Tal e como recolle hoxe a noticia de La Voz de Galicia, Xerais publicará na primavera Amada liberdade, as memorias do intelectual Fernándo Pérez-Barreiro Nolla, a quen o IGADI acaba de renderlle unha calurosa homenaxe estes días en Baiona. Como se di na devandita información, «baixo o título de Amada liberdade, Pérez-Barreiro non só escribe sobre a súa vida, como a súa marcha a Londres para traballar na BBC, senón que reflexiona sobre a reconstrución do galeguismo durante os tempos da ditadura, a figura de Ramón Piñeiro, como se xestou a súa tradución de Shakespeare, a iniciativa do Grupo de Traballo Galego de Londres e o período da transición». O volume complétase cun amplo epílogo da súa viúva, Teresa Barro, titulado «A vida xuntos», no que realiza un repaso ao tempo compartido con Pérez-Barreiro.
Pérez-Barreiro xa verquera para o galego en Xerais o volume de narrativa chinesa contemporánea Flores e leña, publicado en 1982, así como e Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, que cotraduciu coa súa muller Teresa Barro, obra pola que obtiveron en 1985 o Premio Nacional de Tradución; así como Alicia do outro lado do espello. Licenciado en Dereito pola USC, Barreiro Nolla militou no galeguismo e en 1963 desprazouse a Londres, onde traballou para aos servizos exteriores da BBC como realizador, redactor e locutor. Desde 1966 foi director do servizo de tradución da OIC. Posteriormente licenciouse en lingua literatura chinesa pola Universidade de Westminster, residindo unha pequena tempada na China. En 1972 traduciu Macbeth ao galego. No anos 90 impartiu cursos de tradución nas universidades inglesas (Westmisnster, Thame, Walley) e europeas (Granada, Lisboa). Foi membro correspondente da Real Academia Galega e integrante da Comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega. En 2009 recibiu a Medalla Castelao.
XERAIS
[...] Hoxe, Xerais, La Voz de Galicia, Xornal). Crónica posterior en La Voz de Galicia e Xerais. Tags: Fernando Pérez-Barreiro, [...]
Pingback by Baiona: homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro | ::Axenda cultural AELG:: — 12 Xaneiro 2011 @ 12:52 p.m.