu coñeza, tan dúctiles e maduras, tan gobernadas pola reflexión e mais a sensibilidade como a  que Xaime Toxo ofrece estes días baixo o título d´As palabras que move o mar.

Articulada a través de catro relatos longos, que nalgún caso ben se podería entender como novela breve mesmo como gromos de auténticas novelas a pouco que se redimensionasen alguns elementos, Toxo sabe imprimir unha marca unitaria aos relatos depositando un intenso coidado expresivo en cada parágrafo, en cada período sintáctico, coma se o texto fose escrito para ser lido en voz alta e nunca perder a eufonía. A este engado, que axiña se revela como un dos elementos máis atractivos da proposta, tamén se acrecenta a rara  habilidade para amosar como narrador experiente e coma se en realidade o libro fose produto doutros moitos escritos previamente, depurados unha e outra vez, nunha proposta en que o substantivo gravita arredor da creación de universos que abocan ao lector ás intrincadas vereas e ángulos escuros das relacións persoais dun pasado que se explica desde o presente. Todo el actívase a través do retorno dun pai que irrompe en escena cando xa ninguén o espera, da torrenteira evocadora que desata o cadáver dun fillo, dos destinos cruzados duns personaxes golpeados por duras circunstancias ou, simplemente, da presenza dunhas pezas de xadrez que vehiculizan unha estarrecedora e antolóxica historia de vida e morte na época da ditadura de Pinochet. Argumentos que, de seu, axitan as aquietadas augas do pozo da memoria e que se proxectan con rotundidade no momento actual, empregando en ocasións, e con moita pertinencia, o recurso dunha perspectiva peneirada pola visión infantil ou adolescente mentres que noutras dota de relevancia a detalles en aparencia intrascendentes -un xesto, un obxecto, unha ollada-, sen tampouco deixar así a porta pechada nin para a incorporación doutros puntos de vista nin para incorporar elementos de filiación fantástica, inseridos con naturalidade no ámbito do cotián.

Estas palabras “que move o mar” posibilitan que transitemos polos anos setenta do pasado século cruzando espazos nos que case sempre a presenza do mar é unha constante inmutable que nos vixía. E facémolo guiados por unha man que dirixe vidas particulares golpeadas pola vida, alentando desde a orfandade e o sentimento de perda, que se cruzan e descruzan marcadas polo paso do tempo, polos desencontros e por derrotas nas que case nunca hai ocasión para a felicidade. Todas elas, en fin, retratadas na súa xusta medida, asomadas sen cesar ao abismo que as ameaza decotío para construír, globalmente, unha cartografía da dor que serve para afondar “nesa xeografía íntima que conforma a memoria”, memoria que constrúe a identidade, que se alimenta de emocións imposibles de conxelar e que se debuxa con trazo seguro e limpo. Sen dubidalo vou alén de  concederlle calquera beneficio inicial por ser un debut: recoméndoa con convicción.

Ramón Nicolás

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.