Entrevista a Yashmina Shawki sobre a súa novela «Fundación Libélula»

8 Febreiro 2011

Autores,Entrevistas,Narrativa

O xornal Galicia hoxe publicou a pasada fin de semana unha entrevista con Yashmina Shawki, autora de Fundación Libélula, asinada por Vanesa Oliveira baixo o título de «As mulleres libélula», que reproducimos a continuación:

AS MULLERES LIBÉLULAS

«As revolucións sociais nacen da concienciación da inxustiza, da necesidade de axudar o outro sen esperar nada a cambio»

De nai galega e pai kurdo iraquí, Yashmina Shawki naceu en Vigo. Formada en Dereito e Historia, a autora acaba de publicar en Xerais a súa primeira novela en galego, Fundación Libélula –logo de Contos ao carón da lareira (2007)–, unha chamada á concienciación social para acabar coa escravitude sexual, o maltratamento familiar e a precariedade laboral que afecta, sobre todo, ás mulleres.

Por que decidiu escribir este libro?
Todos os días vemos e escoitamos historias arrepiantes sobre a situación das mulleres. Pero eu quería escribir unhas historias máis próximas ao lector, sobre persoas que poden estar vivindo a carón noso. A algún de nós sempre nos toca algún tipo de maltratamento que vemos ou padecemos de forma indirecta. Pareceume que nunca é dabondo a denuncia social, sobre todo, vendo as cifras de mulleres que son asasinadas polas súas parellas ou familiares e o tema da prostitución forzada e a trata de brancas así como o desamparo dos mozos que veñen de familias desestruturadas.

No libro aborda un tipo de maltratamento que incluso procede das propias mulleres. Por que?
A min interésanme as pequenas historias da historia. Gustábame reflectir o maltratamento que non é físico. De feito, na novela hai todo tipo de violencia: os malos tratos físicos dun marido, os proxenetas… Pero a min interesábame moito falar dese maltrato sutil, psicolóxico que día a día vai facendo que unha persoa mingüe na súa propia autoestima así como o renacer da persoa decatándose de que xa está ben de aguantar, que é unha persoa con dereitos, dignidade e sensibilidade e que non merece o maltratamento dunha persoa que non ten o dereito moral de facer unhas críticas tan doentes.

Quizais por iso tamén a propia estrutura do libro, que arrinca cun punto e final e acaba cun comezo.
Todas as miñas obras tratan o tema da esperanza, de que loitando, facendo un esforzo e mesmo coa axuda de xente que ás veces nin coñeces, un consegue saír adiante se pelexa. Pero a loita é dura, é un camiño difícil e longo e un ten que padecer moito antes de chegar ao que desexa. Pareceume moi interesante comezar cun punto final, unha reflexión contraditoria, porque ese punto final é o comezo dunha nova vida para as protagonistas.

As protagonistas son Helena, Gladys e Laura que, axudadas pola avogada María Xosé Muradas, vanse unindo. Por que decidiu situar o personaxe principal nunha situación de enfermidade?
O personaxe de María Xosé Muradas é o dunha avogada triunfadora que ten moitos casos con xente que non é desexable, criminais que achegan moitos cartos. Ela sente a necesidade de reverter na sociedade o que persegue: na vida hai máis que a cuestión material. O feito de que ela tivera unha enfermidade fíxeno porque non quería escribir unha historia de fadas. Quería reflectir todos os problemas e realidades da xente da rúa: a xente ten problemas sentimentais como María Xosé, a xente abátese e segue adiante. É se cadra algo dramático pero que estea a punto de morrer, é un comezo. Aínda que ela constituíse a “Fundación Libélula” de axuda ás mulleres maltratadas, o seu obxectivo é que elas mesmas se axuden. O feito de que ela de- sapareza non quere dicir que as outras mulleres non poidan saír adiante. Pensei que sería unha metáfora interesante saber que remata a vida de María Xosé pero a súa obra permanece máis aló da súa vida.

Por que elixiu a libélula para darlle un nome á Fundación?
Escollín a libélula, que é un insecto moi fráxil, e que non é tan coñecido ou apreciado como as bolboretas, pero que renace durante a primavera nunhas circunstancias moi difíciles. Ten un voo espectacular e moi fermoso. A metáfora da escolla do insecto tamén reflicte o que pretendo transmitir coa novela.

O libro remata coa presentación desa Fundación. É un xeito de animar a que teña presenza real?
A miña é unha mensaxe de esperanza, de solidaridade e de que a loita acaba dando os seus froitos. É unha historia de mulleres normais de diferentes idades que coindicen de forma moi natural na súa vida.Todas acaban confluíndo en María Xosé pero tamén entre elas tentan axudarse. Creo que esa é a mensaxe que intento transmitir: que todos temos que botar unha man aínda que esas persoas non sexan da familia ou non os coñezamos. A indiferenza é o peor que pode sentir o ser humano porque así nunca avanzaremos. Todas as revolucións sociais nacen da concienciación da inxustiza, da necesidade de axudar ao outro sen necesidade de esperar nada a cambio.

O libro pon de relevancia que a violencia é un mal que excede os límites do xénero.
Eu creo que as mulleres estamos moi lonxe de alcanzar a igualdade. A discriminación e a violencia contra a muller comeza dentro da propia casa. O caso da sogra de Laura, que á primeira muller maltratadora que intenta subestimar a súa nora, pareceume interesantísimo porque de aí parte a minusvaloración da muller. O caso da nai de Helena, que é unha persoa drogadicta, con problemas co alcohol, e cunha certa enfermidade mental está baseado nunha persoa real, de alguén que coñezo. Entra nunha espiral de autodestrución até o punto de intentar arrastrar a toda a súa familia ao inframundo. A falta de autoestima nas mulleres aínda pesa. Temos que tomar conciencia de que esa violencia parte do contorno máis próximo da muller. Hai un estereotipo que di que as mulleres somos as peores inimigas da mulleres e non creo que sexa así. Creo que podemos axudarnos.

O tema da trata de brancas, reflectido no caso de Gladys, é algo que temos moi próximo pero sobre o que pechamos os ollos. As inmigrantes son as mulleres menos visibles?
A min indígname o tema da trata de brancas como o maltratamento infantil. O caso de Gladys xurdiu porque cando estaba escribindo a novela, as noticias do desmantelamento de redes de trata de brancas e de prostitución estaban á orde do día. Penso que non son suficientes. A min cáeme a alma aos pés cando ves clubs como o que hai na autovía que conecta Vigo con Ourense. Eu sempre penso no inferno que estarán pasando as mulleres que están alí. Sempre quedo coa angustia de que podo facer: só podo concienciar de que se existen estas mulleres é porque hai clientes que son os homes que nos rodean. A prostitución non é o oficio máis antigo do mundo, é a escravitude máis antiga do mundo. Temos que empezar a cambiar iso e temos que facelo as mulleres.

A LINGUA

«Sinto fachenda de ser galega»

Como decidiu comezar a escribir en galego?
A miña familia é galega e na casa os meus avós falaban en galego e castelán. Empecei a escribir en galego porque son un pouco ousada. Leo moitísimo en galego. Escribo nas dúas linguas pero hai historias que me parecen que lles vai mellor unha lingua que outra. O galego ten o seu aquel doce, morriñento e musical que se presta mellor para algunhas historias. Pensei que a pesar da dureza das situacións de Fundación Libélula, pareceume que o galego era o axeitado para contar esta historia. Pareceume que era o mínimo que podía facer porque son galega e sinto fachenda de selo.

Está a escribir algo agora?
Si, estou a acabar as correccións dunha novela en galego e outra en castelán que están practicamente rematadas. Estou a traballar noutras dúas novelas, unha en galego, que será curta, que está centrada en Vigo nos anos 80. Teño máis novelas acabadas pero facer camiño na literatura non é doado, é un proceso de longo percorrido.

Vanesa Oliveira

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.