Crítica de Armando Requeixo sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki

15 Marzo 2011

Críticas,Narrativa

O crítico Armando Requeixo publicou unha recensión sobre Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, que viu a luz en El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, e tamén pode lerse completa no seu blog. Reproducimos algúns parágrafos:

A consideración desta novela curta ofrece, ao meu ver, unha dificultade engadida que provén do complexo pero necesario deslinde que o crítico debe operar, á hora de xulgar, entre o que é intratextual e o que non o é. (…)

Se un na lectura de Fundación Libélula atende ao referencial extraliterario ao que esta apunta non pode senón aplaudir os nobres sentimentos e as admirables mensaxes de solidariedade, liberdade, xustiza, paz e amor que gurgullan en cada liña da novela. (…)

Xebrados, por tanto, os incontestables valores extratextuais (sociolóxicos) de Fundación Libélula, o xuízo dende a óptica do puramente intratextual (fondo, forma, estrutura) é para min máis opinable. (…)

Coido que non é un acerto presentar nunha narración unha caracterización de personaxes esquematizada de tal xeito que o perfilado psicolóxico destes perda toda aresta, toda dúbida, toda contradición; isto é, todo aquilo que os fai precisamente humanos. (…)

Por todo o exposto entendo que esta Fundación Libélula de Yashmina Shawki será unha lectura agradecida para aqueles que anden na procura dunha narrativa de valores, exemplarizante e transmisora duns principios morais modélicos. Talvez esa fose a única ambición da escritora ao concibila, así que pedirlle máis a esta novela poida que sexa un erro de lectura pola miña banda.

Pode lerse a recensión completa no blog de Armando Requeixo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.