Rosa Aneiros e os autores de «Níxer» asinarán o luns, 2 de agosto, na Feira do Libro da Coruña

30 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

O vindeiro luns, 2 de agosto, comezan os actos que Xerais ten previsto realizar na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Ás 19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra. Ás 19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke, adianto dos dous primeiros capítulos

29 Xullo 2010

Adiantos_para_ler,Traducións,Xuvenil

Aquí poden baixarse en pdf os dous primeiros capítulos da fermosa tradución galega preparada por María Xesús Bello Rivas de Reckless. Carne de pedra de Cornelia Funke. Como adiantabamos hai dous días, a edición en galego de Xerais, aparecerá como o resto das que participan no lanzamento mundial, o vindeiro 14 de setembro.

«O lapis do carpinteiro» no club de lectura Sete Vidas de Gondomar

28 Xullo 2010

Clubs_de_lectura,Narrativa,Noticias,Presentacións

O venres 23 de xullo, na Casa da Lectura, Espazo Lectura celebrou unha sesión especial do club de lectura Sete Vidas onde máis de 15 persoas compartimos as nosas impresións sobre a novela de Manuel Rivas O lapis do carpinteiro a partir das preguntas que nos realizou Todd Mack, un investigador da Universidade de Stanford que nos visitou para asistir a un club de lectura e poder recabar información sobre a recepción da novela de Rivas nos lectores galegos.

Todd Mack é un estudante de doutoramento na Stanford University que está a traballar nunha tese sobre a influencia que tiveron catro novelas nas prácticas narrativas ou de memoria histórica nas comunidades que describen. As novelas son O lapis do carpinteiro (de Manuel Rivas), O fillo do acordeonista (de Bernardo Atxaga), Les veus del Pamano (de Jaume Cabré) e Beatus Ille (de Antonio Muñoz Molina).

«En castellano no hay problema» de Carlos Callón, presentación en Zas

Crónica,Lingua,Noticias,Presentacións

O vindeiro xoves 5 de agosto, ás 18:30 horas, no marco da III Semana Cultural do Concello de Zas terá lugar a presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón.

«Ao pé da Laxa da Moa», presentación en Lira

27 Xullo 2010

Gran Merlín,Literatura_tradición_oral,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 30 de xullo, ás 20,00 horas na Confraría de Pescadores de Lira Portocubelo, Carnota terá lugar a presentación d’ Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota de Antón Cortizas. O acto contará coa participación de Manuel Souto, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval, Manuel Bragado e o autor. Ao remate do acto literario, María de Fetós interpretará unhas pezas coa súa pandeireta. Ao pé da Laxa da Moa recolle un labor de recolleita e transmisión da riqueza literaria oral do concello de Carnota. Un abondo corpus de cantares, así como, adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e máis refráns.

«Reckless. Carne de pedra» de Cornelia Funke nas librarías o 14 de setembro de 2010

Autores,Entrevistas,Música,Noticias,Traducións,Vídeos,Xuvenil

O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa de Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá de Siruela, catalana e a galega publicada por Xerais, que por vez primeira se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo.

A tradución galega foi preparada por María Xesús Bello Rivas e a novela de 360 páxinas terá un prezo de 20,00 euros.

Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

CORNELIA FUNKE é unha das autoras máis queridas e lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).
RECKLESS. CARNE DE PEDRA é o primeiro título da autora en galego.

Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) estudou Pedagoxía e Ilustración en Hamburgo. Axiña comezou a traballar como ilustradora de contos infantís para despois escribir para público xuvenil. É autora de máis de cincuenta libros e guións e actualmente vive en Los Angeles (EE.UU.).

En diversos espazos da rede poden verse os book-trailers e as primeiras entrevistas con Cornelia Funke falando de Carne de pedra, a primeira entrega do que será a triloxía «Reckless».

Reckless from We Make Sound on Vimeo.

Así mesmo, a edición estadounidense da obra ten unha canción, «Reckless» de Adam Watts:

Adam Watts “RECKLESS” from Daniel Chesnut on Vimeo.

Gallimard jeunesse, os editores da edición francesa, publicaron estoutra entrevista na que Cornalia le en francés un anaco da novela:


UNE RENCONTRE AVEC CORNELIA FUNKE AUTOUR DE "RECKLESS"
Cargado por GallimardJeunesse. – Videos de arte y animación.

Manuel Rivas anuncia a publicación da novela «Todo é silencio» no vindeiro outono

Autores,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Manuel Rivas anuncia hoxe nunha entrevista que Alberto Ramos publica nas páxinas de Xornal de Galicia a publicación o vindeiro outono de Todo é silencio, unha novela que xirará arredor do mundo do contrabando de Brétema, unha vila inventada. «Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo», adiantou Manuel Rivas nesta entrevista con Xornal de Galicia. Dende esa vontade de poñer en primeiro plano as personaxes, Manuel Rivas realiza un percorrido temporal polo transcorrer desta vila imaxinaria. «O libro está ambientado nas últimas décadas do século XX, trata da vida da xente deste lugar e das distintas xeracións. Pódese dicir que trata das almas da vila», explica o autor de Que me queres, amor? «Temos ese pano de fondo do contrabando, pero o que principalmente prima son as personaxes, as relacións entre as persoas e en todos os sentidos. Para min, o máis importante das novelas son as personaxes, eles son a novela», explica o autor. Con todo, Rivas que se atopa estes días rematando o texto. «Non quero falar demasiado, aínda estou traballando niso e penso que das novelas hai que falar cando son unha realidade», sinaloulle para rematar a Alberto Ramos.

Todo é silencio será publicada no vindeiro outono dentro de Xerais Narrativa. A portada da novela (220 páxinas) foi preparada por Miguelanxo Prado. Adiantamos o que serán os paratextos de contracuberta:

Todo é silencio narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Brétema, o universo que domina ao seu antollo. En Brétema, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Actualización (28-07-2010):

«Sete de palabras» de Suso de Toro: «un libro que dá xenio lelo»

26 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Noticias,Xerais_nos_medios

Vicente Araguas publica en El Ideal Gallego unha fermosa crítica sobre Sete palabras, a máis recente novela de Suso de Toro.

O texto en pdf pode baixarse en pdf aquí.

Plan de Lectura de Educación Primaria 2010-2011

Animación á lectura,Merlín,O Club da ciencia,Polo correo do vento,Sopa de Libros

Xa está dispoñible en pdf o Plan de Lectura de Educación Primaria 2010-2011, unha selección de títulos do catálogo da editorial, procedentes das coleccións Merlín, Merliño, Sopa de Libros, Paseniño, O meu mundo, Polo correo do vento, Andavía, O Club da Ciencia, concibidos para facilitar o interese pola lectura nos nenos e nenas de Educación Primaria. Neste Plan de Lectura, no que se primou a presenza de autores e autoras galegos e a diversidade temática e de enfoques literarios, ofrécese unha proposta de lectura para cada curso, formada por tres títulos de narrativa, que se complementan cunha selección de varios poemarios por ciclo, de obras teatrais para a etapa e varios traballos sobre a tradición oral galega. A nosa proposta complétase cunha selección doutros títulos por ciclo, clasificados por coleccións, que proporcionan a necesaria diversificación deste plan de lecturas.

«Dragal» de Elena Gallego, un libro ceibe polo mundo

Fóra de Xogo,Noticias,Xuvenil

O aeroporto Charles de Gaulle de Paris, a cidade chinesa de Beijing e o porto xaponés de Kyoshu son algúns dos lugares elixidos pola escritora Elena Gallego Abad para ceibar senllos exemplares da súa novela Dragal, a herdanza do dragón, editada por Xerais na colección Fóra de Xogo.

A andaina destes tres libros, rexistrados e ceibados coas etiquetas de bookcrossing números:

  • 178-8134411 Aeroporto Vigo 24 xullo
  • 194-8188676 Aeroporto Charles de Gaulle-París 24 xullo
  • 198-8128827 Beijing- 25 de xullo
  • 518-8129916 Porto de Kyoshu, illa de Fukuoka, Xapón 1 agosto

poderá seguirse a través da web internacional www.bookcrosing.com

A autora tamén abríu un espazo bookcrossing na web da novela, www.dragal.eu na que aquelas persoas que atopen os libros ceibados nesta novidosa experiencia poidan subir os seus cometarios e as súas fotos.


A noticia recollida por Galicia hoxe.

Cadernos do Profesorado para o curso 2010-2011

23 Xullo 2010

Cadernos do Profesorado,Educación,Noticias

Xa están dispoñibles os novos cadernos do profesorado para o vindeiro curso 2010-2011, tanto o de Educación Primaria como o de Educación Secundaria. En ambos os dous casos, estes cadernos constitúen unha ferramenta moi útil para o seguimento diario das tarefas de titoría nos tres ciclos da Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria.

O Caderno do Profesorado de Educación Primaria, preparado por Teresa Barros Castro, José Manuel García Yanes e Natalia Roibás Blanco, inclúe: – Datos persoais e do Centro. – Follas de horario do grupo e do titor ou titora. – Calendarios 2010 e 2011. – Planificación mensual con indicación de festividades de interese educativa. – Directorio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e de organización sindicais do profesorado. – Fichas de titoria para cada alumno/a, con espazos para datos persoais e familiares, faltas de asistencia, entrevistas familias, seguimento e notas de áreas e outras observacións. – Fichas de avaliación para recoller a descrición de traballos, exercicios e notas de clase. – Fichas de avaliación para rexistrar a valoración de traballos, exercicios e notas de clase. – Páxinas para recolle rnotas de reunións. – Modelos de recollida de información para as familias. – Modelos de convocatorias para reunións e entrevistas coas familias.

Pola súa banda, O Caderno do Profesorado, preparado como nas edicións anteriores por Ramón Nicolás e dirixido ao profesorado de Secundaria (ESO e Bacharelato), inclúe: Datos persoais e do Centro. – Follas de horario do grupo e do titor ou titora. – Calendarios 2010 e 2011. – Planificación mensual con indicación de festividades de interese educativa. – Directorio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e de organización sindicais do profesorado. – Fichas de titoria para cada alumno/a, con espazos para datos persoais e familiares, faltas de asistencia, seguimento e notas parciais, así como grao de desenvolvemento das competencias básicas. – Fichas de seguimento do alumnado, con espazos para datos persoais, notas e faltas de asistencia.

An Alfaya gañadora do Premio “La Voz de Galicia” de novela por entregas

22 Xullo 2010

Autores,Narrativa,Noticias,Premios

Expresamos os nosos maiores parabéns a An Alfaya que coa novela Vía secundaria resultou gañadora da Xª edición do Premio La Voz de Galicia de novela por entregas. Con este novo galardón, An Alfaya consolida unha das traxectorias máis sólidas e aclamadas da actual narrativa galega. Aconsellamos seguir, a partir do primeiro de agosto, as 31 entregas desta prometedora novela.

Finou Sérgio Klein

21 Xullo 2010

Autores,Fóra de Xogo,Noticias,Traducións,Xuvenil

Soubemos hoxe do falecemento de Sérgio Klein, o autor brasileiro da serie «Poderosa», da que levamos editadas dúas entregas e da que preparamos a terceira, novelas traducidas todas as tres por Mercedes Pacheco. O personaxe de Joana Dalva, esa rapaza que tiña o mundo na man, que facía realidade todo o que escribía coa súa man esquerda nos eu diario, popularizou a Klein no Brasil, onde conta con milleiros e milleiros de lectores e lectoras. Dende Xerais, durante a edición do primeiro volume de Poderosa, mantivemos correspondencia electrónica con el, na que amosou a súa satisfacción por contar cunha edición en galego da súa serie. As nosas condolencias para os seus editores de Fundamento por tan prematura perda.

«Cartas de republicanos galegos condenados a morte», presentación en Cangas

Crónica,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 23 de xullo, ás 19:30 horas, presentarase na Feira do Libro de Cangas (Alameda de Soage) o libro do profesor Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado polo editor Manuel Bragado.

Jonathan Dunne, entrevista no «Diario Cultural» da Radio Galega

19 Xullo 2010

Autores,Entrevistas,Radio,Traducións,Xerais_nos_medios

Aquí se pode escoitar a entrevista que Ana Romaní realizou a Jonathan Dunne con motivo da publicación da Anthology of Galician Literature.

Todo o verán para a aventura, todo o verán para a lectura

Fóra de Xogo,Merlín,Premios,Reedicións,Teatro,Xerais_nos_medios,Xuvenil

En pleno mes de xullo aínda hai tempo para a choiva, agradécese especialmente cando refresca o ambiente, pero o mellor é enrouchar no mar, esa sensación que lle queda a un cando leva unha porrada de horas dentro da auga.

O corpo pide sol e praia pero tamén quere froita, xeados e por que non, unha sopa, pero unha Sopa de xarope de amora. Este é o título da obra de Xosé A. Neira Cruz que acaba de tirar do prelo a Editorial Xerais e á que lle foi concedido o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2009. Un bo petisco ou larpeirada que levar á boca nestas tardes de estío e coa que poderemos gozar nós, os maiores, e facer gozar aos nosos cativiños.

Segundo o ditame do xurado, “unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando

unha atmosfera que estimula a imaxinación”. A “crítica social” supón”o trasfondo que está ao longo de toda a obra”. A peza conta a historia do doutor Amorodo, un científico ao servizo das casas reais que recibe encargos estrafalarios e está namorado de dona Chismunda. “Son reinos diminutos, que lle darán ao doutor ultimatos para que consiga casar as súas fillas, ou senón decláranlle a guerra… O título vén da sopa que fai a súa ama de chaves, e el tenta descubrir cal é a receita…” Esta magnífica peza está ilustrada por Marta Álvarez Miguens e serve para practicar dicción e oralidade, aspectos tan necesarios na actualidade.

A Xenaro Conese Maiúsculo complícanselle moito as cousas desta vez. Ademais de ter que se enfrontar cos irmáns Lourido, uns mangallóns disque malos malísimos, ten que aturar unha nena nova na súa clase, Sefi a madrileña. Por riba, o seu amigo da alma, Flipe Efes, compórtase dun xeito moi estraño, coma se agochase algún segredo. Resolver o misterio da Horta dos Reis será o de menos para o Xe nesta nova aventura, unha andanza onde nada é o que semella, nin sequera a hucha do indiano.

Xa son 232 páxinas de lectura dentro da Colección Merlín para aqueles que xa saben ler. Unha oportunidade única para practicar unha miga a diversión e a capacidade de resistencia ante unha noveliña por capítulos algo extensa. Xenaro e a hucha do Indiano agocha ata un plano da Horta dos Reis e terás que ler esta aventura de Mar Guerra para ser quen de saber que hai alí.

Para os xa mozotes, e dentro da inmellorable colección Fóra de Xogo,  presentamos a reedición da novela de Manuel Rivas Todo ben coa que o escritor se iniciou na narrativa. Unha intriga que cumpre nada menos que vinte e cinco anos sen perder a súa forza e o seu enxeño. Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Xaneiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol. Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes no Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano.

A obra mantén a cerna dunha historia que se move na serie negra, cunha singular localización no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordinadas temáticas principais. Unha feliz reexistencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo e unha axeitada proposta para confeccionar un verán entretido e refrescante.

Tres propostas para tres idades diferentes todas divertidas e apetecibles.

Texto de Rominabal publicado no suplemento «Lecer» de Galicia hoxe o 18 de xullo de 2010.

Xerais no Festigal 2010

16 Xullo 2010

Autores,Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

XERAIS participa no FESTIGAL 2010 coas seguintes presentacións:

DÍA 24 de xullo
18:30 h.: Presentación de Sol de Inverno de Rosa Aneiros con Manuel Bragado e a autora.
19:15 h.: Presentación do libro En castellano no hay problema de Carlos Callón con Alba Nogueira, Caetano Díaz, Manuel Bragado  e o autor.

DÍA 25 de xullo
18:30 h.: Presentación de O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre con Dolores Vilavedra, Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro A Intervención de Teresa Moure con Manuel Bragado e a autora.  No acto proxectarase unha videointervención creada por Teresa Moure.

Manuel Bragado, novo presidente da Asociación Galega de Editores

Editores,Noticias

A Asemblea da Asociación Galega de Editores elixíu nova directiva baixo a presidencia de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, e a vicepresidencia de Belén López, directora de Baía edicións. A elección da nova presidencia e do resto dos integrantes da súa directiva contou co apoio dos editores, obtendo o voto unánime dos reunidos en asemblea. Alfonso García Sanmartín (Rodeira), Fran Alonso (Xerais), Ana Guerra (Obradoiro) e Pilar Sampil (Galaxia) conformaron o núcleo duro de traballo da directiva da AGE desde o ano 2006. Rematado o mandato e sen opción a reelección por imposición estatutaria, os editores cesantes ovacionaron aos novos directivos desexándolles moita sorte no seu cometido.

Bragado presentou a súa candidatura como froito do esforzo por aglutinar diversas sensibilidades dentro da entidade gremial, felicitando a García Sanmartín e ao seu equipo polo intenso e importante traballo realizado ao longo de catro anos. O director de Xerais expuso os tres eixos fundamentais da súa proposta de traballo: a continuidade nos proxectos e tarefas, a firmeza na defensa dos intereses gremiais,  e o consenso e a cooperación corporativa e gremial. Tendo en conta os tres piares, a directiva traballará co compromiso de acadar o recoñecemento definitivo da edición galega en todos os ámbitos, reivindicando a débeda histórica co libro e o seu papel de sector estratéxico no eido cultural e tamén no da innovación e transformación produtiva. Bragado comprometie a manter unha relación fluída e constante cos asociados, co fin de darlle resposta ás inquietudes e os retos que se lle prantexan as empresas editorias.

A nova Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores está formada por Manuel Bragado, de Edicións Xerais, Presidente; Belén López, de Baía, Vicepresidenta; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, Secretaria; Xelasio Suárez, de Ir Indo, Tesoureiro; Paco Villegas, de Cumio, Vocal; Xosé Aldea, de Ouvirmos, Vocal; Xulio Amigo, de Galaxia, Vocal; e Consuelo Carreira, de Sotelo Blanco, Vocal.

Noticia tomada da web da AGE. Tamén aparece en Xornal de Galicia.

«Makinaria» de Carlos Negro

14 Xullo 2010

Animación á lectura,Autores,Fóra de Xogo,Poesía,Traducións,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Que conta?

Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se ti tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.

Cunha descarga sen precedentes de imaxinación esta obra de Carlos Negro conecta excepcionalmente con toda unha xeración e ensínalles aos rapaces maxistralmente que a poesía pode ser algo ben próximo a eles, algo que conecte coas súas sensacións, algo actual e divertido. Makinaria ademais transmite unha mensaxe clara e didáctica sen botar man de artificios, a de que non todo é diversión cando se colle un vehículo. Este poemario, de lectura recomendada para xente nova, é un todo poético sobre a inconsciencia da mocidade e sobre a velocidade, sobre como un mozo pode perder a vida na estrada da adolescencia, sobre como o discurso dos “vellos” non calla mentres o escoitan con cara de póker. Unha poesía de lectura rápida, mesmo frenética, que concorda coa obsesión pola velocidade que nos describe, cun só destino. Como afirma Rosa Aneiros no epílogo, “Makinaria é unha canción desesperada de gasolina e goma abrasada”, un libro que de seguro transmitirá e chegará á mocidade porque fala e sente igual, coa súa voz cotiá.

Da palabra

A profesora Concha Costas describe Fóra de Xogo, de Edicións Xerais, como unha colección que conseguiu nos seus máis de doce anos de vida e nos seus cen volumes converterse nunha compañeira facilmente recoñecible para os mozos e mozas galegos, nunha arca da que ir tirando historias que lles falan de conflitos persoais cos que se identifican, de problemas sociais que lles preocupan, de mundos fantásticos por descubrir, de aventuras para compartir, de momentos históricos que coñecen o que deben coñecer. E estes libros póñense ao seu dispor nunha etapa especialmente importante no seu camiñar lector xa que, segundo din os estudos, é na adolescencia cando máis risco hai de perdelos como lectores. A colección Fóra de Xogo ten moitas vantaxes. Entre os seus títulos hai moita diversidade de autores –galegos e non galegos– e de temas, propostas novidosas e de clásicos, de autores para descubrir a carón doutros consagrados, narrativa e poesía. Neles os mozotes poden atopar historias realistas e fantásticas, de aventuras e de sentimentos, sociais e míticas, históricas e contemporáneas. Poden achegarse a propostas puntuais ou a series que permiten ir familiarizándose cun universo literario recorrente como o que poden atopar nas exitosas pescudas de Flanagan. E toda esta variedade de fíos garante que o tecido de lecturas sexa plural e que a formación lectora no ámbito necesario da literatura xuvenil sexa sólida e sente unha base coa que poder achegarse sen complexos e sen inseguridades a outras lecturas que vaian formando o seu hábito lector. Chegar aos cen títulos e facelo sen perder actualidade, sen esgotarse, sen diminuír a capacidade de seguir enredando os rapaces na arañeira dos fíos da lectura é un éxito de Xerais que cómpre recoñecer e celebrar, como todos aqueles que desde calquera recanto do mundo dos libros nos demostren que o noso sistema literario está vivo e ten autores e historias para seguir tecendo, coas artes máis antigas e tamén coas máis actuais, as pezas máis valiosas do noso fondo de armario lector.

Quen é quen

Carlos Negro naceu en Lalín no ano 1970. É Licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade exerce como profesor de Ensino Secundario en Dodro (A Coruña). Durante o ano 2004 desempeñou o cargo de secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ademais de diversos poemas na revista Dorna e da súa participación en volumes colectivos como IV Forxa Literaria de Piloño (Vila de Cruces) e antoloxías como Poetízate (Xerais 2006), publicou os libros de poemas As laranxas de Alí Baba (Letras de Cal, 1998), Far-west (Xerais, 2001) e Héleris (2003). Obtivo o premio Johan Carballeira por Cultivos transxénicos no ano 2008 e o premio de poesía Vitoriano Taibo con Makinaria (Xerais 2009).

Recomendado

Ademais de recomendar Makinaria de Carlos Negro, aconsellamos tamén a lectura de Poetízate de Fran Alonso, outra obra para iniciar e fomentar a poesía entre os mozos. De Fóra de Xogo Días de desterro, de Xavier López Rodríguez; Alfagann é Flanagan, de Andreu Martín e Jaume Ribera ou ¿Sobrevives?, de Fina Casalderrey, aínda que calquera título desta colección de Xerais é apropiado para mozos a partir dos 14 anos.

Texto publicado en Galicia hoxe o 14 de xullo de 2010.

«O pracer de aprender» (Xerais 1992)

Libros_texto_Primaria,Lingua,Vídeos

«O pracer de aprender». Materiais educativos de Xerais (1992) from Manuel Bragado on Vimeo.

Recuperamos o vídeo promocional que Xerais utilizou de forma pioneira na promoción de «Labia», os materiais curriculares de Educación Primaria publicados con motivo da primeira reforma curricular da ESO. Como aqueloutro anuncio alboral do Diccionario Xerais de Lingua, hoxe poderiamos denominar a esta presentación «book-trailer». Quedan aí para a valoración da súa plena vixencia e para contribuír a unha historia da edición en Galicia e en galego, aínda por escribir.

«Dicionario de Arte»

13 Xullo 2010

Arte,Dicionarios,Noticias

Dicionario de Arte é unha obra de consulta, preparada polos profesores Emilio de Gregorio e Armando Sendín, coa intención de proporcionar en galego unha explicación clara e breve, contextualizada e global dos termos claves da arte e da súa historia.

Máis alá dun sinxelo glosario de termos artísticos, este primeiro dicionario en galego de arte inclúe termos referidos a conceptos artísticos fundamentais (arte, imaxe, composición, símbolo, representación ou estética); a períodos, etapas, movementos, estilos, caractertísticas, manifestacións etc. (arte precolombina, barroco, castrexa, vangardas); a diversas formulacións das representacións visuais (arquitectura, pintura, escultura, fotografía, cinema, televisión, cerámica, gravado, instalación, etc.); a xéneros, temas e motivos porpios das obras de arte (icona, nu, Virxe, atributos, etc.); ás formais, referidas á natureza e configuración dos diferentes elementos que as compoñen, partícipes do produto visual ou da obra de arte, sexan recursos, técnicas, materiais, ferramentas (soportes, arco, equilibrio, cor, luz, textura, etc.).

Ademais das definicións, este Dicionario de Arte inclúe case un centenar de láminas e varios centos de imaxes que o converten nunha ferramenta de consulta indispensable, sinxela e de grande calidade, para o alumnado de ensino non universitario, complemento do traballo docente e de axuda para o profano interesado nas artes visuais.

«Anthology of Galician Literature» de Jonathan Dunne por Xulio Valcárcel

12 Xullo 2010

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

ESCRITORES ALEMÁNS E GALEGOS

Sábese da verdadeira dimensión dunha obra cando viaxa e se somete a criterios externos e imparciais, alleos a influencias afectivas e a oportunismos coxunturais.

Proxectada en doble dimensión: unha particular, dentro das propias lindes; outra universal, trasladada a outras linguas. A literatura galega padeceu sometemento e incomprensión, de aí ese complexo de inferioridade que ás veces a atenaza, minoritaria e minorizada, descoñecida e pouco valorada. Porén, esa concepción paternalista ou indulxente, é equivocada: en verdade o que importan son os textos, independentemente do idioma no que estean escritos. Hoxe non temos dúbida dos valores que moitos dos nosos autores representan, e non deixa de ser sorprendente que ese descubrimento e esa estima viñesen, en non poucas ocasións de fóra, por parte de estudosos que os ponderaron e acolleron, cando na propia terra eran ignorados.

Aí está o caso senlleiro de Emilio Coco, en Italia; de Helena Zernova en Rusia; ou de Jonathan Dunnne que remata de publicar Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais, Editorial Galaxia), unha selección que vai de 1196 a 1981, isto é, desde as orixes na Idade Media, coa célebre cantiga de Mendiño, que abre o libro, até o advenimento da actual Autonomía, pechando o volume Méndez Ferrín, como “o máis famoso escritor galego da súa xeración na actualidade”.

O traballo de Dunne, que traduciu tamén a Manuel Rivas ao inglés e ven prestando atención continuada á nosa literatura, pretende divulgar a creación literaria en lingua galega por universidades, lectorados, centros de estudos e feiras internacionais, nunha dimensión académica que tampouco exclúe a comercial.

A achega de Jonathan Dunne non é aillada. O pasado día 1, en Kiel, Alemania, no curso dun congreso sobre Torrente Ballester e outros escritores (Álvaro Cunqueiro, Domingo Villar, Manuel Rivas, Inma López Silva…) nacidos en Galicia, o Centro de Estudos Galegos daquela Universidade, capitaneado polo profesor Javier Gómez Montero, presentou dous novos libros: unha antoloxía de poesía galega en edición bilingüe, “Ein Rosenfeuer, das uns verstort: 4 ditcher aus galicien/ 4 poetas galegos” (Miguel A. Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Rivas e este cronista que o conta), e unha selección de textos sobre temas xacobeos “Alá no Noroeste… Unha cartografia literaria do Camiño en León”, no que se recolle un espazo imaxinario e simbólico, con relatos píos e menos píos, farsas chocalleiras e milagres de varia pelaxe.

Citamos a Gómez Montero como impulsor destas publicacións pero non podemos esquecer o outro artífice, o profesor Luciano Rodríguez, co mesmo grao de autoría e responsabilidade. Tanto Gómez Montero como Luciano Rodríguez alentaron en todo momento a publicación dos volumes; o primeiro leva por título un verso de Avilés de Taramancos referido a Rosalía de Castro, “Un incendio de rosas que nos perturba”, e foi realizado polo Taller de Tradución Literaria da Universidade de Kiel, baixo a dirección de Victor Andrés Ferretti, Frank Nagel e Petra Strien-Bourmer. No que respecta a “Alá no noroeste…” é unha escolma de textos poéticos e narrativos, relatos de viaxe que mesturan a ficción e a vivencia persoal, publicado o ano pasado en español e que agora sae en galego e alemán sob a batuta de Luciano Rodríguez. Non quixeramos pechar estas liñas sen referirmos outro proxecto en marcha e pronto a saír, unha selección de textos literarios, documentais e históricos que pretende achegar a nosa realidade ao mundo anglosaxón. Encárgase da tarefa o profesor Antonio Raúl de Toro.

Texto de Xulio Valcárcel publicado na páxina literaria de El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol o domingo 11 de xullo de 2010. O texto en pdf pode lerse aquí.

«Anthology of Galician Literature« de Jonathan Dunne por Sandra Faginas

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

OITOCENTOS ANOS DE LITERATURA GALEGA TRADUCIDOS AO INGLÉS

Se abrir un libro é un precipicio de intensidade, abrir unha antoloxía é somerxerse nunha irrefreable desembocadura de voces, títulos, gustos, matices e impresións. Así que coordinar todo ese traballo é un tempo vital que pode medirse en anos, como vén de subliñar Jonathan Dunne, autor de Anthology of Galician Literature (1196-1981), quen desde o ano 1997 teimou neste faraónico proxecto que vén de saír do prelo. Abrir esta antoloxía é ademais abrir Galicia ao mundo, e en especial ao mundo anglosaxón, obxectivo que conseguiu con este volume Dunne, tradutor e responsable entre outras moitas tarefas de que Manuel Rivas sexa coñecido internacionalmente a través da  súa tradución ao inglés.

A relevancia desta obra é tal que as dúas grandes editoriais galegas, Xerais e Galaxia, puxéronse de acordo para afortalar conxuntamente este fito de esparexer a nosa literatura alí onde non chega o noso idioma. Elaborar esta antoloxía, como explica o seu autor no prólogo, foi unha tarefa de coordinación entre escritores, tradutores, antólogos… quen aloumiñaron unha escolma que abrangue os grandes xéneros, os grandes autores, e os grandes textos, pois seis deles son anónimos. Desde eses primeiros balbucidos escritos do idioma, en 1196, ata 1981, ano da fi rma do Estatuto de Autonomía, a antoloxía ofrece un repaso, xa non polo mellor, senón polo imprescindible das letras galegas nunha excelente e coidadísima edición, que permite ler simultaneamente (páxina en galego, páxina en inglés) este percorrido literario.

As cantigas, os romances, coplas e refráns, Rosalía, Curros, Pondal, Cabanillas, Castelao, Dieste, Fole, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández de la Vega, Ferrín ou Lorca, cos seus poemas galegos, entre outros, conforman este primeiro volume do que xa se pretende unha continuidade para ofrecer a autores contemporáneos. Un labor que só se compensa co pracer de lelo en calquera dos dous idiomas: «Farewell, rivers and springs [Adiós ríos, adiós fontes]». Sandra Faginas

Texto de Sandra Faginas publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 10 de xullo de 2010. Pode lerse en pdf aquí.

«A Intervención» de Teresa Moure recomendada por Xosé Carlos Caneiro

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

ALÉGRAME moito a lectura de A Intervención, a nova novela de Teresa Moure. E digo que me alegra porque a autora, pola que sinto declarada predilección, volve a facer literatura de rigor artístico. Velaquí unha novela que entronca co mellor que ten escrito esta intelectual de orixinalísima voz e constante alento artístico. Audaz na forma, empregando o tópico do diario (dos diarios) dende unha perspectiva locuaz e trenzando un argumento inaudito na nosa historia narrativa. Trátase dun grupo artístico que pretende «intervir» sobre a natureza e sensibilizar á cidadanía, tan allea aos designios da beleza e o natural (O natural é político é un brillante ensaio do que é autora Teresa Moure e que resultará imprescindible para entender a evolución do pensamento galego nos inicios do século XXI). Semella un alegato ideolóxico, pero velaquí a grandeza e pericia da autora para desviar o argumentario doutrinal (algo que non soubo facer en Benquerida catástrofe, verbigracia) e atraer ao lector a unha trama que posúe todos os ingredientes da literatura maiúscula que a día de hoxe, mellor ca ninguén, sabe edifi car esta narradora madura e insólita na nosa historia literaria. Reconciliarme coa literatura de Moure retrotráeme unha vez máis a Herba moura, non para reivindicala, como fi xen en numerosas ocasións, senón para certifi car que o paso do tempo non resta  un ápice de rigor literario a esa obra mestra de Nós e da nosa lingua literaria. Xosé Carlos Caneiro

Fragmento do texto de Xosé Carlos Caneiro titulado «Unión» publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 10 de xullo de 2010. O texto en pdf pode lerse aquí.

Ánxel Vázquez de la Cruz, entrevista en «Atlántico»

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Ánxel Vázquez de la Cruz, autor de Luz de Tebra é entrevistado por Atlántico. Tal como se sinala na entrevista, este seu primeiro libro de relatos será presentado o día 3 de agosto na Feira do Libro da Coruña (nun acto no que estará acompñado polo doutor Manuel Salorio e o escritor Manuel Rivas) e, máis tarde, nos meses de setembro e outubro, nas cidades de Tui, Vigo e Compostela. O texto da entrevista en Atlántico pode lerse en pdf aquí.

Manuel Portas: «Ninguén contara o drama de Arousa dende dentro»

Autores,Entrevistas,Narrativa,Xerais_nos_medios

César Lorenzo entrevista no semanario A Nosa Terra a Manuel Portas con motivo da publicación da súa primeira novela Denso recendo a salgado. Recomendamos a lectura dunha entrevista que se pode ler completa na edición en papel do semanario (pdf aquí).

Marcos Calveiro e Ramón Trigo na Feira do Libro de Vigo

9 Xullo 2010

Fóra de Xogo,Premios,Presentacións,Vídeos

Marcos Calveiro e Ramón Trigo. Feira do Libro de Vigo. 7 de xullo de 2010. from Manuel Bragado on Vimeo.

«Feministas galegas», presentación en Cangas

Crónica,Noticias,Presentacións

O sábado, 10 de xullo, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal de Cangas e dentro da programación das VII Xornadas da Muller, terá lugar a presentación do libro de Mónica Bar Cendón Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha. No acto acompañará á autora o editor Manuel Bragado.

«En castellano no hay problema» presentación en Ferrol

Crónica,Lingua,Noticias,Presentacións

O vindeiro mércores, 14 de xullo, ás 20:00 nas instalacións da Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), terá lugar a presentación do libro de Carlos Callón En castellano no hay problema. Acompañarán ao autor, Carlos Outeiro, Francisco Rodríguez, e Manuel Bragado.

Xerais na Feira do Libro da Coruña

8 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Crónica,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións

Xerais xa ten pechado o programa dos actos que realizará na Feira do Libro da Coruña, que terá lugar do 1 ao 10 de agosto no paseo dos xardíns de Méndez Núñez.

Día 2 luns
19:00 h.: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009,  Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra.
19:30 h.: Francisco Fernández Naval, Camilo Franco e o pintor Alfonso Costa, autores do libro Níxer, asinarán exemplares do Libro solidario promovido por Acción Contra a Fame.

Día 3 martes
19:00 h.: Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra.
20:00 h.: Presentación do libro Luz de Tebra de Ánxel Vázquez de la Cruz.  Intervirán: Manuel Rivas, Manuel Salorio, Manuel Bragado e o autor.
21:00 h.: Presentación do libro Settecento de Marcos Calveiro.  Intervirán Óscar Sánchez, Manuel Bragado e o autor.

Día 4 mércores
18:30 h.: Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19:00 h.: Presentación do libro Xenaro e a hucha do Indiano de Mar Guerra.  Intervirán Manuel Bragado e a autora.
20:00 h.: Presentación do libro Presenza galega en Cuba de Xosé Neira Vilas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

Día 5 xoves
19:00 h.: Manuel Rivas asinará exemplares de Todo ben e do resto da súa obra.

Día 6 venres
19:30 h.: Suso de Toro asinará exemplares de Sete palabras e do resto da súa obra.
20:00 h.: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Manuel Bragado e Vicente Araguas.

Día 7 sábado
19:30 h.: Presentación do libro de relatos O coitelo en novembro de Marilar Aleixandre.  Intervirán: Xavier Seoane, Manuel Bragado e a autora.

Día 9 luns
20:00 h.: Presentación da novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas. Intervirán: Manuel Bragado e o autor.

«Xuvia-Neda e os heroes» por Xosé Manuel Eyré

Críticas,Narrativa,Xerais nos blogs

Acabo de tomar contacto con eles. E o contacto resulta conmovedor, absolutamente CONMOVEDOR e INTELIXENTE. Son xentes humildes, auténticos heroes que manteñen unha grande humanidade en tempos socialmente miserentos, en tempos de inverno eles son a primavera que permite soñar.

Falo das personaxes de Xuvia-Neda e, no caderno da crítica estas son as primeiras notas que tomei. Xuvia-Neda está contada con amabilidade, coa bonhomía que presta o autor,  Vicente Araguas, ás personaxes e ao tempo, devolvendo así parte da débeda que xamais será de todo satisfeita. Xuvia-Neda é unha historia de amor ás xentes e ao lugar. As personaxes vanse xuntando, citadas na recordanza e na pluma de Vicente Araguas, un recanto da memoria onde ferven as cousas das xentes de bon corazón.

Si,con estas personaxes todo é máis sinxelo. E tamén o reto é máis grande porque sempre o medo de non lles facer xustiza.

Tamén dixen que era INTELIXENTE, o narrador non enxuíza o tempo e as súas miserias. Non cómpre, esa tarefa déixase nas mans do lector, é o seu privilexio e o seu deber.

Xuvia-Neda non é para lectores conformistas, é para lectores intelixentes e activos

Xuvia-Neda poder ser unha novela, unha novela fío, ou un libro de relatos enfiados. En todo caso é unha lectura tenra, intelixente e conmovedora.

Anotación de Xosé Manuel Eyré publicada no seu blog o 8 de xullo de 2010.

Carlos Callón entrevistado por «Vieiros»

Autores,Crónica,Entrevistas,Xerais_nos_medios

Carlos Callón é entrevistado por Vieiros a raíz da publicación de En castellano no hay problema. Recomendamos a lectura dun texto do que recollemoa apenas algúns fragmentos iniciais:

Cando se cumpren oito anos dende que asumise a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón (Ribeira, 1978) lamenta que a existencia desta organización siga a ser necesaria. Até Vieiros vén a presentarnos En castellano no hay problema, o seu último libro, no que compila artigos datados entre 1997 e a actualidade, publicados en diferentes medios de comunicación como A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal, El Correo Gallego ou o propio Vieiros. Logo de dous meses nas librarías, o libro xa ocupa o terceiro posto entre os máis vendidos na categoría de non ficción e chega a quenda dunha nosa entrevista: “Non chegades tarde, aínda falta por chamarme a TVG”, chancea Callón. No texto ofrécenos “retallos para construír a autodefensa da lingua” nun momento no que, alerta, poderiamos chegar até un “punto de non retorno” orquestrado polo Goberno e liderado por un “converso” como Anxo Lorenzo. Coa premisa clara de que a Política Lingüística debería aspirar a non facer falta, fai un chamado en positivo a actuar: non en van a nosa historia facémola nós.

Vieiros: En castellano no hay problema é ante todo un título provocador. Como xorde?
O título final, que é retranqueiro, sae dunha votación no meu blog e vese que a xente optou polo máis irónico. É un encabezamento que funciona coa capa, na que se ve unha imaxe do Pórtico da Gloria na que aparece un monstro turrándolle da lingua a un condenado: parece que é o monstro o que está dicindo iso de “En castellano no hay problema”. É un convite un pouco falso que nos leva á reflexión: non hai problema para vivir en castelán en Galiza e ademais ninguén defende que se creen obstáculos ou que se recorten dereitos individuais aos castelanfalantes. É que ás veces véndesenos iso: que os que participamos de organizacións como a Mesa somos seres diabólicos, como se quixésemos que os que falan castelán tivesen algún tipo de sanción, algo que nunca ninguén que defendese o galego propuxo. Para vivir en castelán en Galiza non hai problema, porén para vivir en galego, na lingua propia, si que o hai. Polo tanto reflexionemos todas e todos se esta situación pode continuar.

Este libro conta con esta dobre vertente: dunha banda a análise e doutra a reivindicación. Reparando no primeiro apartado, Cres que hai algún motivo para sermos optimistas?
Todos os estudos indican que a situación do galego é moi preocupante; mesmo xa o indicaban antes de que Alberto Núñez Feijoo fose nomeado presidente da Xunta. Realmente os estudos alertan de que o galego está a piques de entrar nun punto de non retorno. Eu creo que malia esa situación preocupante, sabemos que hai vimbios para facer o cesto da súa recuperación e da súa revitalización. Se ben esta situación crítica do galego é anterior ao actual Goberno, o PPdeG tende a acelerar esa caída: quere que ese case-punto de non retorno sexa un punto de non retorno real; que o galego sexa realmente unha lingua residual e, polo tanto, inútil en Galiza; unha sociedade que non estea cohesionada a través da súa lingua e da súa cultura, unha sociedade sen memoria histórica de seu. Eles atacan a lingua porque o que queren é que a sociedade galega, que Galiza, deixe de existir como tal.

Carlos Callón continúa as presentacións do seu libro, tamén durante este mes de xullo. As próximas citas serán as de Ferrol (na Libraría Sargadelos, o vindeiro 14 de xullo, onde estará acompñado por Francisco Rodríguez) e e as do Festigal (no serán do 24 de xullo).

«Antoloxía da Literatura Galega» por Miguel Anxo Fernán Vello

Antoloxía,Críticas,Xerais_nos_medios

Edicións Xerais e Galaxia uníronse para, coa colaboración da Consellería de Cultura, levar a cabo un proxecto ben fermoso, construtivo e necesario: dar a coñecer a mellor literatura galega fóra das nosas fronteiras. A idea deste proxecto –supoño eu– partiu de Jonathan Dunne, excelente tradutor e responsábel da recentemente editada Anthology of Galician Literature. (1196-1981), unha obra que, en edición bilingüe inglés-galego, presenta textos de 40 autores, dende Mendiño a Novoneyra, traducidos por 22 especialistas e escolmados por críticos literarios e profesores de dentro e fóra de Galicia. A literatura galega no seu conxunto, dende a época medieval até finais do século XX, constitúe, na miña opinión, unha das máis grandes achegas que o noso país lle fixo e lle fai ao mundo, utilizando para iso un idioma labrado na historia e no tempo; un auténtico tesouro de creación artística, en definitiva, que nos identifica e nos fai recoñecíbeis en todo o planeta. Na Antoloxía de Jonathan Dunne contémplanse 8 séculos de expresión literaria galega en todos os xéneros, incluídos o ensaio e o teatro, o que dá idea dese gran río literario que a nosa palabra foi quen de fixar século tras século, xeración tras xeración, aínda coa historia en contra e padecendo todo tipo de atrancos. Ao parecer, esta Anthology of Galician Literature –así o temos lido nalgunhas informacións de prensa– vai ser enviada a centros de estudos galegos, lusos e hispánicos, así como a axentes literarios e editoriais de todo o mundo. Perfecto. É un paso máis. O mellor da literatura galega, as súas obras e os seus autores máis senlleiros, debe ser visibilizado polo mundo adiante. A este paso deben seguir outros. Ben definidos e xestionados. Velaí o traballo, por exemplo, realizado polo profesor Javier Gómez-Montero na Universidade de Kiel, através do Taller de Traducción Literaria creado por el mesmo nesa universidade alemá. Acaban de editar un novo título: Ein rosenfeuer, das uns verstört. 4 dichter aus galicien. Que conste. Miguel Anxo Fernán Vello

Texto de Miguel Anxo Fernán Vello publicado en Galicia hoxe o 8 de xullo de 2010.

«Un veciño cheo de sorpresas», primeira entrega da colección «O Club da ciencia»

Críticas,Infantil,O Club da ciencia,Xerais_nos_medios

NO MUNDO DA CIENCIA

Con perspectivas amenas

Un veciño cheo de sorpresas constitúe unha das primeiras entregas dunha nova colección que, baixo o nome “O club da ciencia”, vén de tirar do prelo Edicións Xerais de Galicia e que resulta recomendada para o segundo e terceiro ciclos de Primaria  onde pretende introducir os nenos no mundo da Ciencia dende unha perspectiva amena para que perciban que os contidos científicos están presentes en todo o que nos rodea e que explican o funcionamento e a organización do cosmos.

Tres son os personaxes que nos invitan a disfrutar da lectura e que, entre teimas de rapaces, atracción polo descoñecido e curiosidade polas cousas, van entretecendo unha historia sinxela, ben contada, pero na que vemos reproducida algún que otro estereotipo que se afasta da realidade como o que se corresponde co aspecto do físico e e psicolóxico científico; persoa de idade co cabelo branco e de punta, que vive só, que se comporta dun xeito estraño, pero que posúe un gran corazón. Mais para descubrir a sabedoría e virtudes que agocha o señor Viramontañas están Martiño e Helena, dous compañeiros e veciños dun edificio situado na rúa da Liberdade onde vive o investigador e do que, tras unha incursión ilegal no seu ático, se fan amigos levados non só polo desexo de descubrir o misterio que rodea a súa vivenda, senón tamén pola intención de facerse amigos dalguén que consideran a priori fascinante.

O tópico volve cebarse na historia, porque á chegada ao ático de forma pouco normal lle segue unha intervención pouco menos que milagreira da nena e que espanta a un malo malísimo que se quere facer co piso do vello. A literatura chega despois á exposición máis ou menos científica da diferenza entre estrelas, planetas e satélites, explicación do que é unha galaxia, de que se compón o sistema solar, cales son os movementos da Terra, por que temos estacións ou cales son as fases da Lúa. Cuestións todas elas que dalgún modo buscan a participación do lector, porque entre os personaxes se establece un diálogo que é quen de implicar o receptor e demandar del que complemente o texto.

A este volume de Víctor Raga –o autor  é responsable doutros títulos que, igualmente, publica Xerais: Descenso ao Barranco do Demo, Sempre tes que  meter o nariz ou Un furacán chamado Otilia, que traduce para o galego Pablo Sánnchez Mato, séguenlles outros que teñen a diversidade de paisaxes da Terra, os sentidos, os animais ou as plantas como tema en torno ao cal xiran as aventuras e explicacións que viven Martiño, Helena e o señor Viramontañas. As ilustracións que acompañan o volume chegan, da súa parte, da man de Montse Español Rodié. María Navarro

Texto de maría Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura« de Faro de Vigo o 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece pode baixarse en pdf aquí.

«En castellano no hay problema», crítica de Marga Romero

Críticas,Crónica,Lingua,Xerais_nos_medios

RIGOR E LUCIDEZ

Contra os prexuízos do autoodio

Produto do combate cívico en defensa da normalización da lingua, a escrita volve exercer de transmisora de argumentos razoados contra os prexuízos do autoodio. Mostras de tal loita vén ser o volume que hoxe lles recomendo, asinado por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O título En castellano no hay problema é o nome escollido por votación no blog persoal do autor e reúne unha selección de artigos publicados en diferentes medios que abranguen as datas de setembro de 1997 a xaneiro de 2010. Entre ambas, ofrece o autor unha radiografía “descarnada mais non catastrofista”, unha crónica da situación lingüístistica de Galicia, da desacertada e negativa política lingüística e da contestación da cidadanía. Entre unha e outra data, reflexións das dúas últimas lexistalturas de Manuel Fraga, como a importancia de exhibicións de filmes en lingua galega ou sobre o abandono do galego polo Centro Dramático Galego, a necesidade de chegarmos a “Un Acordo Nacional sobre a Lingua” ou as cartas abertas a Emilio Pérez Touriño e a Francisco Vázquez, que nos refresacan a memoria da política lingüística exercida desde o PSOE; análises máis demoradas da época do bipartito dedícanselle ao galego no ensino, á edición, a falacia da imposición lingüística, á razón desde o Consello de Europa e á ignorancia de G. Steiner, tan ben concretizados en “Adiantos, continuísmos e algúns retrocesos. Repaso a uña de cabalo á política lingüística nesta lexislatura”.

Desde a razón e o rigor, con ironía, sen dramatismos, recóllense os mellores argumentos para desbotar a “demagoxia” e o “disparate” que caracterizan a lexislatura de Feijóo, argumentos para ir en contra do novo “decretazo” que atenta contra o Estatuto de Autonomía ou a Carta Europea das Linguas Rexionais, a demostración das dificultades do galego na xustiza ou na administración e achégase a análise real dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009) que se enfronta interpretación da “narcosociolingüística” (H. Monteagudo). As solucións son as legais e están no Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004. Unha aposta pola mellora cuantitativa e culitativa da lingua que nos descobre  a lúcidez de Carlos Callón. Marga Romero

Texto de Marga Romero publicado no suplmento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece publicado pode baixarse en pdf aquí.

«O grito do Ipiranga», crítica de Armando Requeixo

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

AVENTURAS TRANSOCEÁNICAS

Antídoto contra o aborrecemento

Luís García Mañá é autor dunha das triloxías histórico-detectivescas máis notable dos últimos tempos. Nucleadas arredor da sedutora figura do investigadore viaxeiro Nemesio Castro, as narracións O lume de Santo Antón, Menino morreu e agora O grito do Ipiranga constitúen unha mesma secuencia argumental partillada en tres entregas nas que o seu protagonista vai resolvendo casos que se desenvolven nun curto período de tempo (apenas unha ducia de anos) e que nos remiten aos mediados do século XIX.

As xeografías percorridas por Nemesio Castro na resolución dos problemáticos sucesos nos que é solicitado o concurso da súa persoa facíano xirar arredor do mítico Couto Mixto nas dúas primeiras entregas da serie. Nesta última, porén, serán Rio de Xaneiro, A Valeta, Barcelona e Lisboa os escenarios intercontinentais nos que os personaxes
da intriga se manexen.

Localizada no tempo das loitas independentistas brasileiras e da progresión do movemento antiabolicionista, O grito do Ipiranga (ese berro de “Independencia ou morte” proferido contra a metrópole portuguesa polo logo primeiro emperador do Brasil, Pedro I) é a un tempo unha trepidante novela de aventuras e un fresco histórico no que, a través dunha trama gurgullante de episodios e aconteceres, se nos proporciona un acaído retrato dese Brasil emerxente e poscolonial que daquela comezaba a agromar.

García Mañá confirma neste libro os seus dotes de narrador, recreando un tapiz aventureiro no que non hai lugar para os excursos e onde a vertixe dos feitos que se suceden é tal que en poucas páxinas pasamos dun país a outro e dunha subtrama a outra nova enlazando personaxes e accións nun cadoiro tan sorprendente coma emocionante.

Nesta novela importa o que se conta, a aventura que coprotagonizan Nemesio Castro e un seu paisano, Clemente da Silva, quen xa aparecían no primeiro libro da triloxía O lume de Santo Antón e que aquí van ver como se cruzan os seus destinos na resolución dunha investigación na que se xunguen o futuro dun Estado que bota a andar coa procura dun familiar desaparecido. Polo camiño aparecerán infinitude de feitos e peripecias que adobían esta historia de ritmo áxil, onde as digresións non existen e os acontecementos tiran uns doutros como nun sarillo de rabos de cereixa: adulterios, pugnas por intereses comerciais, románticas historias con mulleres do mundo do artisteo, enganos relixiosos, viaxes transoceánicas de encontros inesperados e toda unha restra de situacións das que participan dende os máis altos dignatarios ata os máis humildes operarios e aínda certos personaxes marxinais.

Intensa, directa e vigorosa, O grito do Ipiranga é unha grande nora a xirar repleta de personaxes, aventuras e sorpresas que atrapan o lector coa eficacia dunha prosa luída e certeira, que transmite a lategazos de electricidade frasal, definitivamente esquecida de abafantes paragrafeos alambicados. Unha historia amena e entretida, perfecto antídoto contra o aborrecemento e de lectura máis que recomendable. Armando Requeixo

Texto de Armando Requeixo publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o xoves 8 de xullo de 2010. A páxina completa onde aparece publicado o texto pode baixarse en pdf aquí.

«Settecento» de Marcos Calveiro, crítica de Montse Pena Presas

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

INVENTAR VENECIA

Unha voz consolidada

Sinalar que Marcos Calveiro é un magnífico creador e recreador de ambientes é, quizais, dicir xa pouco na pretensión de resumir a súa traxectoria. Dende o arrecendo a salgado, enchido de maxín, de Sari, soñador de mares (2005), pasando polo maquinismo dezanovesco de Rinocerontes e quimeras (2007), pola cidade en guerra d’O carteiro de Bagdad (2007), sen esquecer a misteriosa Compostela do S. XVII en Festina Lente (2008), as súas novelas son unha fiestra aberta a unha realidade a miúdo afastada e pretérita. A xeito de pintura paisaxística en movemento, a escrita de Calveiro é unha máquina do tempo que nos leva, desta volta con Settecento, a percorrer as rúas da Venecia do S. XVIII da man do mestre Antonio Vivaldi. Ao seu carón, tres personaxes principais con forza de seu protagonizan un triángulo amoroso de mocidade: Aldo, un inocente mozo campesiño, aprendiz de luthier e protexido de Vivaldi; Caterina, alumna aventaxada e intelixente do mestre da música, marcada polo seu destino prefixado de muller da época; e Giacometto Casanova, o mítico conquistador –que o creador presenta aquí nunha das súas primeiras aventuras. O desexo por fuxir dunha cidade que se convertera en cárcere para ela propicia a traizón de Caterina aos seus amigos, de terribles consecuencias. Así comeza o nó da historia, que logo seguirá a pegada destes caracteres –con decadencia do mago do violino incluída– por diferentes lugares e tempos. Viaxaremos a Compostela, a París e a Viena, nun fío narrativo con analepses e prolepses que consegue o que procura: manter en cada páxina a intriga lectora. O multiperspectivismo achega aínda máis dinamismo á acción, ao erixirse sobre elementos coma unha voz narrativa obxectivista (que deixa paso a uns fantásticos diálogos) ou a cesión da visión a Leo (o león de San Marcos, símbolo da cidade), cuxos pensam e n t os –de observador aventaxado – coñecemos a través do uso do estilo indirecto libre.

Calveiro manexa un material narrativo inxente para unha novela media –refírome ao tamaño, que non á calidade– como é Setteccento. Non se trata de desvelar algunhas das claves desta narración, mais por momentos a lectora demanda máis páxinas. Hai intrigas que quedan por resolver e que son abondo intrigantes para ser reconstruídas só polo maxín do receptor. Déixolles tan só dúas, por se len a novela: Por que remata Aldo en Compostela? Como chegan a el o guecho de Caterina e a composición inacabada de Vivaldi? Estes flocos soltos non impiden gozar dunha novela magnífica, que tira da lectura de comezo a fin e que confirma, unha vez máis, a Marcos Calveiro como a voz nova máis consolidada da literatura galega. Xoguemos con el a inventar Venecia. Montse Pena Presas

Texto de Montse Pena Presas publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo o 24 xe ñu de 2010. A páxina completa onde aparece publicado pode baixarse en pdf aquí.

«”Xuvia-Neda”: regresar ao espazo mítico»

7 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

VICENTE ARAGUAS «COMPRIME A EXPRESIÓN» NO SEU LIBRO DE RELATOS «XUVIA-NEDA», QUE VOLVE HOMENAXEAR OA LUGAR NATAL

O neno Fandiño, que prefire escoitar historias de amor que facer caligrafía. “Filósofos de rueiro” como Lourenzo, o indiano que simpatizaba coa República porque en Cuba aprendera que ninguén é máis ca ninguén.

Unha casa que chora cando soan cancións tristes. Unha ponte de pedra que foi de madeira e linda con dous concellos. Son algúns dos personaxes e espazos que protagonizan o libro de relatos de Vicente Araguas Xuvia-Neda, (Xerais), que o autor presentou onte en Vigo.

Xuvia-Neda é o seu lugar de nacemento. “O meu territorio natural, e espazo mítico e literario”, -subliña-, presente xa nos seus poemarios Xuvia (1984) e Xuvia revisitada, (2008), e tamén en certo modo na novela A canción do verán (2001). “Son moi namoradizo das cidades”, explica. Ademais, desde que foi nomeado Fillo Predilecto de Neda “sentín que lle debía este libro”.

Á súa paixón polos lugares quédalle moito por espremer, ademais. Aínda que “non hai que abusar. Non quero ser manierista”, asegura. En Xuvia-Neda “comprimo a expresión. Se a novela é unha sinfonía, o conto é unha canción. É outro mundo, no que me sentín moi cómodo. Sempre me gustou o conto, do que agora parece que hai un renacer. As miñas colaboracións diarias no Diario de Ferrol axudáronme a adelgazar a expresión, facer economía expresiva. Son case un conto. Falo de min, do meu arredor…”, apunta.

O nobelo da memoria tece os relatos de Xuvia-Neda, cos seus saltos temporais: a infancia, -o neno Fandiño, “que xa aparece noutras novelas miñas, e dalgunha maneira son eu”-, a adolescencia, a etapa pretérita -a guerra civil e a posguerra, coa represión e a resistencia-, os anos 50 e 60, a ditadura esmorecente nos 70, a actualidade.

“Son un traballador da memoria, si. Este é un libro realista, que tamén ten algo de realismo máxico”, -a casa que chora, a Pirucha que defeca subida a unha árbore…-. Realidade e ficción constrúen unha atmosfera evocadora, que mesmo provoca no lector a arela de coñecer, sentir os espazos míticos dos que se fala, ou que deles queda. A pegada cinematográfica, como a musical, é intensa: o ritmo, a forza do sensorial…

O autor deféndese -sen que lle mencionen o tema- das acusacións de localismo, lembrando, por exemplo, Dubliners de James Joyce. E poboa a paisaxe emocional que recrea con personaxes tocados pola perda: do amor, da xuventude…

“Personaxes que estaban aí, que existían. Daquela” -na posguerra- “había, por exemplo, moitos pobres de pedir”, subliña Araguas. Xentes que falan en primeira persoa -hai algúns monólogos-, ou das que fala ou ás que se dirixe un narrador.

Como o vagabundo Henrique Badiola, o sempre famento Pedro Pelotas, o doente Marcelino, a resignada e ofendida Soidade, o rexeitado Cholo Carreiro, o celoso home de Carmucha de Riola, a parella de amantes que decide marchar malia os remorsos dela… O estilo é áxil, -os relatos son bastante curtos- e a linguaxe está coidada.

Narrador, poeta, tradutor e crítico

Vicente Araguas é narrador, poeta, tradutor e crítico literario. Decatouse cando vivía en Escocia de que “a poesía (facela, digo) era cousa grande, o meu amor, e por iso o meu primeiro libro foi Paisaxes de Glasgow (Vigo, 1978)”, asegura na súa biografía na Biblioteca Virtual Galega.

A súa poesía pode coñecerse ben a través das antoloxías Billarda ou Maneiras de querer.

Publicou tamén novelas como Agora xa foi (2000), e contou a historia do grupo Voces Ceibes, do que foi cofundador, en Voces Ceibes (1991) O que non contei en Voces Ceibes. É colaborador de xornais como El Correo Gallego.

Texto de Montse Dopico publicado en Galicia hoxe o 7 de xullo de 2010.

«Xuvia-Neda», presentación o venres en Neda

Narrativa,Noticias,Presentacións

O vindeiro venres, 9 de xullo, ás 20,00 horas na Casa das Palmeiras, Avda. de Algeciras en Neda Vicente Araguas presentará o seu libro de relatos Xuvia-Neda. Acompañará ao autor o escritor e profesor Eduardo Fra Molinero.

Xerais na Feira do Libro de Cangas

Antoloxía,Autores,Crónica,Fóra de Xogo,Noticias,Presentacións,Xuvenil

Xerais organiza os seguintes actos na Feira do Libro de Cangas do Morrazo que terá lugar na Alameda de Soage do 21 ao 25 de xullo:

Día 21 mércores, 20:30 horas:
Pregón a cargo de Suso de Toro.

Día 22 xoves, 19:00 horas:
Elena Gallego asinará exemplares do seu libro Dragal. A herdanza do dragón.

Día 23 venres, ás 19:30 horas:
Presentación da segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Intervirán Manuel Bragado e o autor.

Teresa Moure e os autores de «Níxer» na Feira do Libro de Vigo

Crónica,Narrativa,Noticias,Presentacións

Mañá, xoves, 8 de xullo ás 19:30 h na Feira do Libro de Vigo presentarase Níxer, libro solidario promoivodo por Acción contra a Fame e editado por Xerais. No acto intervirán dous dos coautores, Camilo Franco e Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos, rsponsable en Galicia de Acción contr a Fame e o editor Fran Alonso.

O venres, 9 de xullo, tamén ás 19:30 horas, presentarase a novela de Teresa Moure A Intervención. No acto, no que se proxectará unha intervención audiovisual, acompañará á autora o editor Manuel Bragado.

«Baixo a sombra das pedras flotantes» (trailer)

6 Xullo 2010

2011,Narrativa,Novela gráfica,Vídeos


Fendas no muro.

Cid Cabido, pregón na Feira do Libro de Vigo

Autores,Feiras_do_libro,Vídeos,Xerais

Cid Cabido, pregón Feira do Libro de Vigo, 2 de xullo de 2010 from Manuel Bragado on Vimeo.

«O pintor do sombreiro de malvas», presentación o mércores 7, ás 20:30 na Feira do Libro de Vigo

5 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Merlín,Noticias,Premios,Presentacións,Xuvenil

Os organizadores da Feira do Libro de Vigo acaban de facernos chegar a noticia de que finalmente será posible realizar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o mércores 7, ás 20:30 horas, xa que o concello de Vigo decidiu realizar a proxección do partido do campionato mundial de fútbol nun espazo do Castro. Xerais agradece as xestións realizadas polos organizadores da Feira do Libro, ao tempo qe saúda a rectificación do concello de Vigo, a promoción da lectura e o fomento do deporte e do lecer, nunca foron incompatibles.

No acto de presentación do mércores d’ O pintor do sombreiro de malvas, novela gañadora do Premio Lazarillo 2009, acompañarán a Marcos Calveiro o editor Manuel Bragado e o ilustrador Ramón Trigo que agasallará a todos os asistentes cun debuxo. Na mesma xornada, a partir das 19:00 horas, María Reimóndez asinará exemplares do seu libro máis recente, O monstro das palabras, e do resto da súa obra.

«O pintor de sombreiro de malvas» de Marcos Calveiro

Fóra de Xogo,Opinións_lectores/as,Premios,Xerais nos blogs,Xuvenil

Unha moi interesante opción esta lectura de Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas é, creo, toda unha homenaxe á arte, á pintura, e a un dos grandes, Van Gogh. Claro que a novela ofrece máis, para interesar ao lector, e máis se este é un lector adolescente. A novela ofrece amor, dúbidas, amizade, espertares, paisaxes, humanidade. É fácil pasear detrás de Vicent, admirar Auvers, sentir a beleza da natureza da man da prosa pura de Calveiro. Polas súas páxinas sentimos o decorrer dos días, o espertar da natureza, o resentimento, o medo, a desazón da dúbida, pero tamén contemplamos as árbores, a vía do tren… e comemos chocolate coma se fose a primeira vez que o gorentamos.

E mentres todo isto sucede e as páxinas avanzan, a dor dun home que sente que o mundo que o rodea é demasiado grande, ou demasiado pequeno, ou tal vez, simplemente, é el o que non entende ese mundo que lle tocou vivir. Porque é difícil ser diferente, porque a soidade avanza e resinte, porque nada pode facer a amizade cando hai demasiada dor.

Un detalle precioso: as ilustracións. Xa sabedes que devezo por elas. Ramón Trigo fai un magnífico traballo neste libro recreando as pinturas orixinais para acompañar de cando en vez esta prosa maxestuosa que está a arrasar na nosa Literatura. Unha prosa que non ofrece concesións ao descoido, cun vocabulario realmente escolleito que nos lembra con cada libro a riqueza do noso léxico.

Unha gran opción para o noso alumnado, un novo xeito de achegalo á riqueza pictórica e unha lectura que seguro lles gustará. A eles e a calquera adulto, porque o mellor deste autor é que non define idades, como eu coido que sucede realmente. Trafegando ronseis

Anotación publicada no blog Trafegando ronseis o 3 de xullo de 2010.

Feira do Libro de Vigo, programa definitivo de actos para esta semana

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Presentacións,Xuvenil

A inoportuna coincidencia na Praza de Compostela da celebración da Feira do Libro de Vigo e da proxección dos partidos do campionanto mundial de fútbol, obriga a editorial a cancelar a presentación da novela de Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, prevista para o vindeiro mércores. Agardando que non se produzan novas continxencias, o programa defnitivo de actos organizados por Xerais deica remate da Feira será o seguinte:

Día 5, luns, ás 19:00 horas: Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de Inverno , Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta , Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 e o resto da súa obra.

Día 5, luns, ás 19:30 horas:
Presentación da novela Dragal de Elena Gallego. Acompaña á autora o editor Manuel Bragado.

Día 6, martes, ás 19:30 horas:
Presentación do libro de relatos Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Acompaña ao autor o editor Manuel Bragado.

Día 7, mércores, ás 19:00 horas: María Reimóndez asinará exemplares do seu libro O monstro das palabras e do resto da súa obra.

Día 8, xoves, ás 19:30 horas:
Presentación do libro Níxer promovido por Acción contra a Fame e Cultura Sociedade Galega. Interveñen tres dos seus autores, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval e Alfonso Costa, acompañados de Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e do editor Fran Alonso.

Día 9, venres, ás 19:30 horas:
Presentación da novela A Intervención de Teresa Moure. Acompañará á autora o editor Manuel Bragado. No acto proxectarase unha vídeointervención creada por Teresa Moure.

«Denso recendo a salgado» de Manuel Portas

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

UNHA VOZ SÓLIDA
MANUEL PORTAS REALIZA A SÚA PRIMEIRA INCURSIÓN NARRATIVA CUNHA NOVELA DE XINEA CINEMATOGRÁFICA E PERSPECTIVA XERACIONAL

Manuel Portas era coñecido, ata o de agora, alén do seu labor docente e da súa actividade política desenvolta no concello de Santiago de Compostela, por ser o autor dun manual de sociolingüística convertido, por dereito propio, nun volume de inexcusable referencia durante a práctica totalidade dos anos noventa no ámbito do ensino da lingua galega. Hoxe, porén, cómpre falar da súa primeira novela, publicada hai poucas datas, que se converte na súa afortunada carta de presentación nos eidos na nosa narrativa.

En Denso recendo a salgado, así pois, asístese a través de máis de corenta fragmentos narrativos e ao longo dun semana de tempo real, non só a unha historia que ten como pano de fondo, entre outros elementos, o do mundo do narcotráfico e o da cidade de Compostela, senón ao devalar dun conxunto de microhistorias que arraigan nun ben sustentado universo de amizades e inimizades, tecidas e destecidas desde as primeiras páxinas nas que se relata, a xeito de thriller trepidante, a fuxida dunha patrulleira de vilixancia marítima e que, por certo, amosa un trazo que poucas veces se desatende nesta proposta como é o do ritmo intenso que caracteriza os máis dos fragmentos narrativos.

Facendo uso dunha técnica que asume como nuclear a multiplicidade de perspectivas, o que lle outorga verosimilitude pois non todo é unidireccional nin branco ou negro, e adoptando unha singular forma de diario novelado, un feixe de protagonistas, relacionados entre si tanto por manteren no pasado unha relación de amizade coma por seren compañeiros de estudos ao longo da adolescencia, retrátanse de xeito realista para posibilitar que se vaian desvelando as angueiras, frustracións, esperanzas ou atrancos que dominan as súas vidas.
Os personaxes, que son esenciais nesta novela, constrúense e preséntanse con bastante solvencia e identifícanse por eles mesmos, sen que haxa, a meu entender, lugar para o engano ou o equívoco. Ao tempo, ollados globalmente,  cando as súas vidas se van cruzando unhas coas outras, cando as perspectivas individuais se van esvaendo ou fundindo entre si, estes van adquirindo un protagonismo conxunto e é aí cando a novela asume un posicionamento, se se quere, xeracional, achegándose talvez ao que se podería denominar, con certa heterodoxia, unha novela de aprendizaxe, mais neste caso grupal e non individual. A novela, así pois, gaña nesa dimensión de testemuño xeracional, coma se se tratase dun espello que proxecta a evolución duns personaxes de carne e óso, talvez doutra xeración perdida –cales non o son nos últimos tempos?-, que se entenden e perciben como reais e auténticos, seres do común que alentan nun mundo tanxible coas súas contradicións, coas súas propias redes de afectos e desafectos…, mais tamén, como se dixo, onde asoma o deseño da realidade do narcotráfico: unha documentada visión crítica, abofé, realizada sen moralismos e que desemboca nun espazo no que tanto un xornalista como un policía especializado intentan revelar o fondo dunha trama na que non falan mortes nin tampouco esgazamentos persoais.

Por último, cómpre non esquecer o consciente peso do cinematográfico que repousa esta proposta, tanto na estrutura fragmentaria que presenta como na adopción de determinadas estratexias narrativas ou na propia presentación dos personaxes. A meu entender, por todo isto, velaquí unha notable proposta.

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplmento «Culturas» de La Voz de Galicia o sábado 3 de xullo de 2010.

Teresa González Costa, entevista en «Galicia hoxe»

Autores,Entrevistas,Merlín,Premios_Xerais,Teatro,Xerais_nos_medios

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Teresa González Costa, gañadora do Premio Merlín 2010 pola novela A filla do ladrón de bicicletas, dentro da súa serie de «Conversas contemporáneas« que publica cada luns Galicia hoxe.

«Aparece a palabra celta e nace a confusión» por Xavier Castro

3 Xullo 2010

Críticas,Ensaio,Historia,Lingua,Xerais_nos_medios

O primeiro dato escrito arredor do que se denomina o universo celta atopámolo nas Historias de Herodoto (autor do século V a. C. iniciador da historia, a xeografía e a etnografía) cando afirma que o río Istros (Danubio) nace na Céltica, no país dos celtas, preto da cidade de Pyrene e ao oeste dos celtas unicamente vivían os cynesios, é dicir, os homes cans. Desde aí, e deica os nosos días, un dioivo de especialistas, investigadores, estudosos, historiadores… veñen intentando botar luz arredor dun fenómeno tan atractivo como versátil. Recentemente, o profesor Francisco Calo Lourido publicou este completo, didáctico e rigoroso traballo de investigación (Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia en edición de Xerais) que arela ser un percorrido ben fundamentado (e crítico cando corresponde) sobre o desenvolvemento e historia da investigación do celtismo feita en tempos e lugares diversos. Á vista do exposto polo autor, resulta claro que cadaquén escribe como quere sobre os celtas e, mentres o exposto teña un certo sentido, pasa a formar parte do circuíto investigador. Hai quen defende unha celticidade por toda a Europa que sería sinónimo de cultura, pobo ou gran pobo e outros que manteñen que o termo celta non é máis que unha cuestión exclusivamente de lingua. Segundo o historiador Calo Lourido a situación ensaríllase, os posicionamentos son diverxentes, as teorías multitude e a realidade do celtismo complexa. A explicación non pode ser máis sinxela e a plasmación do que acontece resúmese nas seguintes palabras: “seguimos vendo que cadaquén di o que quere. Para uns, celta é cultura, para outros, etnia, para outros lingua, para outros arte, para outros etnia non é cultura, para outros celta é etnia, pero non cultura e para outros é todo. Así non nos entenderemos nunca. Resultaba máis claro, menos complexo, cando celta se empregaba ao vello estilo centroeuropeo, como sinónimo de La Tène e máis nada”. Os lectores teñen diante súa un estudo ben documentado, doado na lectura e interpretación do feito céltico e que, de seguro, descubrirá novas perspectivas dun fenómeno que nos resulta tan próximo. Xavier Castro

Texto de Xavier Castro publicado en Galicia hoxe o 3 de xullo de 2010.

«A prosa de Fernández Naval soa a poesía» por José Manuel Estévez-Saá

2 Xullo 2010

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

Cando se di dun escritor que a súa narrativa soa como a poesía está a darse a entender, desde un punto de vista metafórico, que a súa produción literaria reúne unha serie de características que a fan atractiva ao lector, como a precisión na linguaxe, a sonoridade da mesma, a mestría na caracterización dos personaxes ou a brillantez á hora de construír as situacións dramáticas. Todos estes trazos distintivos definen a esencia de Para seguir bailando, unha colección de dez marabillosos relatos escritos por Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956). Isto non nos sorprende, especialmente tendo en conta que este creador, ademais de narrador, é tamén un reputado poeta. Quizá sexa por iso que a pericia e sensibilidade coa que elabora as súas composicións poéticas necesariamente terminen afectando asemade á súa prosa. A través dos relatos que compoñen o libro, Fernández Naval convídanos a percorrer o noso pasado recente. Son historias cotiás, as nosas historias de alegrías e penas, de amizade e soidade. Todas elas se engarzan en espazos comúns, puntos xeográficos de todos coñecidos, e que son testemuñas tamén do transcorrer dun tempo que, como a nós, aféctalles e os transforma. Son historias tamén reais, e por iso cóidase o autor de non falar en abstracto senón de dar nome e significado a cada un dos personaxes que o habitan, facendo que nos resulten máis familiares.

O mesmo sucede cos espazos. Se, por exemplo, o relato sitúase en Ourense, zonas como As Lagoas, as beiras do Miño, Oira, A Rabaza, A Ponte ou A Peroxa fanse ouvir. Tamén hai espazo no libro para a reflexión sobre ética ou relixión; e Aristóteles, Wittgenstein, Bertrand Russell, Shopenhauer ou Santo Tomás de Aquino déixanse acompañar polo son de fondo dun Mesías de Haendel ou unhas cantatas de Bach. Pero o libro representa, sobre todo, unha mirada ao ser humano en toda a súa esencia. Quizá por iso estuda con delicadeza ao home e á muller na súa faceta non só social senón tamén familiar; e describe como a tenrura se pode transformar en violencia até irromper na familia truncando soños e creando outros. A realidade cotiá máis próxima ao lector é a fonte de inspiración dun Fernández Naval que non dubida á hora de escribir sobre o propio proceso creativo, sobre a experiencia da emigración e o éxodo rural, ou sobre o modo en que a honradez de institucións e organizacións é ás veces desestabilizada pola sutil ameaza da corrupción. Estamos fronte a un autor cuxa vida e obra representan un compromiso co patrimonio cultural de Galicia, e que foi galardoado con premios de narrativa como o Xerais de Novela, e de poesía como o Cidade de Ourense ou o Fiz Vergara Vilariño, que recibiu hai pouco.

Texto de José Manuel Estévez Saá, publicado en El Correo Gallego o 1 de xullo de 2010.

Rosa Aneiros e Elena Gallego, o luns na Feira do Libro de Vigo

Asinatura,Autores,Fóra de Xogo,Narrativa,Noticias,Premios_Xerais,Presentacións,Xuvenil

O vindeiro luns, 5 de xullo, a partir das 19:00 horas, Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros de Sol de Inverno, Premio Xerais de Novela 2009 e Ás de bolboreta, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 e do resto da súa obra. Na mesma xornada, ás 19:30 horas, Elena Gallego presentará a súa primeira novela, Dragal. A herdanza do dragón, acompañada do editor Manuel Bragado.

Suso de Toro presentou «Sete palabras» en Zamora e Toro.

1 Xullo 2010

Asinatura,Autores,Narrativa,Noticias,Presentacións,Traducións,Xerais_nos_medios

Suso de Toro acaba de chegar das cidades de Toro e Zamora onde presentou a edición en castelán de Sete palabras, a súa novela máis recente pola que obtivo o Premio da Crítica 2010.

Feira do Libro de Vigo, actos de Xerais na primeira fin de semana

Asinatura,Autores,Feiras_do_libro,Fóra de Xogo,Infantil,Merlín,Narrativa,Noticias,Presentacións,Xuvenil

Mañá, venres, 2 de xullo, inaugúrase a Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na praza de Compostela, co pregón que pronunciará ás 20:00 horas o escritor Cid Cabido, autor d’ Unha historia que non vou contar, Premio ao mellor libro de Narrativa do ano 2009 da Asociación de Escrtiores en Lingua Galega. A continuación, ás 20:30 horas, realizarase a presentación do libro A viaxe do Ser de Manuel Pérez de Lis, na que o autor estará acompañado pola editora Helena Pérez.

A causa da coincidencia no espazo da Alameda da Feira do Libro coa proxección en pantalla xigante dos partidos nos que participa a selección española, os organizadores da Feira víronse na lamentable obriga de modificar o programa de actos previstos do serán do sábado, 3 de xullo. No que afecta aos relativos a Xerais quedan do seguinte xeito:

Ás 19:00 horas, Agustín Fernández Paz asinará exemplares dos seus libros Valados e Lúa do Senegal, Premio ao mellor libro infantil e xuvenil 2010 da Asociación de Escritores en Lingua Galega e do resto da súa obra.

A dirección de Xerais pide desculpas aos lectores e lectoras polos prexuízos que poida ocasionar esta modificación sobre o programa anunciado e lamenta a decisión das autoridades municipais de ubicar na Praza de Compostela un actividade lúdica que impide o normal funcionamento dunha convocatoria anual que se vén realizando nese mesmo espazo dende hai máis de tres décadas.

«En castellano no hay problema», presentación en Noia

Crónica,Noticias,Presentacións

Hoxe xoves, 1 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, realizarase a presentación do libro de Carlos Callón En castellano no hay problema. No acto acompañarán ao autor, Rafael García Guerrero, Alcalde de Noia; Domingos Ramón Campos Alborés, Portavoz Comarcal de Queremos Galego e o editor Manuel Bragado.