«Recendo de aire sonoro», «Ti non xogas!», «O misterio das badaladas» e «A princesa Sabela»: Romina Bal fai un repaso polas novidades infantís de Xerais

Galicia Hoxe publicou unha páxina sobre as novidades infantís de Xerais asinada por Romina Bal. A información, que tamén pode descargarse en pdf, reproducímola a continuación:

Unha manchea de novidades de Xerais completan a proposta anterior. Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro é outro libro da coleccion Sopa de Letras que recolle un diálogo fascinante entre a música e a poesía. Un poemario que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción. En Recendos de aire sonoro as notas musicais e as palabras danse a man e camiñan xuntas polos vieiros que trazan os versos. Nos seus poemas soa o violín, treme a arpa, percute o timbal, láiase a gaita, Beethoven saúda a Bob Dylan mentres berran as guitarras de rock e a orquestra se despista. Un libro para ler cos cinco sentidos.

As dúas paixóns de Antonio García Teijeiro, a música e a poesía, establecen un diálogo fascinante neste poemario fermosamente ilustrado por Fino Lorenzo, que vai espertar nos lectores e lectoras sensacións vivas e profundas, cargadas de emoción.

Unha opción máis novelada é Ti non xogas! unha fermosa historia sobre a convivencia, de Xurxo Gómez Silvestre e ilustrado por Anxo Fariña, un libro que fala da importancia de dedicar esforzos a traballar pola xustiza, pola paz, pola compaixón, pola solidariedade e pola amizade.
Durante unha semana enteira non parou de chover e hoxe por fin saíu un sol radiante, solleiro. Pero Suso, en vez de estar a xogar ao fútbol co resto dos rapaces, está sentado nun chanzo da escaleira do patio da escola. Está aburrido e amolado por mor de Rober.

Noutra orde de cousas hoxe presentamos un gran libro que está de aniversario O misterio das badaladas, de Xabier P. DoCampo, o primeiro best-seller da literatura infantil galega ilustrado por Xosé Cobas foi publicado por vez primeira en 1986, cumpríndose este ano o seu 25 aniversario. Un clásico que non perde fol e permanece na vangarda como no momento no que se publicou.

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde…

A princesa Sabela, de Cornelia Funke e ilustracións de Kerstin Meyer, completa a oferta de Xerais para este mes, unhas novidades máis que potentes que enchen . A princesa Sabela é un divertido álbum ilustrado protagonizado por unha princesa moi particular. A princesa Sabela e as súas dúas irmás tiñan trinta armarios roupeiros cheos de preciosos vestidos, serventes que lles limpaban o nariz, doncelas que lles aquelaban os dormitorios… Pero Sabela, a princesa máis nova, non era feliz.

Propostas divertidas, axeitadas a cada idade e cun ronsel de aventuras que non aburren. Coleccións únicas para gozar
A experiencia de Edicións Xerais de Galicia na escolla do material axeitado a cada idade é froito da experiencia. Hai moitos anos que aposta pola literatura infantil e xuvenil en galego e mostra desa aposta é a colección Merlín. A colección Merlín, despois dos máis de douscentos títulos publicados, continúa sendo o tronco do proxeto lector de Xerais.
Organizada en catro grandes tramos (álbums do Merliño, sete, nove  e once anos en diante), abrangue todos os xéneros (conto, novela, poesía e teatro) e reúne a máis variada nómina existente de autores e autoras e ilustradores e ilustradoras galegos.
Os milleiros de lectores e de lectoras da colección, así como os premios outorgados a moitos dos seus títulos (Lazarillo, Crítica, Lista de Honra do IBBY, Lecturas Galix, Frei Martín Sarmiento, ademais do gañador da convocatoria anual do Premio Merlín, convertido tamén desde 1986 nun dos premios de maior prestixio) referendan a excelencia dunha colección considerada unanimemente como referencia
imprescindible da edición infantil de calidade.
Na colección Sopa de Libros, organizada en primeiros lectores, catro, seis, oito, dez e doce anos, están publicados títulos de autores galegos tan exitosos como No corazón do bosque de Agustín Fernández Paz, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey, A casa da luz e O Pazo Baleiro de Xabier Puente DoCampo e tamén de tradución como Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure.
Na páxina web www.xerais.es podemos atopar os catálogos completos que compoñen as coleccións máis representativas da editorial, xunto cunha breve recensión da obra, así como descubrir os plans lectores cos que conta. Este contido está permanentemente actualizado e as novidades editoriais tamén se poden seguir a través do seu  blog http://xerais.blogaliza.org/, en facebook e no Twitter.

Romina Bal

Chuzame! A Facebook A Twitter

29th Mar 11. Posted in Álbums, Infantil, Merlín, Novidades, Sopa de Libros.

View or Post Comments.