«Settecento» de Marcos Calveiro

1 Agosto 2010

Críticas,Narrativa,Presentacións,Xerais_nos_medios

AS MÁSCARAS DE VIDA

Que Marcos Calveiro, tras o seu celebrado Festina lente, decida, en parte non desprezable, continuar a estratexia da novela histórica, ben fundamentada documentalmente, ben artellada tecnicamente –velaí neste caso a estrutura de concerto barroco, presente tamén no ritmo narrativo–, depositando o coidado preciso na expresión e mais na lingua polo que consegue unha peza de lectura áxil e ecos verosímiles resulta sempre gratificante.

Fóra do indicado, Settecento permite reconstruír, cunha fidelidade absoluta, a Venecia no século XVIII, que se transforma en algo máis ca un escenario: velaí unha cidade que é “labirinto, concerto, festa, tránsito, cábala, teatro, caravasar ou fraga”, en palabras do autor. Nela, non podía faltar a presenza de Antonio Vivaldi, de quen se realiza tamén unha biografía ficcional a través da descrición do seu proceder, dos seus sentimentos, dos seus problemas e mais do seu xenio musical, apoiado nese tránsito por personaxes de eco duradoiro como son Anna Giró, a primma donna do músico, e sobre todo dese triángulo conformado por Caterina –a alumna preferida de Vivaldi no Hospicio da Piedade–, e os fundamentais Giacometto Casanova e Aldo Pietá: o mítico Casanova xunto cun aprendiz de luthier e protexido de Vivaldi que gozará de relevancia na trama. A carón deles Torttoni ou o afortunado recurso atopado na figura de Leo, león alado do Pazo Ducal, que resulta moi rendible como contrapunto técnico da novela, e mais tantos outros fan pensar tamén nunha novela non só de protagonista senón realmente coral.

Unha proposta, en fin, que tamén nos conduce a París e Viena, que recala mesmo en Santiago de Compostela, outra cidade que resulta operativa para asistir a algunhas das páxinas máis brillantes centradas na descrición das extremas necesidades que vivía a poboación labrega naquela altura e na importancia do poder relixioso. Settecento sitúanos, así pois, con acerto nun tempo, nunhas vidas e nunha música de onte pero tamén de hoxe, e que explica o que tras as máscaras podemos atopar. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o 31 de xullo de 2010.

Settecento será presentada o vindeiro martes, 3 de agosto, ás 21:00 horas na Feira do Libro da Coruña. O autor conversará sobre novela con Óscar Sánchez.