Outono de lectura: Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras

16 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Reportaxes,Xerais_nos_medios

Maré, as páxinas de cultura do Galicia Hoxe, recolle hoxe unha reportaxe sobre as novidades literarias para o próximo outono, baixo o título «Outono de lectura».

Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras son os tres autores que Xerais vai ofrecer aos seus lectores e lectoras. A nova novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, que aborda o mundo do narcotráfico; o Premio Xerais de Novela 2010, concedido por unanimidade a Iolanda Zúñiga por Periferia; e a novela político dectectivesca de Diego Ameixeiras, Asasinato no Consello Nacional, constitúen tres magníficas novelas, distintas e de grande calidade, para este outono literario, tal e como se recolle no Galicia Hoxe:

«Manolo Rivas levou con sumo segredo o contido de Todo é silencio, a obra que sucede á eclosión narrativa de Os libros arden mal. Antonte mesmo fixo as últimas correcións do texto e a finais deste mes terá, fisicamente, o libro. Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema – coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, “quedará gravado na historia da Literatura galega”. É, engade o editor, “unha novela profundamente fermosa, de lectura e de escrita”. Segundo as previsións da editorial, publicarase antes do 10 de outubro».

«O Xerais 2010 tamén terá o seu oco nos andeis, xa que a editorial publicará proximamente Periferia, de Iolanda Zúñiga. Trátase dun texto “contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia” ambientado nas favelas brasileiras, onde a xente sen oportunidades recorre ó narcotráfico antes que a ir á Universidade xa que “gañan moito máis”. Periferia fala daqueles que viven “nos confíns do mundo” e dos “corazóns esperanzados dos seus protagonistas”. A editorial aproveitará a ocasión para facer unha reedición do seu Vidas post-it, de 2007».

«Quen está levantando moita expectación é Diego Ameixeiras co seu Asasinato no Consello Nacional, que ten tódalas papeletas para converterse no best seller da temporada. Na súa novela, o detective Alberto Cudeiro recibe o encargo da dirección do Bloque Nacionalista Galego de investigar un crime sucedido ó saír da reunión do consello nacional do partido. Alí, un encarapuchado asasina con tres disparos ó parlamentario Mario Dacosta, intres despois de que a executiva presentase a súa dimisión. A súa investigación non queda nese incidente, xa que Cudeiro rematará por resolver un enigma relacionado coa Guerra Civil».

3 Comentarios

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Xerais, atendadoslibros. atendadoslibros said: Xerais anuncia os seus lanzamentos para o outono http://ow.ly/2FDuM […]

    Pingback by Tweets that mention Outono de lectura: Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras | Xerais -- Topsy.com — 17 Setembro 2010 @ 2:18 p.m.

  2. […] nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con […]

    Pingback by Brétemas » «Todo é silencio» de Manuel Rivas, o segundo capítulo — 19 Setembro 2010 @ 10:22 a.m.

  3. […] nas librarías galegas o vindeiro 14 de outubro. Estou convencido que estamos diante dunha novela profundamente fermosa chamada a ampliar a base de lectoras e lectores da novela galega. Dará moito para falar, con […]

    Pingback by «Todo é silencio» de Manuel Rivas, adianto do segundo capítulo | Xerais — 19 Setembro 2010 @ 10:25 a.m.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.