Manuel Rivas entrevista para EFE

3 Outubro 2010

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

O redactor de EFE Pablo L. Orosa realizou unha entrevista a Manuel Rivas  con motivo da aparición a vindeira semana de Todo é silencio. O texto publícase nalgúns medios como  El Correo Gallego, Galicia hoxe, La Opinión da Coruña, La Voz de Galicia. Recollemos algúns fragmentos dunha conversa longa e moi interesante:

Nesta novela Galicia non é Galicia. É un territorio imaxinado, Brétema, un lugar onde a vida vira ó redor do tráfico ilegal de mercadorías, do tabaco de estraperlo á cocaína. “O tipo de mercancía cóntanos como era cada época”, resume Rivas. Brétema puido ser calquera lugar fronteirizo do planeta. Pero foi Galicia. Quizais porque alí a “identidade delituosa” levaba tempo forxada, explica Manuel Rivas (A Coruña, 1957).

O berro desesperado O que en realidade sucedeu despois, o “berro desesperado” das nais da ría, a instrución do xuíz Garzón ou a operación Nécora, é un futuro aberto para os personaxes da novela, un grupo de mozos dos 60 arrastrados cara a un destino común. Todo é silencio non é un libro documental. Con todo nel, “todo é ficción e todo é verdade”, como adoi- taba dicir John Ford, recorda Rivas. Todo é silencio (Xerais, 2010) é unha fusión de novela negra e esperpento, unha chiscadela a Valle-Inclán. “Un esperpento de serie negra”, propón como definición o autor coruñés.

“O narcotráfico é a extensión delituosa do neoliberalismo: pór a economía ó servizo do poder e non das persoas”, denuncia Rivas, sempre crítico ante a “deshumanización” da sociedade causada por un “capitalismo caníbal”.

Os seus personaxes viven esta dualidade, no paso débil entre o ben e o mal, medorentos do mundo que os rodea, onde o maior perigo non vén das drogas, senón do veleno que inoculan: “O baleirado das almas”.

“As organizacións criminais queren posuír as sociedades, as persoas e, ao final, as palabras”, explica Rivas. “Ese é o botín máis importante. Con iso podes controlar todo”, conclúe.

Por fortuna, hai un elemento simbólico que nunca poderán controlar: o mar. Un personaxe fundamental desta novela.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.