Crítica de Xosé Manuel Eyré en A Nosa Terra sobre «Denso recendo a salgado», de Manuel Portas

4 Xaneiro 2011

Críticas,Narrativa

O  crítico Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión crítica na que valora a primeira novela de Manuel Portas como unha das mellores do ano 2010. Publicamos un resumo amplo da recensión de  Denso recendo a salgado, que pode lerse completa en A Nosa Terra:

Denso recendo a salgado, a novela de Manuel Portas, o obxectivo da nosa crónica letresca, é un bon exemplo de canto vimos de dicir. Por tras do non agochado lirismo do título áchase un dos mellores exercicios narrativos do ano que vén de rematar. Nel hai outros pousos líricos, certamente, pénsese, por exemplo, no papel que a música de jazz ten na novela, axudando a crear unha atmosfera melancólica, contida, desbocada, tráxica. Porén, ningún outro elemento lírico do discurso novelístico ten a importancia desas catro palabras. Denso recendo a salgado é denso recendo a mar, mais tamén denso recendo a vida, denso recendo á orixe, recendo, sombra, lembranza húmida. Nin moito menos vai predominar na narración o elemento descritivo, tampouco. Esta é unha desas novelas puramente narrativas.

Formalmente, localízase nesa corrente que, desde os albores do século XX, tenta renovar o discurso novelesco. É novela fragmentaria, é novela parquet, é novela coral, non tan desmesurada, en canto a número de personaxes, como o Manhattan transer (John Dos Passos) ou A Colmea (Camilo José Cela) ou como a Periferia (Iolanda Zúñiga) de que recentemnte falamos. O esquezo inmediato non é tan forte, tampouco o obxectivo é tan inmenso, non se pretende dar conta de vida dunha colectividade grande, só dun grupo de amigos e as colateralidades que lles vaian xurdindo. Existen esquema e vontade narrativas claros, e á vez coralidade, fragmentarismo, na medida xusta para nunca perder o recendo salgado que os pasos das personaxes van deixando na mente, na alma, no entendemento, lectores.

Como xa sinalou Dolores Vilavedra, non é nada novo, mais non por iso deixa de sorprender nin tampouco por iso o discurso se sente como camiño tripado, esforzo sucedáneo, senón todo o contrario.

Así o sente o lector, en virtude tanto da arquitectura narrativa como no moi estudado e elaborado tratamento das personaxes. No primeiro caso, artellar un discurso, un discurso fragmentario no que caben tantas personaxes e ilas proximnado, pouco a pouco, desde o recendo que cada unha exhala, non é tarefa sinxela pois require traballar moito tanto a atmosfera que envolve as personaxes, personaxes que en si representan un considerábel abano de situacións sociais e vitais, como a casuística individualizadora. Sendo que ambos traballos inciden, de primeiras, na diverxencia, no afastamento, na non confluencia. Falamos da meirande parte delas, porque non todas remiten a aquel primixenio grupo de amigos; mais as que non o fan, nelas non se nota estrañamento senón que nadan no mesmo río. Certamente, o seren personaxes atrapadas nivélaas, e fai que a ansia de liberación se subliñe como supratema á vez unificador e diversificador. As ansias de liberación, de vida, dunha xeración, aquela xeración coincidente coa das primeiras mulleres liberadas. Incidíndose niso, no carácter das personaxes, nas interioridades propias de cada personaxe, sobre as que paira como condena a condicionante dunha situación social que os marca a todos, dunha maneira ou doutra, tolléndolles as esperanzas á vez que lles ratifica que só na interación entre eles hai certa dose de satisfacción ou dicíndolles que esa é a única esperanza, unha esperanza sen futuro.

De xeito que a novela se constitúe tamén en crónica, crónica social elaborada a partir da exposición, sincronizada en amálgama atmosférica de recendos en salmoira común, no drama perceptíbel na luz, nos tactos, na calor, no fondo das olladas, dun grupo de amigos habitantes nunha vila das Rías Baixas, formación de ás quebradas que loita por seguir voando, a loita pola vida cando nada está ao teu favor senón a necesidade de que vivir poida ser outra cousa. Crónica individual, si. Crónica dun tempo, tamén. Crónica social, obviamente. Crónica-retrato da condición humana mortalizada nun tempo, nun lugar, nunhas xentes como exemplo do drama.

E Manuel Portas, neste Denso recendo a salgado, celebrado primeiro contributo literario de quen se ten manifestado como sociolingüista e político (sempre), que chouta inclusive por riba dalgún terríbel tropezo como o feito de algunha vez se trabucar no nome de personaxes. E tamén por riba do feito de que en literatura hiai moi poucas cousas que en realidade sexan novas, agás a esperanza de liberdade que nos humaniza perennemente. Liberdade, que non é palabra únicamente política.

Xosé Manuel Eyré

Chuzame! A Facebook A Twitter