A colección Xabaril: os clásicos en plena forma. As aventuras de Jack London e o humor de Óscar Wilde

3 Febreiro 2011

Noticias,Novidades,Xabaril

«Se a colección Xabarín foi fundamental para a normalización da nosa cultura a primeiros da década do 1980, Xerais leva recuperando desde hai uns anos títulos fundamentais das letras universais que seguen en plena forma para os lectores do século XXI». Así comeza a información que A Nosa Terra publica sobre a colección Xabaril, unha das coleccións emblemáticas de Xerais desde as súas orixes e da que, este mes de xaneiro, publicamos a reedición actualizada de dous novos títulos: A pantasma de Canterville e outros contos, de Óscar Wilde, e A chamdada da selva, de Jack London, un dos libros máis vendidos da historia de Xerais.

Partindo de traducións moi coidadas (neste dous casos, da autoría de Gustavo Luca de Tena e Gonzalo Navaza) e cun deseño novo e atractivo, a nova colección Xabaril, como informa A Nosa Terra, «segue a provocar o interese dos lectores mozos por libros que ofrecen aventura, reflexión e mestría narrativa a partes iguais. A colección chegou a ter 60 títulos, dos que se reeditaron nos últimos tempos nove e a cifra de vendas atinxiu os 400.000 exemplares». Reproducimos parte da información de A Nosa Terra:

O libro de Wilde é ocasión perfecta para coñecer o sentido irónico da literatura do autor irlandés e tamén ocasión para revisitar uns contos, caso de “O Príncipe Feliz” ou “O xigante egoísta”, nos que o lirismo do escritor alcanza o grao sumo.

A novela de London é un clásico da narrativa de aventuras e leva engaiolando adultos e adolescentes desde o 1903, ano no que se publicou por primeira vez. A fascinación polo ouro, a conquista do deserto de neve de Alaska e a fortaleza de espírito dos animais volven brillar en lingua galega.

Ler a información completa en A Nosa Terra.