Mañá poñerase á venda «Reckless» en galego durante o lanzamento mundial

13 Setembro 2010

Narrativa,Noticias,Traducións,Xuvenil

A partir de mañá estará nas librerías a tradución ao galego de Reckless. Carne de pedra, a última novela de Cornelia Funke. A coidadosa tradución, que levou á cabo María Xesús Bello Rivas, poderá adquirirse nas librerías o mesmo día en que se produce o seu lanzamento mundial nas principais linguas europeas, lanzamento no que tamén participa Xerais. No blog da editorial ofrecimos recentemente a oportunidade de ler en pdf os dous primeiros capítulos da novela.

O día 14 de setembro foi elixido para a aparición simultanea das traducións da novela ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a todas as linguas que comparten o lanzamento mundial. A alemana Cornelia Funke presentará a súa novela en Nova York e o acto será retransmitido en directo pola súa páxina de fans.

Reckless. Carne de pedra constitúe a primeira entrega dunha triloxía de Funke. A novela ten 360 páxinas, sairá cun prezo de 20,00 euros, e será a primeira obra que poidamos ler en galego desta autora alemana, unha das escritoras de literatura infantil e xuvenil máis lidas e queridas do mundo. De feito, Cornelia Funke foi elixida polan revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, e logrou vender xa máis de 14 millóns de exemplares dos seus libros.

Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

Con motivo do lanzamento mundial previsto para mañá, Cornelia Funke acaba de facer pública hoxe a seguinte mensaxe:

Con Reckless cambiraron moitas cousas… O mundo do espello é totalmente novo, claro, pero é que ademais é a primeira vez que descubrín e experimentei, acompañada, un destes mundos. É o primeiro libro para o que debuxei unha ilustración por capítulo. Asemade, é a primeira vez que lucirei un vestido confeccionado para a ocasión cando saia no outono cara a miña xira de recitais de lectura. ¡Tampouco nunca antes se publicara un libro meu, de xeito simultaneo, en doce linguas! Estou certa de que imaxinaredes o nerviosa que me pon pensar en ir en Nova York cara ao escenario, para lerlles aos nenos do mundo enteiro partes do meu novo libro, falarlles do mundo de detrás do espello e contestar ás súas preguntas. Aínda semella que todo isto non me está a suceder. ¡É tan incrible!

Chuzame! A Facebook A Twitter

4 Comentarios

  1. Ola,
    quería apuntar que sairá en DOCE linguas, e non en seis… : )

    Comment by Chus Bello — 13 Setembro 2010 @ 6:18 p.m.

  2. Parabéns e sorte.

    Comment by Pere Tobaruela Martínez — 13 Setembro 2010 @ 8:13 p.m.

  3. [...] simultánea da edición orixinal en alemán de Reckless. Carne de pedra e das súas traducións ao galego, ao inglés, ao francés, ao castelán, ao catalán e a todas as linguas que comparten un [...]

    Pingback by Brétemas » A edición galega participa no lanzamento mundial de «Reckless» de Cornelia Funke — 14 Setembro 2010 @ 8:38 p.m.

  4. [...] This post was mentioned on Twitter by Xerais, toupa.net. toupa.net said: RT @Xerais «Reckless» á venda en 12 linguas. O galego participa por vez primeira nun lanzamento mundial http://bit.ly/bQ4EG9 [...]

    Pingback by Tweets that mention Mañá poñerase á venda «Reckless» en galego durante o lanzamento mundial | Xerais -- Topsy.com — 15 Setembro 2010 @ 11:17 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.