«Aparece a palabra celta e nace a confusión» por Xavier Castro

3 Xullo 2010

Críticas,Ensaio,Historia,Lingua,Xerais_nos_medios

O primeiro dato escrito arredor do que se denomina o universo celta atopámolo nas Historias de Herodoto (autor do século V a. C. iniciador da historia, a xeografía e a etnografía) cando afirma que o río Istros (Danubio) nace na Céltica, no país dos celtas, preto da cidade de Pyrene e ao oeste dos celtas unicamente vivían os cynesios, é dicir, os homes cans. Desde aí, e deica os nosos días, un dioivo de especialistas, investigadores, estudosos, historiadores… veñen intentando botar luz arredor dun fenómeno tan atractivo como versátil. Recentemente, o profesor Francisco Calo Lourido publicou este completo, didáctico e rigoroso traballo de investigación (Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia en edición de Xerais) que arela ser un percorrido ben fundamentado (e crítico cando corresponde) sobre o desenvolvemento e historia da investigación do celtismo feita en tempos e lugares diversos. Á vista do exposto polo autor, resulta claro que cadaquén escribe como quere sobre os celtas e, mentres o exposto teña un certo sentido, pasa a formar parte do circuíto investigador. Hai quen defende unha celticidade por toda a Europa que sería sinónimo de cultura, pobo ou gran pobo e outros que manteñen que o termo celta non é máis que unha cuestión exclusivamente de lingua. Segundo o historiador Calo Lourido a situación ensaríllase, os posicionamentos son diverxentes, as teorías multitude e a realidade do celtismo complexa. A explicación non pode ser máis sinxela e a plasmación do que acontece resúmese nas seguintes palabras: “seguimos vendo que cadaquén di o que quere. Para uns, celta é cultura, para outros, etnia, para outros lingua, para outros arte, para outros etnia non é cultura, para outros celta é etnia, pero non cultura e para outros é todo. Así non nos entenderemos nunca. Resultaba máis claro, menos complexo, cando celta se empregaba ao vello estilo centroeuropeo, como sinónimo de La Tène e máis nada”. Os lectores teñen diante súa un estudo ben documentado, doado na lectura e interpretación do feito céltico e que, de seguro, descubrirá novas perspectivas dun fenómeno que nos resulta tan próximo. Xavier Castro

Texto de Xavier Castro publicado en Galicia hoxe o 3 de xullo de 2010.