Crítica de Manuel Candelas sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

26 Outubro 2010

Autores,Críticas,Narrativa,Premios_Xerais

Manuel Candelas publica no seu blog, Arume dos piñeiros, unha recensión crítica sobre Periferia, a novela de Iolanda Zuñiga que foi Premio Xerais de Novela 2010. A recensión crítica remata con estas palabras: «Eu, con esta Periferia, coloquei xa a Iolanda Zúñiga no máis alto da literatura galega. A ver se cunde o exemplo deste volcán literario que temos aquí diante». Reproducímola integramente:

Aproximación (tímida) a Periferia

A novela, Periferia é unha crónica complexa (por aproximar algo a definición coa incompetente lingua do lector que son eu) da cidade de Sao Paulo, con dous protagonistas case imperceptibles pero poderosos que viven unha paixoal relación amorosa. Este subtilísimo fío argumental, a vida feroz destes dous personaxes, resumida nos seus comezos con trazos duros e demorada na súa fixación erótica, é o de menos, porque Zúñiga prefire atrapar o pulso dinámico, caótico ás veces, sempre electrizante da metrópole brasileira nun desafío que supón crear a propia cidade co concurso de miles de palabras completamente ceibes.

A novela está escrita en forma polifónica, cun narrador/a omnipresente (tamén por ir acoutando algo, pobre de min) que vai debullando, con un presente histórico que dota á historia dun modo documentalista, as súas descricións, as súas impresións da cidade. A voz narrativa, nun galego de elevada concentración metafórica, cunha sintaxe envolvente e interminable, case abafante, vai colocando as pezas deste quebracabezas con parsimonia, coa introdución de numerosos excursos, con datos, estatísticas, informes, sobre a prostitución, o narcotráfico, o fútbol, o entroido, as organizacións criminais, o tránsito, a venda de armas ou a estrutura interna e funda do mundo das favelas. Esta voz que conduce a historia (por meandros inacabables, por rodeos tan apaixoantes como o propio tecido da trama) aparece alternada con numerosísimas citas ou referencias en portugués abrasileirado, procedentes de letras de cancións (particularmente do funk suburbial de Sampa ou da variada fertilidade musical do Brazil, desde Chico Buarque a Adriana Calcanhotto, desde a bossanova ao hiphop faveliano), de diálogos televisivos quitados de telenovelas populares, de discursos oficiais copiados na súa solemne retórica decadente, de prospectos, de cartaces, de infinitos lugares onde un texto poida referendar ou amosar a veracidade e a riqueza íntima dos feitos. Dá a impresión de que a célebre afección cervantina por ler ata os papeis que atopa no chan acha un correlato na afección de Zúñiga por trasladalos todos (sen xerarquías nin sucedáneos culturistas) ao corpo xa abigarrado do seu texto extraordinario.

Toda esta perspectiva, organizada por esa instancia narrativa, con todos os recursos e as voces ao seu alcance, transcritas en portugués, trata de dar conta da complexidade urbana da gran cidade de Sao Paulo. O primeiro capítulo, titulado precisamente a Cidade, apenas debuxa un leve relato e xa se deixa levar por unha prolongada descrición da cidade. O retrato comeza así:

“Latexa a madrugada no asfalto poeirento das avenidas. Zoa o vento ferido cobregueando calexas secundarias de neons esgotados. No formigón aínda tépedo, ue non renuncia ao sufoco do día previo., permanecen esmagadas as cabichas de filtos Philip Morris dos conductores na caravana infame de coches. Permanece a noite. Perpetúase a fatiga. Apoiado ao pé dun semáforo, un letreiro manuscrito dun home que non pasou da segunda serie do primeiro grao, nunha xornada de caridade escasa: unha esmola, meu, por caridade.. que Deus abençoe voçe. Bolsas de plástico rolan por mor da brisa enfurecida que anuncia o ocaso do verán. O tempo no que as norias estacionan o seu xiro, as luces do carrusel de cabaliños minguan e as caravanas trashuman. Na medula danada da cidade todo acontece coma nas novelas do oeste. O pó de molestas partículas, a soidade das arquitecturas efémeras, a desconfianza da penumbra prácida, as balas de lixo a desprazarse pola noite espida. Íntima.”

A pintura da urbe recolle toda a heteroxeneidade do mundo. Apenas queda nada por ser descrito. Unha idea de totalidade, de exhaustividade narrativa apodera o relato. Tras este primeiro capítulo, no que se divisan as cachoupas pobres dos arrumbados á periferia, dos desherdados que se agrupan nos outeiros en favelas, Zúñiga entra en calquera recuncho desa megalópole e penetra até nos íntimos espazos, onde se explica de maneira total a desorde, o caos e, sobre todo, o non future de case todo. A narración continúa cunha portentosa suma de paisaxes humanas para poder conter nas súas máis de 500 páxinas toda a cidade e, sobre todo, toda a periferia de SP. Quizá haxa poucos exemplos na literatura moderna nos que unha cidade se impoña decididamente a todo, en que unha cidade constrúa por si soa o ritmo da narración. A fabulosa invención de Zúñiga resulta aínda máis extraordinaria pola creación dun mundo decididamente pouco próximo aos lectores que nin siquera mantén con Galicia ningunha relación (só unha levísima mención á fábrica de armas de coruña, que curiosamente figura como gratuíta), dun lugar descoñecido, abigarrado, complexo, coas armas dunha narrativa fragmentaria pero totalizadora, con centos de voces prestadas pero enérxicas e efectivas, coas perspectivas cruzadas e coas palabras usurpadas a outros discursos para compoñer un unha especie de patchwork de encaixe marabilloso.

Eu, con esta Periferia, coloquei xa a Iolanda Zúñiga no máis alto da literatura galega. A ver se cunde o exemplo deste volcán literario que temos aquí diante.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.