300 persoas nos Premios Xerais 2010

13 Xuño 2010

Noticias,Premios_Xerais,Vídeos

Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 12 de xuño, ditamináronse a XXVIIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros. Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas, entre as que se atopaban Francisco López Rodríguez, director xeral de Produción e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura de Turismo; Eduardo Reguera, concelleiro de Cultura do concello de Redondela; Xesús López, concelleiro de Cultura do concello de Vigo; Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística do concello de Vigo; Carme Adán, deputada do Parlamento de Galicia; Xabier Alonso, director xerente da Fundación Illa de San Simón; Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros de Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial.

>>

No acto, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participou o grupo «Os Alegres da Buraca» de Chapela que interpretou os temas «Barqueiro de Ribadavia» e «Estreliña do luceiro» e, ao remate da velada, animou a cea ao aire libre. Fina Casalderrey actou como mantedora literaria e leu o discurso titulada «Chove prata en San Simón». Celia Torres debullou durante a súa intervención a historia dos Premios Merlín, que nesta edición acadan a súa vixesimo quinta edición, e expresou un agarimoso recordo da editorial para o escritor Bernardino Graña, que no mesmo serán lía en Cangas do Morrazo o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Así mesmo, a condutora do acto leu un texto de adhesión de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG salientando «os efluvios de complicidade» entre ambos os dous actos celebrados ne senllos lugares da ría de Vigo, tan emblemáticos para a literarura galega, e abeizoando aos gañadores dos premios.

Tras a entrega dos galardóns a Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga, pechou a quenda de intervencións Manuel Bragado, director da editorial, que recoñeceu o papel decisivo que para a consolidación da Literatura Infantil en Galicia supuxo a traxectoria do Premio Merlín e a colección homónima a el vencellada, que supoñen «un auténtico éxito colectivo». Aledouse o director de Xerais da evidente renovación xeracional que se está producindo na literatura galega nos últimos anos, como demostra que unha xeración de narradoras nacidas entre 1975 e 1985 obteñan xa a maioría dos premios literarios deste xénero. «Felizmente vivimos na primeira década das narradoras galegas», salientou. Para rematar, agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Turismo, o Concello de Redondela e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.

Chuzame! A Facebook A Twitter

1 comentario

  1. [...] alta calidade do discurso de Fina Casalderrey como mantedora literaria da cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010, nin da orixinalidade e emoción da intervención de Teresa González Costa para agradecer o Premio [...]

    Pingback by Brétemas » Iolanda Zúñiga, un novo horizonte — 6 Setembro 2010 @ 2:33 a.m.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URL

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp