Crítica de Vicente Araguas sobre «O bebedor de rakia», de Xesús Manuel Marcos

26 Abril 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión sobre O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos, nos xornais Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego, que reproducimos integramente:

A vida pola rakia

Esta rakia da novela de Xesús Manuel Marcos, e o seu nada santo bebedor, vai ser a bebida aquela da canción sefardita que nos dera coñecer Joaquín Díaz: “La vida do por el rakí, no puedo yo dexalo…”. Un brebaxe potentísimo que deixa aos seus usuarios tan dopados que nin sequera unha guerra como a última de Bosnia é quen de espertalos. Dun pesadelo longuísimo que a Alberte, o protagonista de “O bebedor de rakia” (Edicións Xerais, Vigo 2011), terminará levándoo ao cagarrón por un “Glasgow kiss” propinado á súa dona. Iso si, despois de volto á irrealidade de quen nin tiña porvir dentro do exército nin parece que o vaia ter fóra del.
No interín Alberte, home inestable nos sentimentos, fillo de pai tocado polo alcohol aparece nunha guerra totalmente allea, onde os que van impoñer a paz acaban disparando a quen non deben e sendo disparados á súa vez. Por aí Alberte e os seus conmilitóns, personaxes desta novela decididamente naturalista onde hai quen come coello cru porque non hai outra maneira e cando un autor describe esta escena –hai algunha similar– sen que lle treme a man de termar da pluma é que non está superado pola trama. Que para o caso ten moito de plasticidade cinematográfica, e Marcos (Seoane do Caurel, 1967) aponta, compre dicilo, maneiras de reporteiro bélico, aínda que obviamente non o sexa –e si funcionario da Administración de Xustiza–, por máis que a tramoia guerreira, co ardor consabido, vaia acompañada de historias sentimentais e familiares en paralelo, para rematar nun “in crescendo” que nos falan dun artífice habelencioso cal é o autor de “O bebedor de rakia”.
Un libro que se le con interese porque Xesús Manuel Marcos vai dispoñendo nel doses precisas, non xa de rakia, veneno que se vai apoderando de Alberte cal un amor maldito, senón de intriga intercalada coas avanzadas e avanzadiñas bélícas, ao tempo que os personaxes –militares ou non– van aparecendo nun “timing” impecable.
Con este libro Xesús Manuel Marcos, dono xa dunha certa biliografiaaparente, con novelas de xéneros ben diferentes e libros de relatos, demostra ser un autor moi seguro. Deses que non máis precisa dun golpe ben forte na táboa, onde ás veces cansan os consabidos sota, cabalo e rei, para que ninguén teña dúbida da súa existencia e poderío.
“O bebedor de rakia” é unha boa mostra de novela cosmopolita, por máis que o seu “background” sexa inequivocamente galego, que non deberá adiar a súa tradución a outros idiomas. Trátase dun libro abondo universal, e iso a partir dese mundo tan propio –naturalismos incluídos– que abandeira este francoatirador da literatura que vive, ben alonxado de saraos, cenáculos e tertulias, en Madrid.

Vicente Araguas

Chuzame! A Facebook A Twitter

Crítica sobre «Exogamia 0.3», de Ramón Caride, no Atlántico Diario

Críticas,Fóra de Xogo

O Atlántico Diario publicaba a pasada semana unha pequena valoración crítica sobre Exogamia 0.3, de Ramón Caride. Reproducímola integramente:

En Edicións Xerais de Galicia, 89 páxinas. Ramón Caride Ogando é xa unha das figuras sobranceiras da literatura galega, cunha longa e sólida obra tanto en narrativa, ensaio ou poesía; se cadra -inaugura- con Exogamia O3 un novo xeito do que el chama “relato aberto’, é dicir, que esta novidosa obra de Caride Ogando, constituida por media ducia de singraduras, e “non estritamente literarias”, afonda de maneira suxerente nas deseurbertas e debates científicos do mundo actual, dende a internet, á SIDA, o ADN ao evidente cambio climático; a astrofisíca e as novas/vellas patoloxicas inherentes ao horno sapiens desque somos tal. Todo o que nestes sinxelos e amenos relatorios expón o noso amigo, sen excepción, son suseeptíbeis de ser debatidos un por un, xa que todas as propostas que aquí se inclúen naeeron con esa pretensión, que nós como lectores apludimos e celebramos. É este un libro que non debe pasar desapercibo entre os moitos que podemos consultar nos andeis das librarías galegas. Os nosos parabéns.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Segunda entrega de «Dragal», de Elena Gallego: A fantástica historia da J.K. Rowling galega

Autores,Entrevistas,Fóra de Xogo,Reportaxes

O Xornal de Galicia publicou este domingo, no suplemento Contexto, unha longa reportaxe a dúas páxina de Héctor J. Pena sobre a publicación de Dragal II. A metamorfose do dragón, de Elena Gallego. A reportaxe pode ser descargada nestes dous pdf. Tamén a reproducimos integramente:


A fantástica historia da J.K. Rowling galega

Xerais tira do prelo Dragal: A metamorfose do dragón, a segunda parte dunha historia que naceu como un conto para un fillo que só lía, precisamente, a Harry Potter

Harry Potter é o nome dun rapaz que protagoniza un dos maiores éxitos editoriais da historia. Con máis de 500 millóns de copias vendidas –dende a publicación do primeiro título, A pedra filosofal, no ano 1997–, os libros da saga do neno meigo son os responsables de crear toda unha xeración de lectores nun tempo no que as letras tiñan perdida a batalla fronte á televisión, internet ou as videoconsolas. Porén, o mundo que habita Harry Potter é 100% británico, como así reflicten as súas localizacións. Sirvan como exemplo o Castelo de Alnwick, onde se sitúa Hog­warts nos filmes, ou o comedor da escola de maxia, que na vida real pertence ao Christ Church College’s de Oxford.

Por iso, tomando como referencia ese mundo de fantasía, a xornalista Elena Gallego Abad pensou que ela tamén podería levar a cabo a súa propia novela de aventuras e fantasía, pero creando un universo netamente galego. E así naceu Dragal. A autora explica que no momento no que empezou a escribir, o seu fillo tiña en torno a 15 anos, “unha idade na que os rapaces teñen aínda moitas ansias por devorar fantasía”. O problema para ela era que se deu de conta de que todos os títulos que lía o neno eran “en castelán ou de autores foráneos traducidos, como o caso de Harry Potter, había moi pouca cousa en galego”. “Así foi como se ocorreu a idea dunha historia para dar vida a un dragón galego”, explica Elena Gallego.

O obxectivo da autora, unha vez concibida a idea, foi “demostrar que se podía contar coas tradicións galegas para facer unha fantasía interesante”, e así foi como veu a luz o conto do último dragón galego, que ten uns fondos alicerces nas tradicións do país, que son realmente fantásticas”. Non obstante, a autora enfrontouse con outro reto: o editorial. “Eu quería escribir un libro fantástico, si, pero unha vez feito queres publicalo, o que en Galicia é moi difícil, sobre todo cando non se é coñecido nos circuítos literarios, pero para iso están os premios de literatura fantástica en Galicia, para que todos o podamos intentar”, expón. Por iso, quedar finalista na edición 2009 do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil foi fundamental para que Dragal chegase a ver a luz.

Pouco despois do seu éxito no concurso, no 2010, a editorial Xerais lanza Dragal: A herdanza do dragón no marco da colección Fóra de Xogo. Esta primeira parte conta a historia de Hadrián, un rapaz aparentemente normal, pero que está destinado a converterse no último dragón galego. Nesta novela danse cita dende elementos do imaxinario fantástico galego, como un templo medieval ou certos poderes máxicos, até os valores que son recorrentes nesta clase de traballos destinados a un público xuvenil, como o compañeirismo ou a amizade, que nesta primeira entrega de Dragal representan Don Xurxo, o sacerdote da parroquia e Mónica, unha compañeira de clase de Hadrián.

Non obstante, a nai da criatura considera que, se ben o público obxectivo de Dragal son os mozos, o texto “ten cousas que lectores de 50, 60 ou 70 anos me teñen dito que son interesantes, pois abordo temas, por exemplo, de arquitectura e de historia, como o románico tradicional galego. Ese é un valor engadido que gusta e sorprende a moita xente”.

A SEGUNDA PARTE, XA DISPOÑIBLE

Con respecto ao éxito acadado pola primeira parte de Dragal, a súa responsable síntese moi satisfeita, pero recoñece, sincera, que non o esperaba. “Non pensaba que ía triunfar tanto, pero mentiría se dixese que non soñaba con iso. O certo é que me sorprendeu grata e positivamente”, sinala Elena Gallego, que considera que co éxito “o libro deixa de ser do seu autor e comeza a ser dos lectores”.

Asemade, a escritora considera a labor creativa que hai detrás de Dragal “todo un reto”. “É unha historia protagonizada por un dragón e ambientada na vida actual do século XXI, é moi complexo manter en pé a historia e buscar as coartadas necesarias para que o dragón poida seguir vivindo na vida e tempo real”. Por outra banda, Gallego afirma que “hai moito esforzo documental no texto” e, ademais, recoñece que “en cada capítulo tento sorprender o lector, pois eles saben que teñen que chegar a un punto e hai que darllo. Ás veces fago o que debo e lévoo directamente, outras veces métome nun compromiso e teño que ver logo como saio de alí…”, indica a autora entre risos.

Con respecto á elaboración da segunda parte da historia, Dragal II: A Metamorfose do Dragón, que xa está dispoñible nas librarías do país, Gallego Abad apunta que “cada vez é máis difícil afondar na historia”, e explícao establecendo un paralelismo coas pequenas mentiras dos nenos pequenos. “Eses contos, canto máis grandes se van volvendo máis custa mantelos. A min pásame algo parecido, porque canto máis grande é o libro máis me custa desenvolvelo, porque son moi esixente comigo como escritora e quero que cada libro sexa, cando menos, tan bo como o anterior, se non superalo”.

A xornalista di que nas páxinas do novo volume de Draga, este decatase por primeira vez na súa milenaria historia de que existe certa limitación nos seus poderes, e para poder superala terá que absorber a materia gris do cerebro de Hadrián, e así acadar a simbiose coa súa alma. Don Xurxo e Mónica acadarán maior protagonismo nesta segunda parte, pois terán que tratar de salvar o seu amigo. “Esta segunda parte ten de todo: unha orde de cabaleiros medievais, máis referentes da cultura mitolóxica ou o alquimista máis coñecido de Galicia”, expón Elena Gallego Abad.

Con respecto á terceira parte, a escritora adianta para Xornal de Galicia que a súa idea é que estea na rúa en abril ou maio de 2012. “Cando empecei a escribir a saga de Dragal dinme de conta de que quedara curta. Entón, a partir do segundo libro, empecei a deseñala como se se tratase dunha triloxía, na que se poidan ir dando respostas a todas as preguntas que vou deixando, para que os lectores sintan as súas expectativas colmadas”, explica a escritora, que parece ter ten un obxectivo ben diferente a, por exemplo, o dos guionistas de Lost.

DRAGAL, UNHA AVENTURA UNIVERSAL

A súa responsable considera que Dragal “é unha fantasía universal, porque os dragóns existen en todas as culturas. Eu estiven en China, e alí teñen dragóns; na cultura dos Estados Unidos hai dragóns moi importantes e ,de feito, nas principais igrexas de Nova York, como San Patricio ou San Xurxo, teñen o seu dragón correspondente. Tanto a cultura cristiá, como a árabe ou calquera outra, ten dragóns, así que creo que por esa parte funcionaría en todo o mundo”.

Cuestionada sobre a posibilidade de que a súa novela cruce os Ancares e sexa traducida a outros idiomas, como o español, Gallego Abad está segura de que, se se dese esa posibilidade, Dragal “funcionaría como o que é, unha aventura xuvenil deseñada para uns rapaces que investigan, pescudan, tentan descubrir os segredos de por que pasa isto ou o outro”.

“O que pasa”, sinala Elena Gallego, é que “eu escribo en galego porque foi como soñei Dragal, porque se non fora pola nosa cultura e tradicións, o libro non existiría”. “Ademais, para traducilo a outras linguas ten que haber alguén a quen lle interese, un interese editorial. Quizais algún día apareza ese interese que eu creo que debe merecer. Chegado ese momento poderase ler noutras linguas”, conclúe.

Héctor J. Pena

Chuzame! A Facebook A Twitter