Rivas e o capitalismo máxico

1 Outubro 2010

Adiantos_para_ler,Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

A edición galega de El País inclúe hoxe unha extensa entrevista a dúas páxinas de Daniel Salgado con Manuel Rivas, con motivo da aparición, a próxima semana, da súa última novela Todo é silencio, da que se inclúe tamén o primeiro capítulo: «Manuel Rivas regresa á novela, con Todo é silencio. E faino para esculcar en como o narcotráfico condicionou a vida do litoral atlántico. ‘Con John Ford, gústame dicir que todo é facción, mais todo é verdade’, explica. Reproducimos algúns fragmentos entrevista:

“Non é un libro documental, como os grandes grandes traballos de Perfecto Conde ou Felipe Suárez sobre o tema, ou o traballo xornalístico de Elisa Lois ou Julio Fariñas”, argúe, “pero eu quería escribir unha boa historia, e iso implica verosimilitude”. Non hai referentes concretos en Todo é silencio e, porén, nada é mentira: “O mesmo escenario está prendido da realidade”.

“Brétema realmente está feita con anacos, con cachizas de diferentes paisaxes e trazos de diferentes lugares; é a cidade atlántica”, define, “e hai unha intención intemporal”.

O primeiro thriller de Manuel Rivas detense, 274 páxinas despois, xusto no minuto anterior á caída dos grandes capos arousanos da cocaína.

Primeiro foron as mulleres que cruzaban a fronteira portuguesa coas cadeiras engordadas polas bolsas de sal -“ían preñadas e volvían xa paridas”, ri Rivas. A internacionalización do mercado ilegal sucedeu durante a Segunda Guerra Mundial, no episodio do volframio común a Os libros arden mal e Todo é silencio. “Mariscal [o patriarca que domina a trama da novela] ironiza sobre o seu pai, de quen afirma que era autenticamente neutral”, relata, “porque vendía o mesmo volframio a ingleses e a alemáns”. Logo aparece o glamour do tabaco e o joni güolker que non pagaba xuros. Para o autor, aquilo foi un asunto de empaque, “case fashion“, nun país que apenas saía da pobreza ditatorial. “Pero a gran globalización represéntaa a cocaína”, conclúe.

Esta cronoloxía apurada do capitalismo totalmente desregulado opera na base da novela de Manuel Rivas. “Con todo, o importante non é a historia da mercadoría, senón como este proceso cambia e condiciona a vida das persoas”, explica, “e produce eses hábitos do capitalismo impaciente, un capitalismo máxico que se contrapón co que fai a maioría da xente”. Ao fondo dos traficantes de Brétema, as mariscadoras laboran metidas na auga até a cintura e algúns mariñeiros prefiren non empregar dinamita para acumular cartos máis rápido. O propio Mariscal resume a filosofía contrabandista: “Mentres se traballa, non se gaña diñeiro”.

“Tamén imos vendo o carácter destrutivo dese capitalismo delitivo, como vai penetrando, como vai manchando todo”, engade. E as primeiras vítimas, segundo a versión de Todo é silencio, chámanse Leda, Brinco, Chelín, Fins, os rapaces que ao longo dos 45 capítulos sintetizan os estragos dun modo específico de circulación da riqueza. O seu fado diverxe, aínda que sempre en relación ao corrupto becerro de ouro: a lei e a orde, o ionqui, a consorte do narco, o narco… “O importante é o que pasa con eles. Parece que os personaxes acaban dedicándose a iso porque o destino está neles”, describe.

Pero Galicia, ao cabo, non foi Sicilia. “Preguntouse moitas veces por que non”, di, “e houbo varias causas; a decisoria é porque a xente rompeu o silencio. Como as nais de maio, aquí foron unhas nais as que o fixeron. En Arxentina chamábanlles as tolas, aquí, as borrachas. Elas acabaron coa omertá“. Malia que este episodio xa conforma o fóra de campo da novela, é central para explicar o propósito de Manuel Rivas. Toda a obra xorde do silencio e a relación con el dos habitantes de Brétema.

“A literatura, para min, é destruír eses símbolos, tentar ver o que non se pode ver, unha maneira de conxurar o medo”. Tamén este fío cose Todo é silencio con Os libros arden mal e materialízase, por veces, na denuncia do eufemismo. Ese que leva a un policía da PIDE portuguesa a definir a tortura como “a procura de ausencia de conforto” no preso.

O ambiente colectivo que favoreceu o xurdimento do narcotráfico tamén ten a ver, segundo o escritor, co período que abranxe a súa anterior novela. “A banalización do mal, o queime ético, derivada de que un pobo viva nunha situación de sometemento, de humillación, como unha ditadura provoca un clima de inmoralidade pública”, esténdese, “e a delincuencia organizada que chamamos mafia é o resultado da inmoralidade pública. Velaí o hábitat ideal para que funcione a corrupción na alma dos personaxes”.

Rivas inventa sobre a marcha unha etiqueta e menciona “unha ecoloxía de serie negra”. “A paisaxe tampouco se libra da desfeita e iso vese ben no urbanismo”, comenta, ou nas técnicas ilegais de pesca ao comezo da novela. E non lle estraña o éxito de lectores do xénero policíaco que demostra a vaga nórdica de novelistas, os estadounidenses post-Ellroy ou, en Galicia, Diego Ameixeiras e, sobre todo, Domingo Villar. “A xente precisa esculcar e todos temos a sensación de que algo está oculto”, sinala, “nunha época que define un grafiti: ‘Tiñamos as respostas pero cambiáranos as preguntas”.

Manuel Rivas advirte, malia todo, contra a moda. “Tamén podemos ler hoxe o Quijote como serie negra, ou La Regenta, ou La Tribuna e Los pazos de Ulloa de Emilia Pardo Bazán”, asegura, “porque se adentran nas tebras, loitan contra ese poder que vira máis forte cando emprega a ocultación”. Só que na escrita de Todo é silencio actúa un matiz: o mecanismo do humor, da ironía. “A ironía permítenos exceder esa fronteira do inaccesíbel que atopas ao escribir e ir un pasiño máis alá”, aventúrase.

Daniel Salgado

1 comentario

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Xerais. Xerais said: RT @bretemas: Rivas e o capitalismo máxico, http://bit.ly/bOaBa7 «Todo é silencio» chegará á s librarías a vindeira semana. […]

    Pingback by Tweets that mention Rivas e o capitalismo máxico | Xerais -- Topsy.com — 2 Outubro 2010 @ 1:28 p.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.