«O segundo sexo en galego» por María Xosé Queizán

16 Xuño 2010

Críticas,Ensaio,Traducións,Xerais_nos_medios

A obra da filósofa Simone de Beauvoir consta de dúas partes: a primeira, Os feitos e os mitos, foi publicada por Xerais no 2008. Agora preséntase o segundo tomo: A experiencia vivida. A extensa obra foi traducida ao galego por Marga Rodríguez Marcuño asesorada no aspecto filosófico por África López. Sei o inxente traballo que supuxo esta tradución, e confío en que ha ser a mellor expresión da autora noutra lingua, dado o coñecemento da Marga de ambas as linguas e o esmero e rigorosidade coa que traballa. Unha sorte para a nosa cultura. Esta segunda parte está máis achegada á realidade. Estuda a infancia, a mocidade, a madureza, a vellez, feminina; a súa situación social, de casada, nai ou prostituída; a sexualidade, o lesbianismo… Todas as experiencias na vida das mulleres son analizadas con intelixencia. A obra considérase un texto fundacional do feminismo do s. XX. A pesar dos máis de 60 anos transcorridos desde a súa publicación, ten o valor de todo discurso certeiro e universal. Parte do Fondo Común, o nome que lle dá ao que pouco despois sería definido como Patriarcado, e desde esa razón elabora un discurso afastado do esencialismo no que ser muller non é un arquetipo senón unha consecuencia cultural, produto da civilización. É unha ser en situación. A situación actual é máis libre, teñen máis formación, acceso ao traballo, á economía ou á sexualidade. O descubrimento da píldora anticonceptiva foi posterior á súa publicación, e supuxo unha gran liberación. As mulleres saíron do mundo privado e xa poden apreixar o universo en soberana soidade como ela aspiraba. María Xosé Quiezán

Artigo publicado n’ A Nosa Terra o 14 de xuño de 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

Emilio Alonso Pimentel na Lonxa Literaria de Moaña

Clubs_de_lectura,Narrativa,Noticias,Premios,Tertulia

O próximo venres, 18 de xuño de 2010, a  partir das 9 da noite, terá lugar no centro sociocultural Daniel Castelao, de Quintela unha tertulia dos membros da Lonxa Literaria de Moaña con Emilio Alonso Pimentel arredor da novela Mercurio, obra gañadora do VIII Premio  de novela por entregas La Voz de Galicia 2008.

Chuzame! A Facebook A Twitter

«Feministas galegas» en «AmecoPress»

Críticas,Crónica,Xerais_nos_medios

Gloria López publica unha documentada anotación no espazo dixital de AmecoPress sobre o libro de Mónica Bar Cendón Feministas Galegas. Crónica dunha revolución en marcha.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Mar Guerra: «Ao escribir para nenos procuro tratalos como iguais»

Autores,Entrevistas,Merlín,Xerais_nos_medios

ENTREVISTA CON MAR GUERRA, A RAÍZ DA PUBLICACIÓN DE XENARO E A HUCHA DO INDIANO

Xenaro volve. O rapaz que xogaba coas palabras en Xenaro e o misterio da mochilota verde (Premio Merlín 2008) regresa cunha historia misteriosa e detectivesca chea de sorpresas ata a última liña. Xenaro e a hucha do indiano é o segundo libro da escritora e xornalista Mar Guerra.

–Parece que Xenaro vai cobrando vida propia…

–Eu non pensaba en facer unha saga nin moito menos. Pero cando gañas o Merlín vas polos colexios facendo animación á lectura para falar cos nenos e responder as súas preguntas. Nestes encontros eles non paraban de preguntarme se ía facer outro Xenaro. Así que este libro naceu así, a demanda. Os nenos son marabillosos e absolutamente francos cando algo lles gusta ou non.

–Pero os xurados dos premios infantís normalmente compóñenos adultos.

–Ás veces non sabes moi ben onde está a clave. Eu trato de imaxinar o que lles gusta e simplemente tento baixar o nivel en canto a construcións lingüísticas e non pasarme coas descricións. Pero os nenos non son parvos, sinxelamente viviron menos e non teñen a nosa bagaxe. Ao escribir para nenos eu procuro tratalos como a iguais para que se dean conta de que non os estás a facer de menos nin agochándolles cousas.

–¿A intención didáctica é inseparable do libro infantil?

–No primeiro libro intentaba transmitir valores universais de solidariedade, xustiza social, agarimo polos que son diferentes, curiosidade, pero sen intención moralizante. Buscaba abrirlles os ollos e espertar preguntas. Este libro é máis de suspense, hai máis aventura e misterio. Pero hai por exemplo personaxes que veñen de fóra e se integran de pronto neste mundo dos protagonistas. O libro escribino moito antes da polémica polo galego no ensino, pero dalgún xeito xa se apunta esa convivencia en varias linguas perfectamente fácil e necesaria.

–¿Haberá máis Xenaros?

–Estou a gusto con Xenaro. El é un pouco coma min e eu, un pouco coma el. Se os nenos queren haberá máis. Son eles os que teñen que pronunciarse.

Entrevista de Beatriz Pallas publicada en La Voz de Galicia o 16 de xuño de 2010. Foto de C. Quián

Chuzame! A Facebook A Twitter

«”A Intervención”: canto polifónico á arte e á natureza», crítica de Ramón Nicolás

Críticas,Narrativa,Xerais_nos_medios

TERESA MOURE RETORNA AO PRIMEIRO PLANO DA ACTUALIDADE LITERARIA CUNHA NOVELA CORAL SOBRE AS RELACIÓNS ENTRE ARTE E ESPAZOS NATURAIS

Sigo con crecente interese a traxectoria creativa de Teresa Moure; ao meu ver unha dramaturga, ensaísta e narradora que constitúe, duns anos para acó, unha parte xa substantiva do noso sistema literario. Unha traxectoria, sobre todo no que ten a ver coa narrativa, na que teñen salientado por dereito propio algúns títulos que gozaron dunha unánime aceptación entre lectorado e crítica, mentres que outros ficaron, por diversas razóns, nun plano máis secundario.

Talvez A intervención cumpra situala entre os títulos que se empolicarán entre aqueles máis salientables da autora. Sen dúbida é esta unha novela que polo seu esquema construtivo, sen deixar de esixirlle a quen se achegue ás súas páxinas un papel activo que lle permitirá ir recompondo as pezas dun aparente quebracabezas,  facilita unha lectura fluída mercé á que asistimos ao deseño do universo persoal e grupal duns personaxes diversos, ben pouco convencionais, individualizados en condutas e accións, mais vinculados por un común desideratum artístico: en principio utópico, pero realizable, e que fai deles un conxunto compacto e robustecido por acreditar nun obxectivo común como é a realización desa “intervención” artística. Esta é, á fin e ao cabo,  a que transparenta o compromiso latexante cos espazos naturais de noso, nesta ocasión simbolizado no que se pode facer nunha canteira abandonada do Courel, e tamén a que vehiculiza a exhibición dunha protesta política de mans dadas coa intención estética, sen nunca deixar desatendidos outros obxectivos máis particulares e privativos de cadaquén: enterrar dunha vez o pasado, axustar as propias contas persoais, procurar un sentido último á vida a través desa performance colectiva.

Se algo concreto tivera que salientar desta novela reiteraría o que vén sendo un feliz lugar común na autora, isto é, esa capacidade para crear biografías de  ficción que por veces beirean o inverosímil, pero arredor das que é quen de crear unha atmosfera que transmite convicción e permite esvarar con naturalidade neses mundos que abalan entre o tanxible e o máxico; algo que establece un achegamento a esas vidas que se reviste de evidente empatía, nomeadamente neste caso cos Balseiro: “vehementes, soñadores, atolados e fascinantes”. Todos entretecen unha vida cotiá ganduxada con amores imposibles, golpes, derrubas, desexos, ilusións, demencias e tolemias tensionadas coa ansia creativa, feitos tantas veces conectados… Biografías que, ao meu xuízo e por se fose pouco, respectan a necesaria heteroxeneidade expresiva, amosando cadaquén as súas propias peculiaridades discursivas, nun xogo de espellos coral recollido a través do recurso ao multiperspectivismo e ao diario.

Mesmo non sería bo esquecer a dosificación de certos relampos irónicos, nin a presenza de certo humorismo distanciado,  nin aínda o dominio experimentado que se proxecta en tramas que tamén son operativas para reconstruír, con sutileza, un pasado persoal mais tamén colectivo. Fóra disto, non se abandona o que sospeito un intenso traballo previo á novela que sustenta a vizosidade na enumeración e descrición de plantas, flores, árbores e o mundo natural en xeral…, que tanto nos recorda a Herba moura. Un volume, para finalizar, que alén do dito nos desvela, por se se esquecera, que as grandes mudanzas só dependen en moitas ocasións de pequenos detalles, de pequenas intervencións que constrúen devagar, e arestora, todo este rotundo “artefacto” literario: fresco, contemporáneo e poliédrico. Ramón Nicolás

Texto de Ramón Nicolás publicado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o pasado sábado 12 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rosa Aneiros: «Ás de bolboreta»

Animación á lectura,Autores,Fóra de Xogo,Premios_Xerais,Xerais_nos_medios,Xuvenil

Que conta?

Na cafetería de Patricia, a Luzada, conflúen cada mañá os camiños polos que transitan os personaxes d’ As de bolboreta. O de Manuel, un neno de orixe africana orfo dobremente ao morrerlle a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e se deben enfrontar ás difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición das enfermidades. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres despois dos atentados terroristas no metro no ano 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do Goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño… Un grande abano de historias que conforman unha novela cun segredo: é un gran crebacabezas.

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o premio a Rosa Aneiros, sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un crebacabezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas se consegue unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista”. A novela de Rosa Aneiros foi tamén galardoada co Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2010.

Da palabra

A profesora Concha Costas describe Fóra de Xogo, de Edicións Xerais, como unha colección que conseguiu nos seus máis de doce anos de vida e nos seus cen volumes converterse nunha compañeira facilmente recoñecible para os mozos e mozas galegos, nunha arca da que ir tirando historias que lles falan de conflitos persoais cos que se identifican, de problemas sociais que lles preocupan, de mundos fantásticos por descubrir, de aventuras para compartir, de momentos históricos que coñecen o que deben coñecer. E estes libros póñense ao seu dispor nunha etapa especialmente importante no seu camiñar lector xa que, segundo din os estudos, é na adolescencia cando máis risco hai de perdelos como lectores. A colección Fóra de Xogo ten moitas vantaxes. Entre os seus títulos hai moita diversidade de autores –galegos e non galegos– e de temas, propostas novidosas e de clásicos, de autores para descubrir a carón doutros consagrados, narrativa e poesía. Neles, os mozotes poden atopar historias realistas e fantásticas, de aventuras e de sentimentos, sociais e míticas, históricas e contemporáneas. Poden achegarse a propostas puntuais ou a series que permiten ir familiarizándose cun universo literario recorrente como o que poden atopar nas exitosas pescudas de Flanagan. E toda esta variedade de fíos garante que o tecido de lecturas sexa plural e que a formación lectora no ámbito necesario da literatura xuvenil sexa sólida e sente unha base coa que poder achegarse sen complexos e sen inseguridades a outras lecturas que vaian formando o seu hábito lector. Chegar aos cen títulos e facelo sen perder actualidade, sen esgotarse, sen diminuír a capacidade de seguir enredando os rapaces na arañeira dos fíos da lectura é un éxito de Xerais que cómpre recoñecer e celebrar, como todos aqueles que desde calquera recanto do mundo dos libros nos demostren que o noso sistema literario está vivo e ten autores e historias para seguir tecendo, coas artes máis antigas e tamén coas máis actuais, as prendas máis valiosas do noso fondo de armario lector.

[...]

Recomendado

Ademais de aconsellar Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros tamén recomendamos A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre; Illa soidade de An Alfaya; A cova das Vacas Mortas de Jaureguizar, obras todas que foron galardoadas co Premio da Fundación Caixa Galicia. Ademais na mesma colección Fóra de Xogo podedes atopar moitas máis novelas como Unha primavera para Aldara de Teresa Moure; Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita ou Makinaria de Carlos Negro.

Texto de Romina Bal publicado na sección «Ler na escola»  de Galicia hoxe do 16 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Teresa González Costa: «O segredo de Celerífera», entrevista en «Galicia hoxe»

Autores,Entrevistas,Merlín,Xerais_nos_medios

Teresa González Costa: «O importante logo de gañar un premio é non durmirte, non te podes deixar estar senón seguir traballando»

Vanesa Oliveira A filla do ladrón de bicicletas, a última obra que se fixo co Merlín de literatura infantil, supón un paso adiante para unha autora que hai dous anos irrompeu no panorama literario galego gañando, na mesma edición e por partida dobre, os premios Cunqueiro e Manuel María con dúas obras de teatro, Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras.

Custoulle sobrepoñerse daquel primeiro impacto á grobense Teresa González Costa, pero a medida que volveu coller o lapis foise sentindo mellor. “O importante é non durmirse”, di. E tanto que non o fixo a autora, á que tranquilizan a seguridade de poder publicar o libro nunha editorial con repercusión como Xerais e tamén a contía económica do galardón, dotado con 10.000 euros. “Eu son unha persoa cunha vida moi sinxela e ter este apoio é tranquilizador, axúdache a seguir traballando”, comenta a escritora.

Recoller o premio en San Simón foi especial para González Costa. “Foi precioso pola sorpresa que supuxo gañalo, e polo que significa o premio na historia da literatura infantil galega, ademais de cumprirse o 25 aniversario do galardón, e cun xurado de xente que tamén escribe”, explica.

Se nas súas anteriores obras abordaba temas como a incomunicación, en A filla do ladrón de bicicletas centra a súa ollada na dobre moral e na hipocrisía social, na competitividade e no materialismo.

“Os meniños entenden a vida dunha forma intuitiva”

“Como adultos, cando lemos nun libro os equilibrismos sobre unha corda, entendemos tamén os equilibrismos na vida. Os meniños senten o mesmo, pero dunha forma diferente, máis intuitiva. A infancia é un mundo moi sensible, no que os nenos sofren diferentes situacións que hai ao seu redor. A protagonista do libro, sofre o autoritarismo da súa tía Perfecta e outras cousas relacionadas co pasado de seu pai, que roubaba bicicletas. Pero o que procurei foi contar a historia con moito humor”, explica.

As bicicletas teñen para Teresa un significado especial. “Sempre significou para min a liberdade de subirse nelas, de viaxar moito non só de cativa pola miña aldea senón tamén en Xenebra -cidade onde viviu algo máis de dous anos anos-. Na obra, a bicicleta é unha figura tutelar, unha compañeira que nunca marcha. Por iso que a rouben é traumático. Un día, en Xenebra, roubáronlle a bicicleta a unha amiga, que ademais non era dela, así que imaxínate…”

Gañar un galardón é “bonito pero condiciónate”. Despois de facerse co Cunqueiro e co Manuel María, pasou uns meses sen saber como reorientar a súa escrita. “O importante é non durmirte, non te podes deixar estar. Eu sentinme mellor traballando en novas obras”, comenta. Ademais, González Costa valora a “seguridade” de que o libro o vaia publicar unha editorial como Xerais que, ao seu ver, “ten moita repercusión” pero destaca tamén a contía económica do premio. “Eu son unha persoa cunha vida sinxela e o económico é tranquilizador porque che axuda a seguir traballando”, engade.

A XERACIÓN DO 75

“Se hai renovación literaria, será o tempo e o público quen o decida”

A autora, que vive no Grove, cre “sintomática” a proliferación de escritoras da súa xeración que ademais se fan cos premios literarios máis valorados de Galicia. “A renovación faise en xeral. É normal que os nacidos en 1975 se dean a coñecer, é un relevo xeracional que se pode ver reflectido nun premio pero que tampouco ten por que. No sentido do xénero, creo que é algo que xa se está normalizando. Se se trata dunha renovación máis profunda iso será o tempo e o público quen o decida”, apunta.

Na historia, a nena Serafina quere ser equilibrista nun circo coa súa bicicleta, Celerífera. O xurado valorou a autenticidade e sinxeleza dos sentimentos que guían os personaxes así como os seus diálogos ocorrentes e áxiles, próximos ao teatro. “Á hora de comezar a escribila tiven que pensar se quería facer un espectáculo de teatro para circo ou unha obra en prosa. Pero finalmente, a obra pedíame outra forma polo tema, xa que había máis descricións”. O ditame do galardón valora tamén as situacións extraordinarias, até histriónicas que recrea a autora. “Adoito deixar voar a imaxinación, intento que os personaxes sexan extraordinarios, igual que cando escribo teatro”, afirma.

Texto publicado en Galicia hoxe o 16 de xuño de 2010.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Fina Casalderrey fala dos Premios Xerais 2010

Autores,Entrevistas,Premios_Xerais,Vídeos,Xerais
Chuzame! A Facebook A Twitter