«Xuvia-Neda e os heroes» por Xosé Manuel Eyré

8 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Acabo de tomar contacto con eles. E o contacto resulta conmovedor, absolutamente CONMOVEDOR e INTELIXENTE. Son xentes humildes, auténticos heroes que manteñen unha grande humanidade en tempos socialmente miserentos, en tempos de inverno eles son a primavera que permite soñar.

Falo das personaxes de Xuvia-Neda e, no caderno da crítica estas son as primeiras notas que tomei. Xuvia-Neda está contada con amabilidade, coa bonhomía que presta o autor,  Vicente Araguas, ás personaxes e ao tempo, devolvendo así parte da débeda que xamais será de todo satisfeita. Xuvia-Neda é unha historia de amor ás xentes e ao lugar. As personaxes vanse xuntando, citadas na recordanza e na pluma de Vicente Araguas, un recanto da memoria onde ferven as cousas das xentes de bon corazón.

Si,con estas personaxes todo é máis sinxelo. E tamén o reto é máis grande porque sempre o medo de non lles facer xustiza.

Tamén dixen que era INTELIXENTE, o narrador non enxuíza o tempo e as súas miserias. Non cómpre, esa tarefa déixase nas mans do lector, é o seu privilexio e o seu deber.

Xuvia-Neda non é para lectores conformistas, é para lectores intelixentes e activos

Xuvia-Neda poder ser unha novela, unha novela fío, ou un libro de relatos enfiados. En todo caso é unha lectura tenra, intelixente e conmovedora.

Anotación de Xosé Manuel Eyré publicada no seu blog o 8 de xullo de 2010.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS para comentarios deste artigo.

O formulario do comentario está pechado neste momento.