«Ao pé da Laxa da Moa», presentación en Lira

27 xullo 2010

Gran Merlín,Literatura_tradición_oral,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 30 de xullo, ás 20,00 horas na Confraría de Pescadores de Lira Portocubelo, Carnota terá lugar a presentación d' Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota de Antón Cortizas. O acto contará coa participación de Manuel Souto, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval, Manuel Bragado e o autor. Ao remate do acto literario, María de Fetós interpretará unhas pezas coa súa pandeireta. Ao pé da Laxa da Moa recolle un labor de recolleita e transmisión da riqueza literaria oral do concello de Carnota. Un abondo corpus de cantares, así como, adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e máis refráns.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke nas librarías o 14 de setembro de 2010

Autores,Entrevistas,Música,Noticias,Traducións,Vídeos,Xuvenil

O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa de Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá de Siruela, catalana e a galega publicada por Xerais, que por vez primeira se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo.

A tradución galega foi preparada por María Xesús Bello Rivas e a novela de 360 páxinas terá un prezo de 20,00 euros.

Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

CORNELIA FUNKE é unha das autoras máis queridas e lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).
RECKLESS. CARNE DE PEDRA é o primeiro título da autora en galego.

Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) estudou Pedagoxía e Ilustración en Hamburgo. Axiña comezou a traballar como ilustradora de contos infantís para despois escribir para público xuvenil. É autora de máis de cincuenta libros e guións e actualmente vive en Los Angeles (EE.UU.).

En diversos espazos da rede poden verse os book-trailers e as primeiras entrevistas con Cornelia Funke falando de Carne de pedra, a primeira entrega do que será a triloxía «Reckless».




Reckless from We Make Sound on Vimeo.



Así mesmo, a edición estadounidense da obra ten unha canción, «Reckless» de Adam Watts:


Adam Watts "RECKLESS" from Daniel Chesnut on Vimeo.



Gallimard jeunesse, os editores da edición francesa, publicaron estoutra entrevista na que Cornalia le en francés un anaco da novela:



UNE RENCONTRE AVEC CORNELIA FUNKE AUTOUR DE "RECKLESS"
Cargado por GallimardJeunesse. - Videos de arte y animación.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Manuel Rivas anuncia a publicación da novela «Todo é silencio» no vindeiro outono

Autores,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Manuel Rivas anuncia hoxe nunha entrevista que Alberto Ramos publica nas páxinas de Xornal de Galicia a publicación o vindeiro outono de Todo é silencio, unha novela que xirará arredor do mundo do contrabando de Brétema, unha vila inventada. «Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo», adiantou Manuel Rivas nesta entrevista con Xornal de Galicia. Dende esa vontade de poñer en primeiro plano as personaxes, Manuel Rivas realiza un percorrido temporal polo transcorrer desta vila imaxinaria. «O libro está ambientado nas últimas décadas do século XX, trata da vida da xente deste lugar e das distintas xeracións. Pódese dicir que trata das almas da vila», explica o autor de Que me queres, amor? «Temos ese pano de fondo do contrabando, pero o que principalmente prima son as personaxes, as relacións entre as persoas e en todos os sentidos. Para min, o máis importante das novelas son as personaxes, eles son a novela», explica o autor. Con todo, Rivas que se atopa estes días rematando o texto. «Non quero falar demasiado, aínda estou traballando niso e penso que das novelas hai que falar cando son unha realidade», sinaloulle para rematar a Alberto Ramos.

Todo é silencio será publicada no vindeiro outono dentro de Xerais Narrativa. A portada da novela (220 páxinas) foi preparada por Miguelanxo Prado. Adiantamos o que serán os paratextos de contracuberta:

Todo é silencio narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Brétema, o universo que domina ao seu antollo. En Brétema, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Actualización (28-07-2010):

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google