Teresa González Costa: «O segredo de Celerífera», entrevista en «Galicia hoxe»

16 Xuño 2010

Autores,Entrevistas,Merlín,Xerais_nos_medios

Teresa González Costa: «O importante logo de gañar un premio é non durmirte, non te podes deixar estar senón seguir traballando»

Vanesa Oliveira A filla do ladrón de bicicletas, a última obra que se fixo co Merlín de literatura infantil, supón un paso adiante para unha autora que hai dous anos irrompeu no panorama literario galego gañando, na mesma edición e por partida dobre, os premios Cunqueiro e Manuel María con dúas obras de teatro, Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras.

Custoulle sobrepoñerse daquel primeiro impacto á grobense Teresa González Costa, pero a medida que volveu coller o lapis foise sentindo mellor. “O importante é non durmirse”, di. E tanto que non o fixo a autora, á que tranquilizan a seguridade de poder publicar o libro nunha editorial con repercusión como Xerais e tamén a contía económica do galardón, dotado con 10.000 euros. “Eu son unha persoa cunha vida moi sinxela e ter este apoio é tranquilizador, axúdache a seguir traballando”, comenta a escritora.

Recoller o premio en San Simón foi especial para González Costa. “Foi precioso pola sorpresa que supuxo gañalo, e polo que significa o premio na historia da literatura infantil galega, ademais de cumprirse o 25 aniversario do galardón, e cun xurado de xente que tamén escribe”, explica.

Se nas súas anteriores obras abordaba temas como a incomunicación, en A filla do ladrón de bicicletas centra a súa ollada na dobre moral e na hipocrisía social, na competitividade e no materialismo.

“Os meniños entenden a vida dunha forma intuitiva”

“Como adultos, cando lemos nun libro os equilibrismos sobre unha corda, entendemos tamén os equilibrismos na vida. Os meniños senten o mesmo, pero dunha forma diferente, máis intuitiva. A infancia é un mundo moi sensible, no que os nenos sofren diferentes situacións que hai ao seu redor. A protagonista do libro, sofre o autoritarismo da súa tía Perfecta e outras cousas relacionadas co pasado de seu pai, que roubaba bicicletas. Pero o que procurei foi contar a historia con moito humor”, explica.

As bicicletas teñen para Teresa un significado especial. “Sempre significou para min a liberdade de subirse nelas, de viaxar moito non só de cativa pola miña aldea senón tamén en Xenebra -cidade onde viviu algo máis de dous anos anos-. Na obra, a bicicleta é unha figura tutelar, unha compañeira que nunca marcha. Por iso que a rouben é traumático. Un día, en Xenebra, roubáronlle a bicicleta a unha amiga, que ademais non era dela, así que imaxínate…”

Gañar un galardón é “bonito pero condiciónate”. Despois de facerse co Cunqueiro e co Manuel María, pasou uns meses sen saber como reorientar a súa escrita. “O importante é non durmirte, non te podes deixar estar. Eu sentinme mellor traballando en novas obras”, comenta. Ademais, González Costa valora a “seguridade” de que o libro o vaia publicar unha editorial como Xerais que, ao seu ver, “ten moita repercusión” pero destaca tamén a contía económica do premio. “Eu son unha persoa cunha vida sinxela e o económico é tranquilizador porque che axuda a seguir traballando”, engade.

A XERACIÓN DO 75

“Se hai renovación literaria, será o tempo e o público quen o decida”

A autora, que vive no Grove, cre “sintomática” a proliferación de escritoras da súa xeración que ademais se fan cos premios literarios máis valorados de Galicia. “A renovación faise en xeral. É normal que os nacidos en 1975 se dean a coñecer, é un relevo xeracional que se pode ver reflectido nun premio pero que tampouco ten por que. No sentido do xénero, creo que é algo que xa se está normalizando. Se se trata dunha renovación máis profunda iso será o tempo e o público quen o decida”, apunta.

Na historia, a nena Serafina quere ser equilibrista nun circo coa súa bicicleta, Celerífera. O xurado valorou a autenticidade e sinxeleza dos sentimentos que guían os personaxes así como os seus diálogos ocorrentes e áxiles, próximos ao teatro. “Á hora de comezar a escribila tiven que pensar se quería facer un espectáculo de teatro para circo ou unha obra en prosa. Pero finalmente, a obra pedíame outra forma polo tema, xa que había máis descricións”. O ditame do galardón valora tamén as situacións extraordinarias, até histriónicas que recrea a autora. “Adoito deixar voar a imaxinación, intento que os personaxes sexan extraordinarios, igual que cando escribo teatro”, afirma.

Texto publicado en Galicia hoxe o 16 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.