Este pasado domingo o xornal Galicia Hoxe publicou unha ampla noticia sobre a serie Tintimán, de Jaureguizar, que consta xa de dous títulos: Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela e A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña. O texto, asinado por Ada Casa Grande, pode baixarse en pdf, e reproducímolo tamén a constinuación:
Segue as aventuras de Tintimán e acompáñao na resolución de misterios
A Coruña e Santiago de Compostela son as dúas cidades onde se desenvolve a acción. Tintimán é un xornalista novo, algo insolente e arriscado que terá que facer fronte a dúas emocionantes intrigas. ‘Corazón de Chocolate’ e ‘A coroa de Napoleón’ conxugan á
perfección a nosa personalidade colectiva coa necesidade de solucionar o problema acaído. Dirixido ao público xuvenil, o creador da saga é Jaureguizar.
ADA CASA GRANDE. Edicións Xerais de Galicia propón para esta fin de semana dúas historias impresionantes que te engancharán pola súa frescura, con intriga e misterio da man do magnífico escritor Jaureguizar.
Encadrado na colección xuvenil Sopa de Libros, Un misterio para.. preséntanos un sagaz raparigo chamado Tintimán. Trátase dun rapaz de dezaseis anos arrichado e algo insolente, que herdou do seu pai a paixón por investigar misterios, o amor pola aventura e un axitado traballo de xornalista no xornal Diario Galego.
En Corazón de chocolate, a primeira trama desta saga, a cidade de Santiago de Compostela é o escenario emocionante e atrevido para o primeiro misterio que ten que descubrir. Este reporteiro novo investigará se realmente existe a Irmandade Xelmírez, unha seita perversa, ou se só é unha lenda. O Señor Grozni, que é un gato cun parche nun ollo, e Mónica, unha amiga que asegura ser a súa moza, loura e moi parecida fisicamente a Kate Moss, achegaranlle a axuda precisa para que Tintimán descubra a verdade. N’A Coroa de Napoleón, a segunda das historias protagonizada por Tintimán, este desprázase ata á Coruña, onde se localiza a súa acción. A cidade herculina asiste horrorizada a un incidente de consecuencias internacionais, pois desapareceu unha coroa de Napoleón que o Goberno francés lle emprestara á Corporación para conmemorar o bicentenario da Batalla de Elviña.
A prezada xoia debe aparecer inmediatamente e de xeito discreto para evitar un conflito diplomático. Soamente un
reporteiro coa coraxe de Tintimán, axudado por Señor Grozni, o seu gato torto, e por Mónica, poderá descubrir o acontecido.
Por se acaso te perdes, os dous volumes contan cun mapa por onde o intrépido xornalista terá que moverse con cautela e, para unha lectura máis relaxada, podes afrontar a historia por capítulos, xa que a trama se desenvolve aos poucos. As ilustracións das dúas pequenas novelas son da feitura de Matalobos coa súa característica elaboración que lles dan vida ás dúas cidades e ao seu protagonista, que transita e se mergulla en cada rúa, recuncho e praza.
Outras obras que podes ler do mesmo autor, tamén dirixidas a un público xuvenil, son A cova das vacas mortas, Balea morta ou lancha a pique, Salitre ou A rutina Corsaria.